Traballadores/as de EMESA concéntranse diante dos xulgados coincidindo coa celebración do xuízo polo conflito colectivo

O Comité denuncia a arbitraria xestión das rotacións entre o persoal, que teñen ocasionado que varios operarios perderan xa o dereito a cobrar a prestación por desemprego
Traballadores/as da planta de Elaborados Metálicos EMESA desenvolveron na mañá deste venres unha concentración diante do edificio dos xulgados de A Coruña, onde ía comezar, ás 10:50 horas, o xuízo pola demanda de conflito colectivo presentado contra a empresa por mor das discriminacións na xestión das rotacións de traballo durante a aplicación dos dous expedientes de regulación de emprego temporais.
O Comité da planta de Coirós denuncia que as rotacións foron realizadas baixo os criterios da empresa de rendabilizar ao máximo a produción co menor número de traballadores/as. Esta decisión arbitraria por parte da dirección de EMESA ten provocado que o persoal comezara a perder xa o 10% da súa prestación por desemprego e que varios operarios esgotaran xa o dereito a cobrar o paro. Ademais, ao permanecer no ERE non poden traballar e polo tanto carecen de calquera fonte de ingresos.

O pacto para as rotacións equitativas no tempo de traballo xa se asinara na primeira regulación, mais a empresa xa incumprira o acordo daquela. Agora, co segundo ERE plenamente vixente, a dirección de EMESA continúa coa mesma política, motivo que levou ao Comité a presentar a demanda de conflito colectivo. A este respecto, lembran que que o cadro de persoal, ao estar regulado, “está pondo as súas prestacións por desemprego, é dicir os seus dereitos, a dispor da empresa, co obxectivo de que busque unha solución a súa crítica situación”. Non obstante, a dirección non deu un só paso até agora neste sentido.

Os acordos do primeiro ERE continúan nesta segunda regulación, despois de que a Dirección e o persoal non chegaran a un entendemento e a Dirección de Relacións Laborais estabelecera como vixente o pacto primeiro.

Dende o Comité tamén se quere denunciar o desinterese de Isolux Corsán, grupo ao que pertence EMESA, por salvar a planta de Coirós, pois comezou a subcontratar servizos que até o momento viñan realizando os operarios/as de Emesa.

Reunión coa empresa

Así mesmo, dende o Comité adiantaron que a vindeira semana está solicitada unha reunión coa Dirección Xeral da empresa para informarse sobre o Plano de Viabilidade da compañía, dado que en marzo próximo remata a vixencia do segundo ERE.

Alén da xuntanza, a representación do persoal ten convocadas asembleas de traballadores para acordar un novo calendario de mobilizacións a desenvolver nos vindeiros meses.

Nenhum comentário:

Postar um comentário