A CIG rexeita a detención dun liberado, nun novo caso de persecución contra a central sindical

Adolfo Naya permaneceu retido durante dúas horas e foi fichado por uns supostos feitos acontecidos durante a folga de instalacións deportivas.

A CIG rexeita a detención do sindicalista da Federación de Servizos, Adolfo Naya, quen esta tarde foi retido de xeito ilegal durante dúas horas na comisaría de policía onde foi fichado por un suposto delito de coaccións que tería acontecido durante a folga de instalacións deportivas. Ao igual que aconteceu a pasada semana, un membro da CIG volve ser obxecto de persecución inxustificada, afondando o proceso de criminalización contra a central sindical por terse destacado na defensa dos dereitos da clase traballadora galega.
10-02-02 Concentración na delegación da Xunta III

Os feitos sucederon na tarde deste mércores cando Adolfo Naya se personou na Xefatura Superior de Policía respondendo a unha chamada da policía solicitando a súa comparecencia. Unha vez alí, os axentes proceden a ler os dereitos ao sindicalista da CIG e se lle comunica que está acusado dun suposto delito de coaccións que tería acontecido no decurso da folga de instalacións deportivas. Posteriormente, Naya foi trasladado á comisaría de Lonzas para ser fichado e agora será o Xulgado de Instrución quen continúe co caso.

A CIG rexeita completamente estas actuacións abusivas, as falsas acusacións e a violación de dereitos fundamentais, a través da que se busca represaliar e criminalizar a loita exemplar que levaron adiante os traballadores e as traballadoras de instalacións deportivas. Neste senso, hai que lembrar que a pasada semana o Secretario comarcal da CIG-Servizos, Salvador Cerqueiro, sufría unha detención semellante e que varios delegados da central foron identificados, horas despois de suspenderse a folga e de terse acadado un preacordo coa patronal.

Dende a central denúnciase esta persecución e represión contra a CIG como sindicato que de forma máis combativa estivo cos traballadores/as durante o tempo que durou o conflito e a criminalización dos traballadores e traballadoras que loitan na defensa dos seus dereitos. A CIG tamén amosa, unha vez máis, a súa repulsa polo afán que están a amosar os gobernos á hora de reprimir as loitas obreiras na Galiza.

Extraido de AVANTAR

Nenhum comentário: