O Comité de Empresa chega a un acordo coa empresa no tema do calendario laboral


Preme na imaxe para facer mais grande o comunicado.

A CIG convoca o 6 de novembro folga no Metal do convenio provincial de Pontevedra contra a represión sindical e a precariedade

Nunha rolda de prensa, celebrada o venres 31 de outubro no local sindical da CIG de Vigo, deuse a coñecer a convocatoria de folga para todos aqueles traballadores aos que se lles aplique o convenio provincial do Metal de Pontevedra. Estes máis de 22.000 traballadores están chamados á folga contra a represión sindical, xa que nesa data van ser xulgados catro traballadores do Metal, que no 2007 estiveron case quince días en folga para que se cumprira o convenio. A Fiscalía solicita catro anos de cárcere para estes catro folguistas. Ademais con esta folga, a CIG tamén quere denunciar a situación de precariedade que continúa a existir no sector.
Rolda de prensa .
Xosé Emilio Pérez, integrante da coordenadora do Naval, Roxelio Veiga, membro da Executiva comarcal, e Henrique Pérez, secretario comarcal da CIG-Metal.

Henrique Pérez, secretario comarcal da CIG Metal, salientou que as tres centrais sindicais (CIG, CCOO e UGT) teñen un diagnóstico común das orixes desta convocatoria da folga, mais o "que nos diferencia é a magnitude que pensamos que ten que ter e a contundencia da resposta que pensamos se debe dar neste caso". Así, desde a CIG, "entendemos que esta ten que ser unha folga que afecte a todas as persoas afectadas polo convenio provincial do Metal da provincia de Pontevedra, porque foi pola defensa deste convenio polo que son xulgados estes catro traballadores, e por iso estamos aquí".

Medre continuado da precariedade

Ademais, Pérez destacou que "as razóns xa veñen aniñando no sector desde hai tempo, xa que despois de ter asinado o convenio, lembremos que o ano pasado tivemos que volver sair ás rúas polo cumprimento deste convenio, e desde hai uns meses para acá vimos denunciando o medre continuado da precariedade no sector".

En canto á precariedade, o secretario comarcal da CIG Metal destacou que "observamos que hai empresas que non cumpren co establecido no convenio no seu artigo oitavo que fala da contratación, do pase de eventual a fixo, e é que aínda quedan empresas que non cumpren o establecido no convenio, que fixa nun 55% a porcentaxe de traballadores fixos. Esta foi unha das razóns que nos levou a ter un convenio bastante tenso na súa negociación no ano 2006, e atopámonos tamén agora cunha situación de novo tensa, e é que na actualidade hai unha presenza importante de empresas estranxeiras, que cubrindo as formalidades legais, teñen ao seu persoal en situación ilegal, porque as súas condicións económicas e sociais que fixa o convenio provincial do Metal de Pontevedra non son respeitadas, é dicir, que nin están a percibir as retribucións que lles corresponden nin tan sequera os dereitos sociais que teñen pola aplicación deste marco laboral no que traballan".

Apoio unánime aos compañeiros que van ser xulgados

"Facemos esta folga porque o día 6 van xulgar a catro compañeiros que son precisamente xulgados pola súa participación na folga no ano 2007, que se realizou para esixir que se cumprira o convenio asinado o ano anterior. Por isto, todos, incluídos os demais sindicatos con independencia de formalidade en canto a convocatoria, coincidimos no apoio a estes compañeiros, que van ser xulgados como consecuencia desa loita que non se debeu dar se os que asinaron o convenio o respeitaran", subliñou Pérez.

6 de novembro, xornada de loita no sector do metal

Apoiado nestas razóns, Pérez amosou "a nosa solidariedade para con eles, porque esa situación non se debeu dar hai un ano, porque ademais é que xa vemos como hoxe continúan estas situacións de precariedade. Eliximos o día 6 como unha xornada de loita do sector para que estes traballadores non sexan condenados e para denunciar a situación que continúa a vivir o sector".

Por último, sobre a petición de catro anos de cadea, o secretario comarcal do Metal manifestou que "son palabras maiores, e cremos que quen tiña que estar sentado nese xuízo son os empresarios que non cumpriron o convenio e que obrigaron aos traballadores a mobilizarse na defensa do acordado".

EN DEFENSA DOS INTERESES DA CLASE TRABALLADORA GALEGA A CRISE QUE A PAGUE O CAPITAL

Estamos asistindo nas últimas semanas a unha carreira á desesperada, por parte de EEUU e de varios Estados europeos, entre eles o español, por intentar salvar un sistema financeiro especulativo que se lles vén abaixo, recorrendo para isto a inxectar no sistema financeiro cantidades de milleiros de millóns de euros, supostamente para “salvar a economía de todos”. Ante a utilización desta cantidade tan enorme de fondos públicos, os cidadáns de a pé, a clase traballadora, cómpre que reaccionemos e nos fagamos varias preguntas:
Son xustas estas medidas? NON. Non podemos aceptar, por inxusto e abusivo, que os recursos públicos, o recadado cos impostos pagados por todos e todas nós, sexan utilizados polos gobernos para tapar o buraco negro, de milleiros de millóns de euros, provocado por un sistema financeiro especulativo que permitiu amasar grandes fortunas a banqueiros e promotores inmobiliarios. Mentres isto acontece, eles teñen as súas fortunas bes resgardas. Existen responsábeis desta crise? SI. Os oligarcas e as forzas políticas (no caso do Estado español, o PP e o PSOE ) que xustificaron e defenderon durante todos estes anos este modelo de capitalismo neoliberal que, entre outras medidas, promoveu un sistema financeiro desregulado que impón as regras de xogo da economía a nivel mundial, xerando burbullas especulativas cos prezos da vivenda, da enerxía ou dos cereais, posibilitando a acumulación da riqueza nuns poucos a custa do endebedamento, redución da capacidade de compra das familias e miseria en amplos sectores da poboación. Teñen consecuencias graves estas medidas para a clase traballadora? SI. O endebedamento dos Estados que esta achega de recursos públicos ao sector financeiro vai supor, ha traer consigo: recorte do gasto público en servizos sociais, ensino, sanidade, pensións, infraestruturas, etc., incremento dos impostos indirectos, inflación, recorte dos salarios... En definitiva, empobrecemento da clase traballadora e incremento das desigualdades sociais. Son posíbeis e necesarias outras medidas? SI. Non podemos meter millóns de euros do erario público nas mans daqueles que son os responsábeis da actual crise, para que sigan especulando con eles nos mercados financeiros e ampliando as súas grandes fortunas. HAI QUE NACIONALIZAR TODO O SECTOR FINANCEIRO e levar adiante unha xestión pública dos bancos, como única garantía de que o sistema financeiro estea realmente ao servizo do sector produtivo, do crecemento da economía real, e non ao servizo do lucro duns poucos como está a suceder na actualidade.

Non nos resignemos, mobilicémonos. Non aceptemos unhas medidas que pretenden que esta crise económica a paguemos, coma sempre, os traballadores e traballadoras, mentres os culpábeis da mesma seguen a incrementar o seu patrimonio persoal. Defendamos un sistema socioeconómico que socialice as ganancias e non só as perdas. PSOE e PP culpábeis.

Galiza, outubro de 2008

“ Por un novo modelo económico e social, a crise que a pague o capital”

A CIG vén de pór en marcha unha campaña para denunciar aos responsábeis da actual situación de crise económica e repercusións que terán, para a clase traballadora, as medidas adoptadas até o de agora polos distintos gobernos. Unha campaña na que se demandará que se poñan as bases para desenvolver un novo modelo socioeconómico e que se adopten medidas para que a crise a paguen os que a provocaron e non a maioría social. As asembleas en empresas e a campaña de sensibilización culminará con manifestacións, en todas as cidades de Galiza, o próximo día 13 de novembro.

A campaña da CIG vén desenvolvéndose durante todo este mes e continuará a comezos de novembro con asembleas de traballadores nas empresas e cunha campaña de sensibilización social e de denuncia deste modelo socioeconómico, que non responde aos intereses da grande maioría social, que é a clase traballadora, para concienciar a traballadoras e traballadores da necesidade de mudar o actual sistema socioeconómico por outro máis xusto que, en ningún caso está representado polo capitalismo neoliberal.

A campaña desenvólvese, nesa primeira etapa, baixo os lemas “Por un novo modelo económico e social, a crise que a pague o capital” e “Coa CIG, en defensa de Galiza e da clase traballadora”.


Manifestacións en todas as comarcas

A Mariña: Saída ás 19:30 da Praza Maior de Viveiro

A Coruña: Saída ás 20:00 horas da Praza da Palloza.

Ferrol: Saída ás 19:30 da Avenida de Esteiro, diante do sindicato.

Lugo: Saída ás 20:00 h da Ronda da Muralla, diante do sindicato.

Ourense: Saída, ás 20:00 h do pavillón.

Pontevedra: Saída ás 20:30 h da Praza da ferrería.

Santiago: Saída ás 20:00 h da Praza Roxa.

Vigo: Saída ás 20:00 da Vía Norte.

Rolda prensa crise económica 21/10/08 Suso Seixo

O capitalismo neoliberal e as organizacións políticas que fomentaron a súa implantación son, segundo explicou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, os principais responsábeis da actual situación de crise económica.

Unha crise que se quere presentar como financeira pero que Seixo alertou que se trata dunha crise económica real, tal e como constatan datos como o incremento do número de empresas pechadas no que vai de ano respecto de períodos anteriores, ou a crise de sobreprodución que xa se comeza a manifestar.

Partindo desta diagnose a CIG vén de analizar a situación xerada, as repercusións que xa está a ter para a clase traballadora, as medidas que desde os gobernos se están a pór en marcha e as medidas que se deberían aplicar.

Segundo explicou Seixo, para a CIG é “tremendamente escandalosa a expropiación que están facendo os gobernos aos traballadores, de recursos públicos que se obteñen dos impostos directos e indirectos, que pagamos a grande maioría da poboación para agora salvar un sistema financeiro que é o causante desta grave situación de crise que estamos a padecer”.

A CIG considera inadmisíbel que se estean a pór grandes cantidades de recursos públicos en mans dos mesmos que provocaron a crise para que sigan especulando na bolsa e que se favoreza aínda máis a concentración no sector bancario no canto de destinar eses cartos a reforzar e fomentar a economía produtiva. “É un atentado que debería estar tipificado como delicto contra a clase traballadora”.

Nacionalización da banca

Fronte á decisión adoptada polo goberno español de desviar cartos públicos para soster ás entidades financeiras e reproducir o actual sistema, a CIG propón a nacionalización da banca “porque a única garantía de que eses recursos vaian ao sector produtivo é que haxa un control público da xestión”.

Porén a CIG é consciente de que a Xunta de Galiza non ten capacidade para condicionar esa decisión, pero si para crear un Banco Público Galego que permitira canalizar os recursos públicos cara o sector produtivo e cara á protección das economías familiares.

Para a CIG é imprescindíbel tamén que se adopten medidas que favorezan a recuperación do poder adquisitivo dos salarios para que as familias poidan facer fronte ao endebedamento. “Grande parte do problema da sobreprodución vén derivado de que nos últimos tempos o que se fixo foi fomentar a perda de capacidade adquisitiva dos salarios e, polo tato, fomentouse o consumo a base de crédito, polo que a maioría das familias se endebedaron. Ao estar agora as liñas de crédito cortadas as familias perderon a capacidade de consumo e hai sobreprodución. Hai que garantir a capacidade adquisitiva das familias e, pouco a pouco ir mudando este modelo produtivo”, explica Seixo.

Os orzamentos da Xunta

Para a CIG os orzamentos da Xunta son pouco ambiciosos e pouco expansivos e deberían ir a un déficit maior. A previsión é dun máximo do 1% do PIB e “habería que endebedarse máis para fomentar a economía produtiva e contrarrestar a falta de investimento privado facilitando o acceso ao crédito para a pequena e mediana empresa, fomentar o emprego público e, ademais, o crecemento de sectores tan importantes como a Sanidade e o Ensino, para os que estes presupostos prevén un incremento por debaixo do que vai ser o IPC a final de ano”.

Contrarreforma fiscal

A CIG aposta tamén por unha contrarreforma do sistema de fiscalización. Nos últimos anos derivouse cara un modelo de fiscalidade claramente regresivo, incrementando os impostos indirectos, que son os que pagamos todos independentemente dos ingresos, fronte aos directos.

A CIG defende recuperar a progresividade do sistema fiscal e que se eliminen os impostos indirectos sobre aqueles produtos básicos que consumen maioritariamente as familias incrementando, pola contra, os dos produtos de luxo.

Xunto a isto, exixe que se persiga a fraude fiscal e que se remate cos paraísos fiscais, onde as multinacionais e as grandes fortunas evaden impostos para incrementar así os recursos públicos.

A Información Precisa voceiro nº6 da CIG (outubro)


Páxina 1 ----------- Páxina 2 ------------- Páxina 3 ----------- Páxina 4

Páxina 5 ----------- Páxina 6 ------------- Páxina 7 ----------- Páxina 8

Fai clic en cada unha das imaxes para facelas máis grandes

Descargao en PDF premendo aquí

A CIG de EMESA asistiu a concentración do dia 7 na Coruña contra as 65 horas

Hoxe tivo lugar a concentración contra a directiva das 65 horas da Unión Europea que contou con unha representación de traballadores de EMESA que asistiron diante da Delegación de Goberno para manifestarse contra desta directiva.
Estas concentracións se repetiron por parte da CIG en A Mariña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Ourense, no caso de Vigo tivo lugar unha masiva manifestación que partiu do pabillón do Berbés.
Con elas escomezan as mobilizacións que levará a cabo a Confederación e que tivo como lema, “Contra a ampliación da xornada laboral, non a destrución dos nosos dereitos”.

Fotos da Concentración que tivo lugar en A Coruña e de Paulo Carril (Secretario Comarcal da CIG)

Alfredo Bocija (Secretario Comarcal do Metal de A Coruña) e Algún dos compañeiros que se achegaron a concentración

Fotos da Concentración de Compostela e da manifestación de Vigo

Podes ler tamén :
"Delegados e Delegadas da CIG mobilizanse en toda Galiza contra a xornada de 65 horas"
(en Avantar xornal dixital da CIG)

Asemblea de delegados na Coruña serve de preámbulo á campaña nacional contra as 65 horas

A asemblea de delegados da Coruña do 1 de outubro, celebrada nun ateigado salón de actos do Edificio Sindical, xirou en torno á campaña nacional que está a emprender o sindicato contra a Directiva de Tempo de Traballo, coñecida popularmente como a Directiva das 65 horas.
Asemblea Coruña 1 Outubro

As primeiras concentracións da CIG hanse celebrar o 7 de outubro en todas as cidades do país, amais de en Cervo (A Mariña). Na Coruña realizarase ás 12:00 horas diante da Subdelegación do Goberno español, na avenida da Mariña, 23, tal como informou o secretario comarcal, Paulo Carril, que estivo acompañado na asemblea por Luís Burgos, membro do Gabinete Técnico da central.

En breves trazos, a Directiva de Tempo de Traballo, que foi acordada polos Ministros de Emprego da UE o 11 de xuño a falta da súa aprobación definitiva polo Parlamento europeo, permitirá poder traballar como máximo unha xornada semanal de até 65 horas con carácter flexíbel que se regularizará por exceso ou defecto cada tres meses. A norma non fixa o tempo de descanso entre xornadas laborais, nin límite de horas de traballo no ano. O que se traballe de máis nunhas semanas, traballarase supostamente de menos nas outras.

A Directiva estabelece para determinados sectores de Servizos que o período inactivo de traballo no que non se preste unha atención continuada non se considere tempo de traballo, como por exemplo, durante unha garda médica o tempo no que non hai pacientes, ou nos tempos de espera entre servizos para os condutores de autobús.

A norma tamén estabelece a posibilidade de que, na sinatura do contrato, o traballador poida "aceptar voluntariamente", de xeito individual e con independencia do regulado no convenio, traballar a xornada de 65 horas.

En defensa da exclusividade na Sanidade pública

Moncho Veras, en representación da Agrupación Médica da CIG-Saúde, tamén interveu na asemblea para concienciar da importancia de reforzar a exclusividade dos médicos do SERGAS co obxecto de defender a Sanidade pública, fronte aos intentos dos sindicatos corporativos por acabar cos incentivos económicos para traballar só no sector público. Actualmente, o 80% dos médicos dos hospitais do SERGAS goza da exclusividade, mais esta porcentaxe redúcese considerabelmente en especialidades como a anestesia e a cirurxía, onde os facultativos optan por traballar simultaneamente no sector público e privado.

Suso Seixo, secretario xeral da central, que clausurou a asemblea, felicitou a CIG-Saúde por esta campaña en defensa da Sanidade pública e avogou por estendela ao conxunto da Confederación.

A CIG di NON á Directiva das 65 horas

A CIG vén de convocar concentracións simultáneas en todas as comarcas de Galiza para o día 7 de outubro, para denunciar a grave perda de dereitos que suporá para a clase traballadora a ratificación, por parte do Parlamento Europeo, das modificacións introducidas na Directiva de Tempo de Traballo. Unhas modificacións que contemplan, entre outros aspectos, a xeneralización da posibilidade de ampliar a duración máxima da xornada laboral até as 65 horas semanais ou a relaxación na obriga empresarial de compensar con descansos o traballo realizado a maiores.

O pasado 11 de xuño, o Consello de Emprego, formado polos Ministros de Traballo de cada un dos Estados que integran a UE, aprobou por maioría a chamada DIRECTIVA DE TEMPO DE TRABALLO que pretende:
  1. Poder traballar, como máximo, unha xornada semanal de até 65 horas, con carácter flexíbel, que se regularizará por exceso ou defecto cada tres meses; sen fixar o tempo de descanso entre xornadas laborais, nin límite de horas de traballo ao ano. O que se traballe de máis nunhas semanas, traballarase, supostamente, de menos nas outras.
  2. A Directiva estabelece para determinados sectores de servizos, como pode ser a Sanidade, Vixilancia e Seguridade, Condutores de Transporte Público ou Privado... etc, que o período inactivo de traballo que non se preste unha atención continuada non se considere tempo de traballo, por exemplo, durante unha garda médica o tempo que non hai pacientes, ou nos tempos de espera entre servizos para os condutores de autobús.
  3. Estabelécese a posibilidade de que na sinatura do contrato o traballador ou traballadora pode “voluntariamente” de xeito individual e con independencia do regulado en Convenio, aceptar a xornada de 65 horas. Eles saben perfectamente que a chantaxe dos empresarios será condicionar a sinatura do contrato a que se acepte a ampliación da xornada.

No Estado Español, a xornada máxima de 40 horas semanais está acordada desde o ano 1979, pero a involución do capitalismo máis salvaxe que domina Europa quere facernos retroceder 200 anos. Queren facernos traballar máis horas e máis barato, evitarán as horas extra e os pluses para os que traballan en fin de semana ou festivos.

Esta Directiva será debatida para a súa aprobación nos próximos meses no Parlamento Europeo, onde a dereita neoliberal ten maioría, polo que parece probábel a súa aprobación antes do mes de decembro. Unha vez aprobada, cada Estado debe adaptar esta norma á súa propia lexislación nun determinado prazo.

Como podemos ver, a Europa que se constrúe non protexe o mundo do traballo nin á clase traballadora. Esta é unha Europa neoliberal que non ten reparos en gastar miles de millóns de euros de diñeiro público de todos os Estados a través do Banco central Europeo, para pagar nesta crise, o despilfarro, a especulación financeira dos bancos e das inmensas fortunas, que agora socializan as perdas pero antes non socializaron as inmensas ganancias. Co noso diñeiro pagan as consecuencias da súa avaricia e logo nos dirán que temos que reducir as pensións, as prestacións por desemprego, a sanidade...

Mobilízate coa CIG o día 7 de outubro

CONCENTRACIÓNS

A Mariña: Ás 11:00 horas no concello de Cervo.

A Coruña: Ás 12:00 horas, diante da Subdelegación do Goberno

Ferrol: Ás 12:00 horas diante do edificio da Xunta de Galiza na Praza de España.

Lugo: Ás 12:30 horas diante da Subdelegación do Goberno.

Ourense: Ás 11:30 diante do edificio sindical

Pontevedra: Ás 12:30 horas diante da Subdelegación do Goberno.

Santiago: Ás 12:30 h na Praza de Galiza.

Vigo: Ás 12:00 horas, saída de diante do pavillón do Berbés.