Primeira xuntanza do Comité de Empresa para acordar a plataforma de negociación

Este mércores dia 12 tivo lugar a xuntanza do Comité de Empresa no que se tratou a plataforma do convenio, nel se acordou grande parte do convenio a nivel xeral e se marcaron as trazas para que o próximo mércores dia 19 de Novembro se acorde unha proposta unitaria de negociación para o Convenio Colectivo

Dende a CIG queremos salientar o clima de unidade e predisposición por parte de todas as centrais sindicais e de todos os delegados para acordar esta proposta única que sairá como todo fai ver nos próximos dias.

Cando esta proposta sexa acordada e aprobada polos traballadores será convocada unha plataforma da empresa para que expoña a súa proposta e así ter un punto de partida as negociacións para o novo Convenio Colectivo.

De momento podemos dicir que como xa era previsible a unidade Sindical está a ser total y os resgos xerais das propostas de cada central sindical bastante coincidentes con diferencias en frecos que son de fácil resolución grazas a actitude de todos os compoñentes do comité de Empresa, un bo comezo a negociación colectiva que agardamos que se traduza en un final curto e beneficioso para os traballadores de EMESA.

A CIG mobilízase en toda a Galiza en demanda de medidas para enfrontar a crise económica

"Estamos aquí para exixir responsabilidades políticas a aqueles que defenderon e xustificaron este modelo económico baseado na especulación, á marxe da economía real, que permitiu aos especuladores amasar grandes fortunas e para denunciar as medidas que están a adoptar os gobernos, pondo nas súas mans millóns de euros dos fondos públicos que despois van financiarse a custo da clase traballadora vía impostos, recortes do gasto social e perda de poder adquisitivo dos salarios".

Así resumía o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, as razóns que levaron ao sindicato a convocar este xoves mobilizacións en toda Galiza, ao comezo da súa intervención na manifestación central, que tivo lugar en Vigo, cunha participación de máis de 4.000 persoas e que chegou a xuntar a 15.000 en toda Galiza.

Unha intervención na que Seixo aproveitou para demandar a adopción de medidas estruturais "contrarias ao que viñan sendo as políticas neoliberais", nomeadamente a supresión dos paraísos fiscais, a defensa dun sistema fiscal progresivo, a demanda dun incremento dos impostos ao capital, da nacionalización da banca e do sector enerxético, do cambio do actual modelo produtivo por outro "sostíbel do punto de vista ambiental e social" que garanta condicións de traballo dignas e que inclúa ademais fortes investimentos públicos en gasto social e economía produtiva.

Crise do modelo capitalista

O secretario xeral salientou ademais que para a CIG a actual crise financeira é só a punta do iceberg dunha crise económica máis profunda, que afecta ás bases do sistema capitalista. "Unha crise de sobreprodución e de estancamento económico que se ven dando desde principios dos anos 70. Unha crise que o capital pretende superar mediante políticas liberalizadoras, desregulando o mercado laboral, os movementos de capitais ou comercio mundial, privatizando os servizos públicos e o sistema de protección social ou fomentando a economía especulativa".
Aposta por outra modelo socioeconómico

Por iso a CIG, con estas mobilizacións, tamén denunciou que o actual modelo económico "non é", en palabras de Seixo, "o que necesita a clase traballadora e a grande maioría da poboación". A central sindical aposta por un outro modelo que poña a economía ao servizo da mellora das condicións de vida de toda a poboación e non só duns poucos. "Temos que loitar por un sistema que garanta un reparto da riqueza máis xusto e igualitario. Un sistema no que as relacións entre as nacións soberanas se estabeleza de forma pacífica e en pé de igualdade. Temos que aproveitar este momento para sentar as bases para camiñar cara o socialismo do século XIX", insistiu o secretario xeral.

Loita pola soberanía política

Xunto a iso fixo un chamamento a loitar por conquistar cotas reais de soberanía política que posibiliten que Galiza conte con mecanismos propios para afrontar esta crise pensando nos intereses e no que é máis beneficioso para as clases populares galegas."Temos que organizarnos e mobilizarnos, exixir cambios estruturais profundos. Se mantemos unha actitude pasiva o capital vai procurar superar a crise incidindo nas mesmas políticas ou moi similares ás que ven promovendo até o de agora", concluíu o secretario xeral.

A Coruña

A marcha da Coruña partiu contra as 20:15 da praza da Palloza e rematou 45 minutos máis tarde na Delegación do Goberno español, na praza de Ourense. Por volta de 2.000 persoas secundaron a manifestación na cidade herculina. Paulo Carril, secretario comarcal, foi o encargado intervir ao remate do acto.

Carril reprochoulles á Xunta e ao Goberno do Estado a falta de vontade política para preservar o emprego na Coruña e na súa área de influencia. Citou os casos de Martinsa-Fadesa e o máis recente de Atento. Mentres, a Consellaría de Pesca e a Autoridade Portuaria dedícanse a subvencionar un grupo como Correa-Kessler, que botou 40 traballadores dunha das súas empresas, Elcesa, que agora se encontra en concurso de acredores. Ademais, arredor de 30 obreiros que traballan na construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens foron despedidos días atrás e oito máis foron botados na UTE-Langosteira.

Ler o artigo completo en AVANTAR