A CIG convoca mobilizacións nas cidades galegas, o xoves 17 de xuño, contra a reforma laboral

A central nacionalista fai un chamamento, a todos os traballadores e traballadoras, a rexeitar as medidas anticrise propostas polo Goberno español e demandar a convocatoria dunha folga xeral

A Confederación Intersindical Galega convoca para o vindeiro xoves 17 de xuño unha serie de mobilizacións en todo o país para rexeitar na rúa as medidas anticrise propostas polo Goberno español e loitar por unha folga xeral que paralice a nova reforma laboral. As manifestacións desenvolveranse a partir das oito da tarde en Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ferrol, Lugo, Ourense e Vilagarcía de Arousa. A central nacionalista repartirá tamén folletos explicando a necesidade de dar unha resposta contundente aos cambios que o Executivo de Zapatero pretende introducir porque constitúen un ataque aos dereitos da clase traballadora. Entre os principais argumentos, sosteñen que abaratar o despedimento non vai xerar emprego e que reducir os salarios desactivará o consumo e paralizará a economía. Neste senso, lembran que os países con salarios máis altos son os que menos están a sufrir a actual crise económica, teñen unha menor porcentaxe de desemprego e os contratos son menos precarios.

Nos folletos arguméntase a oposición da CIG á reforma laboral e analízase o que suporá para as traballadoras e traballadoras a súa entrada en vigor. Dende o sindicato sosteñen que abaratar o despedimento non xera emprego, senón que o destrúe, e que reducir salarios non crea riqueza, xa que paraliza o consumo e desactiva a economía. Neste senso, poñen de manifesto que os países con salarios máis altos son os que menos están a sufrir a crise, teñen menor desemprego e contratos menos precarios.

Alertan tamén de que a reforma reducirá as pensións, cederá a xestión dos contratos a axencias privadas e empresas de traballo temporal, flexibilizará a xornada laboral e desregulará a negociación dos convenios para abaratar salarios e empeorar as condicións de traballo.

Finalmente, lembran que os sindicatos españois UGT e CCOO teñen asinado nestes anos distintas reformas laborais que supuxeron o abaratamento do despido e a redución dos salarios e animan aos operarios/as a saír á rúa para rexeitar os cambios previstos.

LUGAR E HORA DAS DISTINTAS MOBILIZACIÓNS:

-Vigo: Vía Norte ás 20.00 horas.

-A Coruña: Praza da Palloza ás 20.00 horas.

-Santiago de Compostela: Praza Roxa ás 20.30 horas.

-Pontevedra: Praza da Ferrería ás 20.30 horas.

-Ferrol: Avenida de Esteiro (local da CIG) ás 20.00 horas.

-Lugo: Parque de FRIGSA ás 20.00 horas.

-Ourense: Pavillón dos Remedios ás 20.00 horas.

-Vilagarcía de Arousa. Casa do Mar (Avenida da Mariña) ás 20.30 horas.

1º de maio folleto


A asemblea de delegados/as da CIG de A Coruña fai un chamamento a participar na manifestación do 1 de Maio

Abordouse a reforma laboral e a necesidade de avanzar nun modelo económico máis xusto e solidario

Delegados e delegadas da CIG en A Coruña participaron na mañá deste xoves na asemblea comarcal previa á conmemoración do Día Internacional da clase traballadora. O Secretario Comarcal, Paulo Carril, foi o encargado de explicar os motivos e as reivindicacións que levarán á CIG novamente á rúa este Primeiro de Maio, unha data máis vixente ca nunca diante do recorte dos dereitos dos traballadores e traballadoras, chegados da man dos pactos de contención salarial, da reforma da seguridade social e dunha reforma laboral que pretende cargar na clase obreira as causas e as consecuencias desta crise mentres o capital continúa “campando as súas anchas”.

O Secretario comarcal da CIG de A Coruña comezou a súa intervención animando aos delegados e delegadas a participar na mobilización convocada para o vindeiro 1 de Maio, que sairá ás 12 horas da Praza de Vigo. Pero tamén convidou a acudir a manifestación na defensa dos servizos públicos que se vai desenvolver o domingo 25 de abril en Compostela ou nas diferentes iniciativas en contra dos ataques á nosa lingua.

As manifestacións do Primeiro de Maio veñen dar continuidade ás mobilizacións iniciadas pola CIG o pasado Día da Clase Obreira Galega. Paulo Carril referiuse á vixencia nas reivindicacións da emancipación da clase traballadora, “á luz das medidas económicas adoptadas e da reforma do mercado laboral que gobernos e patronal pretenden sacar adiante”.

O Secretario comarcal denunciou as chamadas Mesas de Diálogo Social como mecanismo no que se pactan as reformas económicas e laborais que profundan no retroceso dos dereitos da clase traballadora. “Sobre o desexo de evitar a reivindicación, a confrontación e a mobilización, os diferentes gobernos, a patronal, xunto a CCOO e UGT, estableceron un mecanismo de diálogo permanente, antidemocrático e de consecuencias nefastas, que responde a un modelo sindical entreguista. O Pacto social é claramente negativo porque pretende igualar os intereses da empresa aos dos traballadores e traballadoras”, denunciou.

A modo de exemplo, Carril referiuse ao pacto de contención salarial asinado o pasado mes de febreiro entre a patronal e CCOO e UGT, que, entre outras consecuencias, vai supor na práctica consolidar a enorme diferenza nos salarios dos galegos/as coa media estatal, agora co pretexto da crise, antes baixo o pretexto de buscar niveis que non “poña” en perigo ás empresas.

Continuar a ler en Avantar...