A CIG reclama do goberno central a retirada da reforma laboral e que non se leven a cabo as reformas pendentes


O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, compareceu hoxe en rolda de prensa acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, para avaliar a xornada de folga xeral, que cualificou como “éxito rotundo”, e para reclamar do goberno central a retirada da reforma laboral e que non se leven a cabo as reformas anunciadas polo Executivo, nomeadamente a das pensións, a da negociación colectiva e a das prestacións por desemprego. Xunto a iso, demandou políticas para saír da crise favorábeis á maioría social e alertou de que as mesas de diálogo social só serviron para crear falsas expectativas e para desmobilizar.

Malia o “complicado escenario” no que se producía a convocatoria de folga xeral, cunha campaña deseñada para desprestixiar ás organizacións sindicais, cuestionar a posíbel efectividade da mobilización social, logo de que a reforma xa estaba aprobada, e nun escenario de crise económica que provocaba o temor dos traballadores e traballadoras a mobilizarse por medo a perder o seu posto de traballo, a folga xeral foi, para a CIG un “éxito rotundo”.

Éxito que foi expecialmente importante en Galiza e que, dixo, “tivo moito que ver co papel da CIG”. Nese sentido, salientou que as mobilizacións convocadas pola central sindical foron as máis numerosas e que o traballo desenvolvido tanto nos días previos -con centos de asembleas en empresas de todo o país-, como na propia xornada da folga, cunha importantísima presenza nos piquetes, foi fundamental para acadar o resultado que finalmente se conseguiu.

O día despois

Apoiándose nesta resposta social, Seixo explicou que a CIG dirixirá un escrito ao presidente do goberno para exixirlle que rectifique as súas políticas porque “entendemos que a única saída viábel á cidadanía é que retire a reforma laboral e que non leve a cabo as seguintes”.

O secretario xeral da CIG cuestionou o chamamento do goberno “para a galería” ao diálogo social, co que foi especialmente crítico. Lembrou que durante anos de diálogo constatouse que esas mesas non tiñan servido “para nada”, alén de xerar expectativas que logo non se cumpriron e de desmobilizar, atrasando unha resposta ás medidas políticas e económicas que se estaban a decretar provocando “que tivéramos que ir a unha folga xeral cando xa estaban aprobadas”.

Fronte a isto reclamou polítiticas que leven á saída da crise “en favor da clase social máis prexudicada por esta situación, que é a clase traballadora, e non en favor dos intereses do capital financeiro, que foi quen a provocou e que segue, neste momento, a gañar moitos miles de millóns de euros”.

O secretario xeral da CIG non descartou que haxa que convocar novas mobilizacións, mesmo unha nova folga xeral en Galiza, para obrigar ao goberno a mudar as súas políticas e a retirar as medidas xa aprobadas.

Rigor informativo

Tanto o secretario xeral da CIG como o secretario confederal de Comunicación cuestionaron con dureza o escaso rigor informativo de certos medios de comunicación, entre os que salientaron La Voz de Galicia e Faro de Vigo, polo tratamento das noticias relativas á folga xeral, antes, durante e despois da mesma. “Fíxose unha campaña tratando de dar a imaxe de que esta era unha folga convocada unicamente polas centrais sindicais estatais. Intentouse minorizar ou desinformar sobre o papel da CIG e de manipular sobre o que estaba ocorrendo neste país”.

A este respecto citaron expresamente o tratamento relativo á manifestación de Vigo, na que segundo datos da propia policía local participaron máis de 40.000 persoas e denunciaron que para restarlle relevancia seleccionaron fotos nas que só se apreciaban vistas parciais. “A CIG só aparece cando se fala de piquetes ou onde houbo algún conflito”.

En todo caso, o secretario xeral da CIG matizou que estas críticas ían dirixidas ás direccións dos medios e en ningún caso aos xornalistas que acatan as liñas editoriais nunhas condicións laborais, en moitos casos, precarias.

Extraído de Avantar

A folga xeral en Galiza: éxito de participación e exemplo de dignidade da clase traballadora galega

Máis de 80.000 persoas secundan as manifestacións convocadas pola CIG nas cidades e vilas do país

A Confederación Intersindical Galega avalía como un éxito rotundo a folga xeral convocada pola central sindical en Galiza este mércores 29 de setembro. Suso Seixo, secretario xeral, considera que se acadou unha participación similar á da folga xeral de 2002, superada en comarcas como Vigo, onde se superou amplamente o 80 por cento. Nas manifestacións convocadas pola central sindical, celebradas en todas as cidades e en numerosas vilas do país, a participación chegou ás 80.000 persoas. A marcha máis numerosa foi a de Vigo, onde a participación superou os 40.000 asistentes.

Na manifestación da Coruña participaron unhas 10.000 persoas; en Compostela 5.000; en Ferrol 5.000; 4.000 en Ourense, 3.000 en Pontevedra; 2.000 en Lugo; outras 2.000 en Vilagarcía e máis de 400 en Noia. En Cee xuntáronse arredor de 350 persoas na concentración convocada e en Foz, onde a protesta se desenvolveu pola tarde, participaron unhas 300 persoas.

A CIG considera de especial relevancia a incidencia da folga xeral na industria onde se superou ao igual que na construción o 75 por cento, cos polígonos industrias e as principais empresas do país paralizadas. Canto á limpeza viaria, a central sindical cifra nun 100% a incidencia da folga e entre un 80 e un 90 por cento no transporte de viaxeiros. Respecto do transporte escolar a central sindical salienta que só funcionaron os servizos mínimos.

En Ensino universitario, as tres universidades estiveron practicamente paralizadas. Canto ao ensino non universitario a incidencia da folga xeral foi superior ao 50%.

Na Banca, nas cidades o paro foi secundado por entre o 60 e o 70% e na administracións públicas rondou o 50%, aínda que a incidencia foi maior nos servizos centrais e periféricos da Xunta de Galiza onde se acadou o 65%. En concellos como o de Santiago estas cifras foron amplamente superadas acadándose o 90%.

Máis de 40.000 persoas en Vigo

A manifestación principal da CIG tivo lugar en Vigo e nela participou o secretario xeral da central, Suso Seixo. A marcha partiu pasadas as 12 do mediodía do cruce da Doblada e rematou na Porta do Sol máis de dúas horas despois. Á cabeza da mobilización unha faixa co lema “Outro modelo económico e social é posíbel. Non á nova reforma laboral” abría o paso a milleiros e milleiros de persoas que amosaron coa súa multitudinaria presenza o apoio ás reivindicacións do sindicato.

Ao remate da mobilización tomou a palabra en primeiro lugar o secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero, quen animou a todos/as os presentes a mostrar o seu rexeitamento ás últimas medidas adoptadas polo Goberno español. Otero salientou o rotundo éxito das convocatorias de folga e manifestacións en toda Galiza a pesar da campaña de difamación dos poderes dominantes e repasou por enriba os principais ataques aos dereitos dos traballadores/as que contén a nova reforma laboral.

Pola súa banda, o secretario xeral do sindicato nacionalista cualificou de exemplo de “combatividade, compromiso e dignidade” a presenza de milleiros de persoas nas rúas de Vigo “defendendo os nosos dereitos como clase e demostrándolle ao capital, ao PSOE e ao PP que non imos agochar a cabeza mentres recortan os nosos dereitos”. Incidiu en que a reforma laboral, o recorte dos salarios dos empregados/as públicos, a conxelación das pensións para 2011, o recorte do gasto público e as reformas pendentes como a das pensións, negociación colectiva ou prestacións por desemprego son razóns suficientes para convocar a folga xeral.

Seixo lembrou tamén durante a súa intervención que dende o primeiro momento d crise económica a CIG chamou á mobilización para esixir “reformas estruturais profundas que levasen a un cambio radical do actual modelo de capitalismo neoliberal na procura dun novo modelo económico e social máis xusto, solidario e democrático”. Neste senso, fixo fincapé en que a clase traballadora non é a responsábel da crise “pero pretenden que sexa quen a pague, mentres os culpábeis (bancos, grandes fortunas e especuladores) seguen a recibir apoios a pesar de obter enormes beneficios en plena crise”.

Finalmente, apostou por acadar maiores cotas de soberanía nacional para poder aplicar políticas propias que permitan superar a actual situación económica e animou a todos/as os presentes a prepararse “para unha dura loita a medio e longo prazo na que esta é a primeira folga xeral, aínda que non descartamos ter que convocar máis”.

Galería de imaxes das manifestacións da CIG

Imaxes das accións dos piquetes informativos durante a folga

Video-reportaxe da manifestación central celebrada en Vigo


Extraido de AVANTAR

“Temos que ser conscientes de que ou se dá unha resposta contundente o día 29 ou será imposíbel frear a perda de dereitos”

Entrevista ao Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, con motivo da convocatoria de folga xeral

A primeira pregunta é obvia pero inevitábel, cales son os motivos que levaron á CIG a convocar a folga xeral e cales as razóns polas que se fai necesaria?

Dende que se iniciou a crise, a CIG veu reclamando a necesidade da folga xeral como resposta ao que entendemos é o fracaso do modelo económico do capitalismo neoliberal e da política de recorte de dereitos e da precarización das condicións de traballo. Sabíamos que a crise que se iniciaba no sector financeiro pasaría é economía real, traendo consecuencias moi graves para a clase traballadora. Parecíanos fundamental naquel momento facer xa unha demostración de forza e denunciar un modelo baseado nunha economía altamente especulativa, que xera moito lucro para aqueles que controlan os mercados financeiros, pero que non crea riqueza nin fai un reparto minimamente igualitario da mesma.

É evidente que este posicionamento non tivo eco nas centrais sindicais estatais, que se negaron a aceptar unha proposta deste tipo, apostando pola vía de diálogo social no ámbito dunhas mesas que non ían ofrecer alternativas políticas reais de saídas á crise dende unha perspectiva favorábel aos intereses da clase traballadora.

Así chegamos ao escenario actual, no que se teñen adoptado medidas de recorte de dereitos laborais, cunha reforma laboral xa aprobada e con previsión de novas reformas tanto no sistema de pensións como na negociación colectiva ou nas prestacións de desemprego; mentres que non se tomou ningunha disposición contra os verdadeiros causantes da crise. É totalmente necesario facer unha demostración de forza e dar unha resposta contundente o día 29, se queremos que muden estas políticas. Do contrario, o que nos queda é afrontar unha situación moi dura con políticas que afondarán aínda máis no modelo neoliberal e de recorte de dereitos.

Por que a CIG promoveu a súa propia convocatoria de folga en troques de sumarse á de CCOO e UGT?

Dende a CIG consideramos que CCOO e UGT son os culpábeis, en grande medida, de que até agora non se dera unha resposta firme á situación de crise económica, unha resposta mobilizadora e mesmo unha resposta dende o punto de vista do debate social necesario no campo ideolóxico que faga ver á cidadanía que o verdadeiro problema de fondo é o modelo económico actual, así como a necesidade de facer políticas de carácter estrutural que nos levan a un modelo moito máis xusto e solidario, democrático e favorábel aos intereses da maioría social.

As centrais estatais renunciaron a dar este debate e durante todo este período focalizaron as posíbeis saídas da crise nesas mesas de diálogo social, nas que nada se fala da importancia de potenciar o sector público, de crear unha banca pública, de implementar unha política fiscal diferente ou unha política de rendas que supoña unha recuperación do poder adquisitivo dos salarios, etc. Sabían que nesas mesas non se estaba adoptando ningunha medida favorábel aos intereses da clase traballadora. A folga pois é necesaria, nós imos pór todo o noso esforzo para que sexa exitosa, pero non queremos que se confunda o xeito de facer sindicalismo da CIG co que practican CCOO e UGT.

De feito, mentres a nivel estatal buscan a axitación de cara á folga, en Galiza ambas centrais veñen de escenificar a sinatura do diálogo social...

Isto é significativo da concepción que ambas organizacións teñen do sindicalismo. CCOO e UGT levan moitos anos metidos nesta política de pacto social, de colaboración permanente co poder e, de algunha maneira, o que tiña que ser unha loita cun forte contido de clase, convertérono en algo tan esperpéntico como convocar unha folga xeral e ao mesmo tempo asinar un pacto con aqueles que teñen a responsabilidade política e económica desta situación. É evidente que o PP defende abertamente este modelo neoliberal, incluso estas reformas parécenlle pouco profundas, ao igual que a patronal. Polo tanto é unha irresponsabilidade, diante dunha situación de recorte de dereitos destas características e da necesidade de dar unha batalla ideolóxica por un cambio de políticas e de modelo, estar asinando acordos como se ninguén fose culpábel da crise económica. Pactos que, ademais, non van incidir para nada na saída da crise. Iso é xogar ao confusionismo e xogar do lado da dereita e da patronal nunha situación enormemente delicada para a clase traballadora.

Cales son as previsións da CIG a respecto da participación da clase traballadora na folga? Cal é o ambiente que existe nos centros de traballo de cara á convocatoria?

Até agora había certa pasividade nos traballadores/as, en parte motivado pola de perda de empregos, peches de empresas, expedientes de regulación,...que crean unha situación de medo na xente. A isto axuda toda a política que se está a desenvolver a través dos medios de comunicación por parte do poder para desviar o debate sobre as cuestións de fondo. Neste momento non se fala de cales foron as motivacións que nos levaron á crise económica. Parece que o problema de orixe se atopa na rixidez do mercado laboral ou mesmo nun elevado gasto público, no sistema de pensións, etc. Isto xerou moita confusión e mesmo a idea, en moitos sectores, da inevitabilidade destas reformas, da falta de alternativas.

Afortunadamente, vemos que este sentimento está a mudar. Dende o momento no que explicas nas asembleas nos centros de traballo toda esta problemática, a onde nos levan as reformas, que existen políticas alternativas, que hai que sinalar aos verdadeiros culpábeis e pelexar por outro modelo, percíbese un cambio de actitude en moitos traballadores e traballadoras diante da folga xeral. Aínda que temos moitos elementos en contra, creo que o traballo que se está a realizar nas empresas a través de asembleas e da distribución de propaganda vai crear un clima favorábel para que o día 29 o nivel de participación sexa moi importante.

Dende a CIG pretendemos acadar niveis de mobilización similares á folga xeral de 2002, na que houbo unha grande participación, cando menos aquí en Galiza. Con esa perspectiva traballamos e, a pesar das dificultades, somos optimistas a respecto de que a xente comprenderá a importancia do momento no que estamos e da necesidade de achegar unha resposta realmente mobilizadora.

Unha das dificultades das que falabas pode ser a idea xeneralizada de estarmos nun período transitorio, ao remate do que poderemos reverter todas as medidas regresivas adoptadas.

A idea que pretende trasladar o goberno de que as medidas son conxunturais supoñen un tremendo engano. Non hai máis que botarlle un ollo aos comunicados que saca o FMI, as políticas que impón son as de recortes e precarización. E mesmo fala abertamente de aproveitar a conxuntura para acometer todas as reformas laborais precisas; é dicir, que se fan co ánimo de que perduren. Aquí estase cuestionando todo un modelo de relacións laborais, de protección social, de dereitos, que é o que se pretende tirar abaixo. O que a clase traballadora ten que ter moi claro, é que se o conseguen, recuperar os dereitos perdidos vai custar moito esforzo e moitos anos. É unha loita de poder entre o capital e a clase traballadora pór impor un modelo económico e produtivo favorábel a uns intereses ou a outros.

Esta mesma semana, o presidente do goberno estatal saía na prensa augurándolle unha vida de dez anos como máximo ao actual sistema de pensións, de non acometerse reformas inmediatas.

Lévase moitos anos predicando que o sistema público de pensións vai ir á quebra, iso non é ningunha novidade. Normalmente quen fai eses “sisudos” estudos é xente moi ben pagada polo capital financeiro, non son profesionais neutrais nas súas avaliacións. As súas análises sempre parten da base de que segundo pasen os anos, en función da evolución demográfica, haberá máis pasivos con respecto aos activos, rompendo o equilibrio do sistema público de pensións, na medida en que se van incrementar os gastos, pero non os ingresos. Estes expertos só avalían o incremento dos gastos, pero non se paran a estudar a vía dos ingresos, polo tanto só propoñen medidas para dificultar o acceso ás pensións e reducir a contía das mesmas. Mais hai outras alternativas, como incrementar os ingresos, pero para iso necesítanse facer políticas económicas alternativas que xeren emprego, rematen coa a economía somerxida, persigan a fraude fiscal, creen emprego de calidade... Mesmo subir os salarios suporía máis ingresos para a Seguridade Social a través das cotizacións.

A pesar dos augurios de quebra, estamos no 2010 e a Seguridade Social presenta un superávit de máis de 60.000 millóns de euros. Son informacións interesadas destinadas a que as persoas con maior capacidade de aforro o destinen a sistemas privados de pensións e a engordarlle os beneficios á banca e ao capital financeiro que controla eses fondos. O único que pode pór en perigo o actual sistema público de pensións son estas políticas e este modelo neoliberal, se se fan outro tipo de políticas o sistema está garantido.

Que diferenzas existen a nivel económico, político e social con respecto á convocatoria de folga xeral de 2002?

No ano 2002 non estabamos nunha situación de crise económica; é evidente que esa é unha diferenza importante. Dende o punto de vista político, non existe o nivel de crispación que había naquel momento co goberno do PP; un goberno que actuaba dende a súa maioría absoluta cunha enorme autoritarismo. Creo que esta situación, ante a proposta das reformas que se pretendía facer, sumouse ao descontento existente e facilitou aquela resposta tan importante que houbo.

Agora a situación é bastante distinta. Estamos nunha situación de crise, cunha elevada taxa de desemprego e o goberno actual, aínda que ultimamente está facendo moitos méritos, non xera percepción social negativa tan ampla. Aínda así, non é nada novo que a socialdemocracia , o PSOE, sexa a que lle faga o traballo sucio á dereita: as reformas do mercado do traballo ou as reconversións máis duras dos sectores industriais chegaron da súa man. E agora ocorre o mesmo, con absoluto descaro, e tarde ou cedo, a cidadanía rematará respondendo adecuadamente.

E no caso da CIG? Que cambios se operaron no seu papel mobilizador dende entón?

Dende o 2002 incrementamos de forma importante a nosa representación en canto a delegados e delegadas e número de afiliados/as. Agora a presenza da central sindical é maior e xa entón xogamos un papel moi importante na folga xeral. Compre lembrar que as mobilizacións que contaron cunha maior participación naquel ano foron precisamente en Galiza e iso ten que ver co tipo de sindicalismo que fai a CIG. Agardamos que na folga do 29 de setembro se rexistre unha elevada participación e estamos convencidos que unha parte moi importante desa participación a imos canalizar a través das manifestacións convocadas pola CIG.

Hai unha aceptación bastante xeneralizada a respecto de que as propostas e actitudes da CIG son máis coherentes que as que poden ter CCOO e UGT. Iso danos un “plus” que nos ten que levar a ser optimistas á hora de garantir unha boa participación nas nosas mobilizacións.

En Grecia ou Francia xa se desenvolveron varias xornadas de folga xeral, pero no estado español, en cambio, a convocatoria atrasouse até finais de setembro, e ademais, as centrais sindicais fixérona coincidir coa xornada de mobilizacións prevista a nivel europeo, provocando a sensación de que a folga chega tarde e non servirá para cambiar nada.

Este atraso ten a ver coa conduta das centrais sindicais estatais. De feito xa houbo respostas en nacións do estado que contan cun peso importante do sindicalismo nacionalista e poden apostar por realizar unha mobilización de certa entidade. Como é o caso de Euskadi, alí xa levan dúas folgas xerais. A CIG mesmo estivo valorando esa posibilidade, pero chagamos a conclusión de que nós sós, aquí en Galiza, iamos ter demasiados elementos en contra para conseguir que a convocatoria de folga xeral tivese entidade suficiente para poder ser efectiva.

Se no estado non se deu resposta antes é porque o papel de CCOO e UGT foi o da desmobilización, de vender fume a través das mesas de diálogo social. Xogaron un papel de compadreo e colaboración coa patronal e fundamentalmente co goberno, e incluso a convocatoria do día 29 ten a ver con esta estratexia. Púidose facer a folga xeral no mes de xuño, antes de aprobarse a reforma laboral no Congreso, pero intencionadamente atrasaron a convocatoria a setembro, coincidindo con outras mobilizacións a nivel europeo, para transmitir á opinión pública a idea de que o goberno español, o PSOE, non é o culpábel directo destas medidas, senón que forma parte de políticas adoptadas no seo da UE.

A dereita está nun momento feliz. Os intereses económicos que defende están protexidos e poden saír reforzados se continúa afondándose nestas políticas neoliberais. E ademais, non sofren o desgaste que ten o PSOE ao aplicar estes ataques aos traballadores e traballadoras. Se a maiores conseguen desprestixiarnos ás centrais sindicais e debilitarnos, sáelles a crise redonda. Creo que esta situación merece unha resposta moi distinta á que se está a dar dende o campo do sindicalismo español. Se tivesen o valor de ofrecer unha resposta a tempo, a felicidade da dereita non sería tanta e os traballadores e traballadoras estariamos máis optimistas de cara ao futuro.

E se o día 29 os traballadores e as traballadoras non nos mobilizamos masivamente, que futuro nos agarda como clase?

Agárdanos un panorama moi complicado, porque se realmente non hai unha resposta adecuada o día 29, a idea que se vai transmitir ao goberno é que a xente asume este tipo de políticas como necesarias ou, cando menos, que non está disposta a responder diante das mesmas. Isto suporá que automaticamente os anuncios que o goberno está facendo de reformas das pensións, das prestacións por desemprego e da negociación colectiva, levaranas a cabo no menor prazo de tempo posíbel. Polo tanto xeraríanse unhas circunstancias moi desfavorábeis.

O que tampouco vai levar á CIG a retirarnos da batalla. Teríamos un escenario máis difícil pero temos que continuar facendo este traballo de concienciación e debate ideolóxico que levamos desenvolvendo dende sempre, especialmente dende o inicio da crise. Convencidos ademais de que probabelmente a folga xeral do 29 non vai ser totalmente determinante, no sentido de que vai mudar absolutamente todas as políticas que pretenden levar adiante. Imos ter que seguir con mobilizacións e, se cadra, convocar unha nova folga xeral. Está claro que o capital financeiro, a través do FMI, é quen marca as políticas laborais e económicas aos gobernos e continuará tentado aproveitar calquera signo de debilidade da clase traballadora para profundar máis no seu modelo de capitalismo neoliberal. Hai que agardar que a folga xeral sexa un éxito, pero hai que continuar coas mobilizacións despois do 29, porque a situación realmente así o require.

Voceiro setembro 2010