O obxecto da acreditación de competencias é o de recoñecer, avaliar e acreditar a competencia adquirida a través da experiencia laboral e outras aprendizaxes non formais.
A finalidade consiste en recoñecer e avaliar as competencias profesionais adquiridas polas persoas no desenvolvemento do seu traballo ou por outras vías non formais de formación, mediante procedementos que garantan a fiabilidade, a obxectividade e o rigor técnico da avaliación, así como acreditar as compentencias profesionais adquiridas polas persoas traballadoras e contribuír así á capitalización dos seus saberes e ao fomento da súa aprendizaxe ao longo da vida.
As unidades de competencia constitúen o referente que lles proporciona a identidade profesional ás persoas aspirantes, e fai posible a transformación dos datos procedentes da súa actividade profesional e das aprendizaxes non formais en evidencias de competencia válidas para a avaliación do seu desempeño activo.
Ter cumpridos 21 anos ou cumprilos no ano natural en que se produza a convocatoria para acceder á acreditación das unidades de competencia dos títulos de grao superior, e 19 anos para acceder ás unidades de competencia dos ciclos de grao medio.
Ademais dos requisitos de idade, as persoas solicitantes deberán acreditar unha experiencia laboral efectiva de polo menos tres anos completos nos últimos 15 anos de traballo, relacionada co sector produtivo do ciclo formativo a que pertenza a unidade de competencia solicitada da cal se pretenda o recoñecemento.
Non estar matriculado ou matriculada nas ensinanzas de réxime ordinario conducentes ao mesmo título ou, cando se tratar de formación modular, no módulo correspondente a esa unidade de competencia.
O período de inscrición abranguerá desde o día 13 de outubro ata o 23 de outubro de 2009, ambos os dous incluídos.




