A CIG incrementa a súa representación en Alcoa-San Cibrao e consolídase como forza máis votada

Obtén 366 votos no Colexio de Especialistas, a máis de 200 de UGT.

Nas eleccións sindicais celebradas en Alcoa-San Cibrao os pasados días 11, 12 e 13 de decembro, a CIG acadou o respaldo de 366 traballadores/as, no Colexio de Especialistas e Non Cualificados, consolidándose como primeira forza cun total de 8 delegados, un máis que nas pasadas eleccións sindicais. A seguinte organización sindical, UGT, obtivo 163 votos e CCOO 132.

A sección sindical da CIG de Alcoa valora moi positivamente estes resultados e manifesta o seu agradecemento polo respaldo manifestado polos traballadores ás políticas defendidas durante este período polos representantes da Confederación Intersindical Galega.


Nota informativa


PREME NA IMAXE PARA AGRANDALA.

A CIG agarda que se activen os mecanismos para garantir a aplicación da Lei de Prevención nas obras públicas

Representantes da CIG, CCOO e UGT reuníronse con representantes da Consellaría de Traballo para tratar sobre a posta en marcha de medidas dirixidas a evitar que se repitan accidentes laborais nas obras públicas como os recentemente ocorridos nas obras do AVE en O Carballiño e Cerceda. A Consellaría comprometeuse a crear comisións territoriais para a prevención de riscos e un plan urxente para a grande obra pública.

Na xuntanza, que pretendía ser continuación da celebrada tras do accidente nas obras do AVE de O Carballiño, introduciuse o lamentábel incidente, tamén nas obras do AVE, en Cerceda.

Victorino Ares, secretario comarcal da Federación da Construción de A Coruña, explica que os representantes sindicais comunicaron á directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, a súa preocupación polo incremento da sinistralidade nas obras públicas.

Pola súa banda, a Administración anunciou que se está a elaborar un plan de actuación urxente respecto da grande obra pública, que xa está en marcha a contratación de 12 técnicos dependentes da Consellaría e que cando o plan estea rematado, previsiblemente antes do remate de setembro, presentarase aos sindicatos. Este plan, denominado “Plan de Actuación Especial en Grandes Obras Públicas de Construción” será desenvolvido até finais de 2007.

Para Ares a xuntanza foi “positiva” porque as organizacións sindicais tiveron a posibilidade de transmitir as súas inquedanzas a respecto da sinistralidade laboral. Porén, considera que estas propostas poden resultar “moi propagandísticas e o importante non é o que se diga sobre o papel senón o que se leve á práctica”.

O responsábel da Construción da comarca de A Coruña denunciou ademais a situación laboral na que se atopan os traballadores no sector e o escaso control que existe, sobre todo, nas empresas subcontratadas. Por iso, demanda que se activen os mecanismos para que se faga cumprir a lei, “porque xa existe”.

Preto de 500 delegados/as da CIG dos sectores de Administración pública concéntranse ante San Caetano

Arredor de 500 delegados e delegadas da CIG déronse cita diante da sede da Xunta de Galiza, en San Caetano, para manifestar o seu rexeitamento á disposición adicional 17ª, máis coñecida como “plus de altos cargos”. Unha disposición que permitirá aos funcionarios e funcionarias ex altos cargos obter de por vida, un complemento de destino de 14.721 euros anuais, incrementándose así en 3.000 euros o máximo nivel de complemento de destino existente na carreira administrativa.

A concentración, que comezou ás 11:30 horas, seguiu cunha marcha arredor do edificio de San Caetano para rematar diante da entrada principal da sede da Xunta de Galiza. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, explicou, ao remate da mesma, os resultados das xuntanzas mantidas até o de agora cos grupos parlamentarios do BNG e do PP.

Alén diso, lembrou que para a CIG o correcto sería aproveitar a reforma da Lei da Función Pública Galega, que entrou en vigor o pasado 17 de setembro, “para rebaixar os privilexios dos funcionarios e funcionarias que ocuparon altos cargos de designación política, como o seu sistema acelerado de consolidación do nivel 30 (11.721 euros anuais), polo simple desempeño dun alto cargo durante dous anos continuados ou tres con interrupción”.

A CIG, que desde o primeiro momento manifestou a súa oposición a esta disposición adicional, entende que “o que se fai con este complemento de 3.000 euros máis, é crear unha casta privilexiada composta polos funcionarios e funcionarias que ocuparon en algún momento postos de designación política e que perciben por tal motivo unha retribución á que ningún outro servidor público pode aspirar, por exemplar e brillante que sexa a súa carreira”.

Pero esta medida non é para a Confederación Intersindical Galega discriminatoria só para o conxunto dos funcionarios e funcionarias. Así Seixo sinalou que “é discriminatoria, inxusta e desproporcionada en relación con todos os cidadáns e cidadás que non son funcionarios públicos e nalgún momento da súa vida desempeñan cargos públicos ou de prestación política”.

Para a CIG esta forma de proceder “é reflexo dunha concepción elitista da función pública, pola que se crea e prima un corpo de elite, os funcionarios e funcionarias que ocuparon cargos públicos, coa agravante de que se fai con importantes custos para o erario público”.

Por iso, a CIG, ademais de convocar esta concentración e de manter reunións cos tres grupos parlamentarios, ten previsto, se non se consigue por esta vía a derrogación da disposición adicional 17ª, promover unha Iniciativa Lexislativa Popular a fin de forzar o debate no Parlamento Galego para anular este plus.

O numero de traballadores afiliados a CIG en EMESA medra dia a dia

Os afiliados a CIG en EMESA califican como "moi satisfactoria" a cantidade de traballadores que se está a afiliar o noso sindicato en EMESA.

"no ultimo mes case que se chegou a un traballador por dia que se achega a nos para afiliarse, esto como e evidente nos fai ter moitas esperanzas de cara o futuro, tanto no numero de afiliados como, na mais que posible entrada no Comité de Empresa".


"Pese a todo seguiremos a traballar arreo para medrar en afiliacións como na implicación dos afiliados para adefensa dos dereitos dos traballadores de esta factoria, o noso principio de traballo pasa pola información os traballadores asi como o respeto as decisións que os mesmos tomen de cara a negociación do próximo convenio"


"Sempre estaremos abertos a escoitar a todos os traballadores nos problemas ou dubidas que teñan no eido laboral, como tamén a dialogar coa dirección da empresa para mellorar as condicións tanto laborais como económicas dos traballadores na mesma, o noso criterio de traballo coa dirección da empresa estará baseado no dialogo e o respeto mutuo, con ese criterio poderemos acadar melloras sustacias tanto para os traballadores como para EMESA."

A CIG esixe responsabilidades pola morte do traballador de Megasa

A CIG esixe que se depuren responsabilidades pola morte do traballador de Megasa no accidente laboral ocorrido o 12 de agosto nesta metalúrxica naronesa. O sindicato nacionalista vaise presentar como parte no caso e denuncia a versión defendida polo comité de empresa, conformado por UGT e CC OO, que atribúe o sinistro a un «erro humano» e que sinala que se cumpriron «ao 100%» as medidas de prevención de riscos laborais.

A CIG ten coñecemento a través dos seus afiliados en Megasa do incumprimento das normas de prevención nesta factoría. A carretilla que atropelou mortalmente o operario carecía de espellos retrovisores externos. Ademais, o sinal acústico que advirte da manobra de marcha atrás era moi feble, polo que resulta practicamente imposíbel ouvilo tendo en conta os niveis tan altos de ruído que se rexistran na fábrica. Así o explicou en roda de prensa Ramón Afonzo, responsábel de Saúde Laboral da CIG-Metal.

A depuradora da factoría é incapaz de absorber todos os gases tóxicos debido ao seu funcionamento deficiente. Á parte da contaminación do ambiente, os operarios teñen que aturar a diario temperaturas moi elevadas. Non existe unha delimitación axeitada entre os espazos de traballo e os de lecer e descanso. Para ir desde a zona dos vestiarios até o comedor, os traballadores deben cruzar un corredor no que as carretillas circulan a grande velocidade. Hai once anos outro traballador morrera esmagado por un destes vehículos.

Os obreiros están sometidos a moita presión para poder cumprir coas altas cotas de produción que marca a empresa, o que se traduce nun ritmo de traballo frenético. No caso de presentar calquera tipo de reclamación en materia de seguridade, os empregados das auxiliares son ameazados directamente co despedimento e, os da principal, coa deslocalización da factoría.

Alfonso Tellado, director do Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG, anunciou que o sindicato se vai presentar como parte no proceso e que porá a disposición da familia do obreiro finado todos os medios ao seu alcance. A CIG fará un seguimento exhaustivo do protocolo activado tralo accidente pola Inspección de Traballo e a Fiscalía.

O secretario comarcal de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, reiterou a esixencia de depuración de responsabilidades pola morte do traballador. Pintos recoñeceu a riqueza que crea a empresa na bisbarra mais de seguido engadiu que a CIG «non vai tolerar a perda de vidas pola chantaxe de que Megasa poda marchar de aquí». «Nós antepoñemos a vida das persoas aos intereses económicos», sentenzou o secretario comarcal.

Duro golpe contra a precariedade no sector Naval que pasa a ter un 54,8% de traballadores fixos

A actual porcentaxe de contratación é de 54,8%, cando só 7 meses atrás a porcentaxe era inferior ao 20%. No último mes fixéronse un total de 1.300 contratos indefinidos. O censo total rexistrado nas 215 empresas é de 5.170 traballadores, dos que case 2.900 está xa con contrato indefinido.

O 27 de xuño remataba o prazo para que as empresas auxiliares do Naval certificaran o cumprimento da porcentaxe de fixos regulada no Convenio. O resultado é que das 215 empresas, 207 cumpren o convenio e case 2.900 traballadores pasaron a ter un contrato indefinido.

207 empresas auxiliares do Naval aplicaron a porcentaxe de contratación indefinida, que estaba fixada como mínimo no 45%. As oito empresas auxiliares restantes non entregaron os datos nin contestaron, polo que non actualizaron a porcentaxe necesaria de persoal.

Na Comisión de Seguimento deste venres promoverase a rescisión da actividade destas empresas nos estaleiros e a imposibilidade, que se fixou no acordo que puxo fin á folga do Naval de 18 días, de continuar a traballar no sector.


Hai 7 meses a porcentaxe de indefinidos era inferior ao 20%.
A actual porcentaxe de contratación é de 54,8%, cando só 7 meses atrás a porcentaxe era inferior ao 20%. No último mes fixéronse un total de 1.300 contratos indefinidos.
O censo total rexistrado nas 215 empresas é de 5.170 traballadores, dos que case 2.900 está xa con contrato indefinido.

Valoración da CIG

A CIG valora positivamente o resultado do acordo, recollido como consecuencia do conflito do Naval, xa que con este cambio na contratación “se lle está a dar un duro golpe á precariedade”.


Amianto, ¡perigo!, A saúde non se vende ni se delega

Hai máis de corenta anos que se coñecen os efectos nocivos do amianto e nembargantes os traballadores estiveron contaminándose ano tras ano, día tras día, sen que as distintas Administracións fixeran nada por evitalo.

Este producto, milagre polos beneficios económicos que comporta, provoca milleiros de mortos no mundo. Malia que en Europa está xa prohibido na súa totalidade e que varios gobernos están xa desmontando o amianto instalado, o Estado español ten que escoitar a voz do conxunto da poboación exposta e que ten que facer o que outros gobernos: PROHIBILO e SUBSTITUÍLO.

Mentres, os traballadores/as e os pequenos empresarios, temos, teñen, que coñecer en que condicións se pode traballar, e que dereitos sobre a vixiancia da saúde se teñen que cumprir.

A SAÚDE non se vende ni se delega, polo que faise imprescindible a participación de todos os traballadores/as, e os seus representantes, desde o mesmo posto de traballo.

Tempo Sindical - abril 2007


Preme enriba da imaxe para acceder o voceiro da CIG en formato PDF


Calendario Laboral ano 2008

EMESA a fábrica Coruñesa do Aceiro

Emesa comezou como fabricante de puntas de construción e enseguida converteuse nunha das empresas máis relevantes dos anos 60. A ampliación do aeroporto de Barallas, o transvasamento do Tajo-Segura e a central térmica das Pontes, entre outras, son algunhas das principais obras nas que a acerería galega participou. A crise dos anos 70 supuxo a caída en picado da empresa, que estivo en mans de varios compradores ata que en 2004 pasou a mans da multinacional Isolux Corsán, que conseguiu reflotala, aínda que a firma foise diluíndo até a súa desaparición en 2005, cando Isolux absorbeuna definitivamente

As orixes de Emesa remóntanse ás reunións do café Mesquita, onde un grupo de personalidades do mundo da empresa e dos negocios xuntábanse para discutir sobre a fabricación de puntas de encofrar. Aínda que esta é unha lenda que circulou na fala da xente, en 1958 creouse unha sociedade produtora de puntas de construción para substituir importacións. Os compoñentes dese grupo foron os maiores accionistas: Luciano Yordi de Carricarte, Vicente Otero Valcárcel, Jacinto Amigo e Rogelio Fernández.

O aceiro era un ben escaso en España e para fundilo era necesario un gran consumo eléctrico. Para iso era obrigatorio ter o permiso de "gran consumidor enerxético". O empresario Rogelio Martínez, un dos primeiros accionistas de Emesa, que dispuña de boas relacións persoais con Franco, conseguira devandito permiso. Este forno estivo na base de Elaborados Metálicos SA, na medida en que Pedro Barrié da Maza, presidente de Fenosa, conseguiu que o forno se instalase na Coruña grazas tamén á súa boa relación co ditador. Pronto, a construción residencial e sobre todo a pública, íanse a converter nun excelente cliente.

Ademais, a segunda metade dos anos 50 foi dunha intensa actividade construtora en Fenosa, unha vez que se liberaron moitos dos mecanismos autárquicos da economía española. Isto provocou unha gran demanda de enerxía eléctrica en todo o país. Fenosa absorbera xa por esta época á maior empresa eléctrica que existía en Galicia: a Sociedade Xeral Galega de Electricidade.

No momento da súa constitución, Emesa non se trataba propiamente dun investimento directo da eléctrica galega, a pesar de que moitos dos seus accionistas estaban vinculados directa ou indirectamente co grupo Pastor. Nos anos sesenta, a expansión do grupo obrigou a realizar sucesivas ampliacións de capital e fixo necesario acceder a liñas de crédito e préstamos bancarios. En 1963, un dos socios crave, Rogelio Fernández, abandonou a empresa. O consello de administración cambiou nesta época, e tamén se permitiu a entrada dun número significativo de pequenos accionistas.

Nos anos 60 estableceuse definitivamente o que ía ser durante varias décadas a estrutura produtiva da empresa. A actividade industrial constaba de dous procesos: a fundición en forno a partir de chatarra e a laminación. Tamén a finais desta década e comezos dos 70 engadiuse un terceiro produto derivado da laminación, a ferralla, empregada na construción de alicerces, vigas e plantas de formigón.

Emesa foi a primeira firma que adquiriu maquinaria para dobrar o aceiro da ferralla (para o que desenvolveu unha patente mundial) e por primeira vez empezaban a interpretarse os planos dos enxeñeiros con especificacións para construír vigas, alicerces e plantas. Este avance converteu a esta sección da factoría da Grela nunha das máis intensivas en emprego. A segunda liña que derivaba da fundición estaba constituída pola trefilería: a produción de cable e arame para enxeñaría e construción. A última liña era a de construcións metálicas e alta calderería. Polo que xa nese momento era unha empresa consolidada e acreditada, con clientes en Galicia e no exterior.

En 1966 produciuse a intervención formal do grupo Pastor en Emesa e houbo novas ampliacións de capital. Nesta época, a acerería participou na ampliación do aeroporto de Barallas, no transvasamento Tajo-Segura, nos accesos a Galicia por estrada, ademais da súa intervención na construción do complexo das Pontes e a central térmica de Sabón, entre outros. A produción e facturación seguiron unha liña ascendente.

Este crecemento comezou a caer ao incidir a crise de 1974. A depreciación da peseta incidiu sobre os prezos finais e afectou as materias primas. A produción tivo que venderse custe o que custe para eliminar excedentes. Nesta época, a empresa comezou a exportar de maneira sistemática, buscando unha saída á caída dos prezos interiores e aproveitando a vantaxe da desvalorización da peseta. En 1978 as perdas alcanzaron a cifra de 330 millóns de pesetas. Era a primeira vez que Emesa recollía un beneficio negativo e, ademais, desta dimensión. Desta forma, comezou a diminuír a escala do negocio nas liñas de maior déficit, como a fundición. Tamén se pechou a liña do aceiro, cuxa man de obra e técnicos transferíronse integramente a Sidegasa, a acería que Emesa e o Pastor crearan en Teixeiro. Unha das realizacións máis emblemáticas foi a construción da ponte de Rande, inaugurado en 1978.

Desde principios da década, falouse crear unha gran siderúrxica integral en Galicia e Emesa participou na creación da siderúrxica galega Sidegasa. En 1979, finalmente, 203 persoas de Emesa, entre técnicos e traballadores, foron transferidos a Sidegasa. O proxecto, con todo, fracasou e a sociedade caeu en mans da siderúrxica catalá Celsa. Aínda que sucesivos exercicios entre 1982-87 trataron de mellorar a situación financeira, ningunha das medidas que se tomaron serviu para recuperar a solvencia e a conta de resultados de Emesa.

En 1984 a liña de trefilería escindiuse formando a sociedade Emesa Trefilería. As perdas, con todo, eran insustentables e en 1989 foi vendida ao grupo público Ensidesa. En 1994 pasou a formar parte da Corporación Siderúrxica Integral, que en 1997, xunto con Altos Fornos de Biscaia constituíu o grupo Aceralia. En 2002, Aceralia, a francesa Usinor e a luxemburguesa Arbed integráronse horizontalmente conformando o xigante europeo do aceiro, a maior firma mundial do sector. Pero entre os seus obxectivos non estaba o de manter Emesa Trefilería, polo que en 2004 púxose novamente á venda. Tras unha poxa coa empresa italiana Riva, o grupo portugués Socitrel adquiriuna por cinco millóns de euros.

Pola súa banda, Emesa Construcións Metálicas seguiu acumulando perdas ata que foi vendida a Isolux en 1999. Esta multinacional española obtivo unha subvención e situou Emesa en Coirós, onde dispuña dunha rápida comunicación co porto coruñés e unhas instalacións de alta tecnoloxía, con informatización dos procesos de produción. Por primeira vez, a empresa substituíu a vantaxe competitiva, baseada no emprego barato pola aposta pola alta tecnoloxía, a especialización e a calidade do produto final. Para iso, centrouse na construción de estruturas (pontes e algúns edificios singulares, algúns deseñados por Santiago Calatrava).

Actualmente, o grupo mantén un comportamento financeiro positivo. Entre 1999 e 2004 multiplicou os seus ingresos de explotación, os seus activos e os seus fondos propios. O dato negativo, neste caso, vén da práctica desaparición da firma Emesa. Isolux Corsán case eliminou os seus acenos de identidade e en 2005 absorbeu definitivamente ás sociedades que actuaban de forma independente no conxunto do grupo, entre elas Emesa. A redución de Emesa provocou un proceso de formación de novas firmas por parte de directivos, técnicos e traballadores especializados procedentes da acerería galega.

Extraido de un artigo de MARÍA J. AIRA no xornal La Opinión de A Coruña