O persoal de Emesa acorda desenvolver un calendario de mobilizacións contra os incumprimentos dos acordos no segundo ERE

O Comité convocou unha concentración para o martes 23 de novembro diante do edificio administrativo da Xunta en A Coruña
O Comité de Empresa de Elaborados Metálicos EMESA, do grupo Isolux Corsán, fixo público o malestar e preocupación de todos os traballadores e traballadoras, directos e indirectos, diante da penosa situación que están a padecer, ao encadear dous EREs temporais consecutivos, regulacións nas que a empresa non ten respectado os pactos acadados co persoal para a rotación do tempo de traballo. Así, a asemblea de traballadores/as acordou iniciar un calendario de mobilizacións, que comezará este martes 23 de novembro cunha concentración diante dos edificios administrativos da Xunta en A Coruña.

Logo de un ano de regulación e dous EREs temporais consecutivos, que suman 16 meses, os reiterados incumprimentos dos acordos asinados entre a empresa e os traballadores/as e a mala xestión das rotacións pactadas, teñen ocasionado que parte do persoal comezara a perder xa o 10% das prestacións por desemprego.

Así mesmo, denuncia o Comité, esta arbitraria distribución do tempo traballado, decidida unilateralmente por Emesa, ocasionou que varios operarios/as perderan o dereito a cobrar o paro. Ademais, ao permanecer no ERE non poden traballar e polo tanto carecen de calquera fonte de ingresos.

A este respecto, o Comité quere lembrar tanto a EMESA como ao grupo propietario, Isolux Corsán, que o cadro de persoal, ao estar regulados, “está pondo as súas prestacións por desemprego, é dicir os seus dereitos, a dispor da empresa, co obxectivo de que busque unha solución a súa crítica situación”. Non obstante, a dirección non deu un só paso até agora neste sentido e mesmo os traballadores/as tiveron que recorrer á vía xudicial para que os dereitos e acordos entre ambas partes sexan respectados.

Dende o Comité tamén se quere denunciar o desinterese de Isolux Corsán por salvar a planta de Coirós, pois comezou a subcontratar servizos que até o momento viñan realizando os operarios/as de Emesa.

Fronte a esta perspectiva, a asemblea de traballadores e traballadoras acordou iniciar un calendario de mobilizacións a partir deste 23 de novembro, cunha concentración diante do edificio administrativo da Xunta en A Coruña, ás 11:30 horas, reclamando ser recibidos polo Director Xeral de Relacións Laborais. Dende o Comité solicitouse en varias ocasións unha xuntanza para abordar o recurso de alzada ao ERE, presentado despois de que dita Dirección aprobara a regulación de emprego.

Ademais desta concentración, hai outra mobilización convocada para o próximo 17 de decembro, data na que terá lugar o xuízo polo Conflito Colectivo presentado polo Comité contra a dirección da empresa. A denuncia foi interposta por mor das discriminacións realizadas nestes dous EREs entre traballadores/as, ao incumprírense os acordos de rotación equitativas que xa se asinaran na primeira regulación. Estes acordos seguen vixentes no segundo ERE, despois de que a Dirección e o persoal non chegaran a un entendemento e a Dirección de Relacións Laborais estabelecera como vixente o pacto primeiro.

Estas dúas concentracións, que se desenvolverán baixo o lema “En defensa dos postos de traballo. Solución xa”, complementarse con outras accións que se acordarán despois do mes de decembro.

Nenhum comentário: