Pola súa banda, a responsábel política informou que a administración se vai pronunciar nas vindeiras semanas sobre o recurso, pois ten como data límite para resolver o expediente o 21 de decembro. Neste senso, dende o Comité lamentouse a demora por parte da Consellaría para atender a solicitude de reunión.
O presidente do Comité e delegado da CIG, Andrés Rodríguez, denunciou novamente durante a concentración que o persoal de EMESA “estamos traballando de balde. A empresa está a xogar coas nosas prestacións por desemprego e estamos regalando o noso paro a moi alto prezo”. Rodríguez refírese a que parte dos traballadores comezaron a perder xa o 10% da súa prestación por desemprego, e varios operarios xa esgotaron o dereito a cobrar o paro por culpa da arbitraria distribución do tempo de traballo decidida pola empresa.
Ademais, o Comité denunciou o desinterese amosado por Isolux Corsán para salvar a planta de Coirós, xa que, a pesar do esforzo dos traballadores/as, o grupo empresarial mesmo comezou a subcontratar traballos que até agora realizaba o persoal de Emesa.
Nova mobilización o 17 de setembro
A asemblea de traballadores/as tamén acordou convocar unha nova concentración o vindeiro 17 de decembro, con motivo da celebración do xuízo polo conflito colectivo presentado polo Comité contra a dirección, a causa das discriminacións feitas nestes dous EREs entre o persoal, ao incumprírense os acordos de rotacións equitativas. O presidente do Comité animou ao conxunto dos traballadores/as a asistir a esta mobilizacións, pois, aseverou, “esta é a nosa última oportunidade de frear este atentado á nosa integridade como traballadores. As rotacións foron feitas baixo os criterios da empresa de rentabilizar ao máximo a produción co menor número de traballadores, e iso non o podemos permitir”.
Nenhum comentário:
Postar um comentário