A CIG agarda que se activen os mecanismos para garantir a aplicación da Lei de Prevención nas obras públicas

Representantes da CIG, CCOO e UGT reuníronse con representantes da Consellaría de Traballo para tratar sobre a posta en marcha de medidas dirixidas a evitar que se repitan accidentes laborais nas obras públicas como os recentemente ocorridos nas obras do AVE en O Carballiño e Cerceda. A Consellaría comprometeuse a crear comisións territoriais para a prevención de riscos e un plan urxente para a grande obra pública.

Na xuntanza, que pretendía ser continuación da celebrada tras do accidente nas obras do AVE de O Carballiño, introduciuse o lamentábel incidente, tamén nas obras do AVE, en Cerceda.

Victorino Ares, secretario comarcal da Federación da Construción de A Coruña, explica que os representantes sindicais comunicaron á directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, a súa preocupación polo incremento da sinistralidade nas obras públicas.

Pola súa banda, a Administración anunciou que se está a elaborar un plan de actuación urxente respecto da grande obra pública, que xa está en marcha a contratación de 12 técnicos dependentes da Consellaría e que cando o plan estea rematado, previsiblemente antes do remate de setembro, presentarase aos sindicatos. Este plan, denominado “Plan de Actuación Especial en Grandes Obras Públicas de Construción” será desenvolvido até finais de 2007.

Para Ares a xuntanza foi “positiva” porque as organizacións sindicais tiveron a posibilidade de transmitir as súas inquedanzas a respecto da sinistralidade laboral. Porén, considera que estas propostas poden resultar “moi propagandísticas e o importante non é o que se diga sobre o papel senón o que se leve á práctica”.

O responsábel da Construción da comarca de A Coruña denunciou ademais a situación laboral na que se atopan os traballadores no sector e o escaso control que existe, sobre todo, nas empresas subcontratadas. Por iso, demanda que se activen os mecanismos para que se faga cumprir a lei, “porque xa existe”.

Preto de 500 delegados/as da CIG dos sectores de Administración pública concéntranse ante San Caetano

Arredor de 500 delegados e delegadas da CIG déronse cita diante da sede da Xunta de Galiza, en San Caetano, para manifestar o seu rexeitamento á disposición adicional 17ª, máis coñecida como “plus de altos cargos”. Unha disposición que permitirá aos funcionarios e funcionarias ex altos cargos obter de por vida, un complemento de destino de 14.721 euros anuais, incrementándose así en 3.000 euros o máximo nivel de complemento de destino existente na carreira administrativa.

A concentración, que comezou ás 11:30 horas, seguiu cunha marcha arredor do edificio de San Caetano para rematar diante da entrada principal da sede da Xunta de Galiza. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, explicou, ao remate da mesma, os resultados das xuntanzas mantidas até o de agora cos grupos parlamentarios do BNG e do PP.

Alén diso, lembrou que para a CIG o correcto sería aproveitar a reforma da Lei da Función Pública Galega, que entrou en vigor o pasado 17 de setembro, “para rebaixar os privilexios dos funcionarios e funcionarias que ocuparon altos cargos de designación política, como o seu sistema acelerado de consolidación do nivel 30 (11.721 euros anuais), polo simple desempeño dun alto cargo durante dous anos continuados ou tres con interrupción”.

A CIG, que desde o primeiro momento manifestou a súa oposición a esta disposición adicional, entende que “o que se fai con este complemento de 3.000 euros máis, é crear unha casta privilexiada composta polos funcionarios e funcionarias que ocuparon en algún momento postos de designación política e que perciben por tal motivo unha retribución á que ningún outro servidor público pode aspirar, por exemplar e brillante que sexa a súa carreira”.

Pero esta medida non é para a Confederación Intersindical Galega discriminatoria só para o conxunto dos funcionarios e funcionarias. Así Seixo sinalou que “é discriminatoria, inxusta e desproporcionada en relación con todos os cidadáns e cidadás que non son funcionarios públicos e nalgún momento da súa vida desempeñan cargos públicos ou de prestación política”.

Para a CIG esta forma de proceder “é reflexo dunha concepción elitista da función pública, pola que se crea e prima un corpo de elite, os funcionarios e funcionarias que ocuparon cargos públicos, coa agravante de que se fai con importantes custos para o erario público”.

Por iso, a CIG, ademais de convocar esta concentración e de manter reunións cos tres grupos parlamentarios, ten previsto, se non se consigue por esta vía a derrogación da disposición adicional 17ª, promover unha Iniciativa Lexislativa Popular a fin de forzar o debate no Parlamento Galego para anular este plus.