O Comité de EMESA denuncia a subcontratación de traballos que se viñan realizando no taller de Coirós

A sección sindical da CIG na empresa advirte da gravidade destes feitos ao atoparse o persoal ás portas dun segundo ERE
O Comité de EMESA vén de denunciar que a empresa subcontratou traballos destinados ás obras de ampliación do aeroporto de Lavacolla que polas súas características (caldeirería, soldadura, corte,etc.) se realizaban no taller da factoría en Coirós. Dende a sección sindical da CIG en Emesa subliñan a gravidade destes feitos, pois o persoal está inmerso nun ERE temporal e hai unhas semanas a empresa presentou unha segunda regulación por oito meses máis. O Comité xa puxo esta situación en coñecemento do Xefe Territorial da Consellaría de Traballo, que actualmente estuda a proposta de ERE, para que adopte todas as medidas oportunas.
O Comité presentou denuncia diante dos responsábeis de Recursos Humanos e de Produción da empresa e puxo esta situación en coñecemento do Xefe Territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que actualmente está a estudar a proposta da EMESA para o segundo ERE, co obxecto de que adopte as accións pertinentes.

Despois de realizar dita denuncia, os delegados da CIG do Comité puideron constatar que un xefe de taller de EMESA visitou a empresa na que foron subcontratados os traballos (destinados ás obras de ampliación do aeroporto de Lavacolla) para ver a súa evolución.

Hai que lembrar que EMESA ten vixente un ERE temporal que afecta a todos os traballadores/as, até o vindeiro día 22 de xullo. Non obstante, a Dirección presentou hai unhas semanas un segundo expediente temporal que afectaría a todo o cadro de persoal por outros oito meses, tendo a día de hoxe o taller unha actividade mínima porque só están a traballar unha cuarta parte dos operarios/as. “Con este panorama a Dirección ten a desvergonza de subcontratar traballos a empresas externas tendo ao seu cadro de persoal no paro”, denuncian dende a sección sindical da CIG.

Así, o Comité de Empresa esixiulle á Dirección que estes traballos subcontratados sexan feitos na empresa e que se incorporen á factoría de Coirós os operarios/as precisos para o desenvolvemento dos mesmos.

Dende a Sección Sindical da CIG salientaron que dita situación se da despois de que os traballadores/as de EMESA en Asemblea se negaran a aceptar as propostas da empresa de cara a este segundo ERE, xa que non se garantían unhas rotacións equitativas que solucionaran as discriminacións sufridas nesta primeira regulación. De feito, nos últimos oito meses algúns/has operarios/as estiveron en activo mais de 200 días, mentres que outros/as non chegaron a traballar máis de 14 xornadas. O persoal entende que con estas rotacións desequilibradas a empresa pretende “afogar” a moitos/as traballadores/as ao esgotaren a prestación por desemprego.

A asemblea de traballadores/as e o Comité de Emesa rexeitan o novo ERE proposto pola empresa

O cadro de persoal denuncia as presións e ameazas por parte da dirección para conseguir un acordo
A Asemblea de traballadores/as de Emesa e o Comité queren amosar publicamente o seu rexeitamento ao segundo ERE temporal de oito meses proposto pola empresa, encadeando así 16 meses de regulación, así como denunciar que a multinacional está a presionar ao cadro de persoal para que acepten o novo ERE, baixo a ameaza de presentar un expediente de extinción que afectaría ao 50% dos postos de traballo. Dende a asemblea de traballadores/as e o Comité tamén se quere aclarar que a falta de acordo para este novo ERE veu causado pola negativa da empresa a aceptar as rotacións equilibradas, así como que ante a imposibilidade de chegar a un acordo o Comité solicitou unha mediación do AGA á que a dirección se negou.

A poucos días de que remate a vixencia do ERE temporal en Emesa o vindeiro 22 de xullo, a proposta da nova regulación na fábrica de Coirós ficou sen acordo ao rexeitar o mesmo a asemblea de traballadores, posto que a empresa pretendía consolidar os incumprimentos e inxustizas cometidas nos últimos oito meses.

Así, os traballadores/as e o Comité denuncian os incumprimentos da empresa a respecto dos acordos acadados para a sinatura do primeiro ERE, especialmente no referido ás rotacións. Explican que neste momento hai dous traballadores que xa gastaron o tempo de paro, mentres que outros empregados manteñen case a integridade da prestación. Ademais, Emesa pretende consolidar estas diferenzas, polo que durante a vixencia do expediente poñeríase en perigo de perda a prestación de desemprego a máis de 20 traballadores/as.

Durante as negociacións a empresa tamén estivo presionando á representación dos traballadores/as, asegurando que o cadro de persoal da planta de Coirós está sobredimensionado, polo que ao remate do novo ERE (marzo de 2011) podería pór en marcha un “reaxuste” de persoal. Baixo estas condicións, Emesa pretendía continuar coas rotacións desiguais e desproporcionadas e ao mesmo tempo manter a realización de horas extraordinarias.

A maiores, á vista da falta de entendemento, a filial de Isolux Corsán ameazou con que se non chega a un acordo para o segundo expediente nas mesmas condicións que o anterior, presentará un ERE de extinción para o 50% do cadro de persoal, afectando a máis de 130 persoas.

Así as cousas, concluído o período de negociacións e convocada a asemblea traballadores para expor os puntos de encontro e desencontro coa empresa, por maioría decidiuse non aceptar o acordo con Emesa. Agora o cadro de persoal e o Comité estudan convocar un calendario de accións a desenvolver en contra deste novo ERE, para esixir un apoio decidido do grupo empresarial á planta de Coirós e polo mantemento no futuro de todos os empregos.

Os traballadores/as de Emesa amosan a súa preocupación polo futuro da factoría diante da presentación do segundo ERE

O Comité reclama unha rebaixa solidaria dos salarios da dirección
A Asemblea de traballadores/as de Emesa e o Comité veñen de facer público o seu malestar e a súa preocupación pola actual situación da empresa, que vén de presentar un novo ERE de suspensión de contratos cunha duración de 8 meses. Persoal e Comité alertan da falta de apoios por parte do grupo empresarial, Isolux Corsán, á factoría de Coirós, pondo en perigo a continuidade dos postos de traballo. Así mesmo, solicitaron unha rebaixa solidaria do 15% dos salarios dos cargos de dirección non regulados e unha redución do número de postos directivos.
Logotipo Emesa

Dende o Comité, presidido pola CIG, sinalan que despois de case dúas semanas de terse anunciado a marcha do Director da Factoría e sen ter substituto, presentouse un novo ERE de suspensión de contratos de 8 meses de duración co cal xa se suman 16 meses de regulación “sen ter garantías nin expectativas de solución na situación actual da empresa”.

Neste senso, apuntan que os incumprimentos manifestos do acordo no primeiro ERE, sobre todo no que respecta ás rotacións do persoal, poñen en perigo de perda da prestación de desemprego a un número importante de traballadores. De feito, no transcurso do novo ERE as perdas económicas para o persoal pasarán a ser “bastante graves”, xa que se rebaixará entre un 25 e 30% da base reguladora.

Por parte dos/as traballadores/as sospéitase que a actitude da empresa ten como obxectivo desfacerse de parte do persoal pola vía do “cansazo ou por non poder aturar esta situación”.

“Os/as traballadores/as e o Comité queremos denunciar o abandono que por parte do Grupo Isolux Corsán se está a facer de Emesa, nun intre en que certas empresas do sector de fabricación de estruturas comezan a ter algo de carga de traballo. EMESA a dia de hoxe ten unha carencia moi grande de carga de traballo xerando cada vez menos expectativas de cara a continuidade da factoría”, alertan.

Baixada solidaria dos salarios dos cargos de dirección

Dende o Comité solicitaron á dirección que pola súa banda tamén asuma un esforzo solidario cos traballadores/as, recortando os salarios dos cargos de dirección non regulados un 15% e rebaixando o número destes postos. Así, o Comité solicitou que se realice estudo un que reflicta as necesidades reais de todos os cargos de dirección, xa que hai postos que deberían depender directamente da Dirección da Xerencia da factoría e, polo tanto, “non fai falla o dito cargo”.

Demandaron, ademais, que o persoal regulado que non estea prexubilado e que pertenza a cargos de dirección, acepte durante o tempo que se prolongue este segundo ERE unha baixada salarial do 15% en solidariedade cos traballadores e para mellorar a conta da empresa.

A este respecto lembran que a dirección de recursos humanos de Emesa é compartida, xa que o mesmo director de RRHH ten ese cargo dentro do grupo Isolux Corsán como responsábel para Galiza. “Entendemos que Emesa se terá que ocupar da parte do salario deste responsábel, mais a retribución deste cargo debe ser compartida por todas as empresas do grupo de Galiza” e non recaer unicamente na fábrica de Coirós.

O aforro que suporían estas medidas, explica o Comité, podería redundar na mellora das condicións económicas de todos os traballadores/as de cara a este segundo ERE que a empresa vén de presentar.
Por causa da velocidade que están collendo todas as informacións, e a imposibil.idade de ter o dia o bloge, recomendamosvos visitar o espazo da CIG de EMESA no facebook.

Accedede dende aquí

Facebook CIG EMESA

A CIG convoca folga xeral o 27 de xaneiro contra “as políticas que imporán un retroceso social e laboral de 60 anos”


A Confederación Intersindical Galega ten convocada unha nova folga xeral para o vindeiro 27 de xaneiro en contra das políticas “anticrise” adoptadas polos gobernos, nomeadamente a pretensión de reformar o sistema público de pensións, que o Secretario Xeral cualificou como “o maior ataque aos dereitos da clase traballadora dende o franquismo”. A central anima a CCOO e a UGT a sumarse á convocatoria, que coincide no tempo co paro xeral anunciado polos sindicatos vascos, e adiantou que está disposta a flexibilizar a data de cara a consensuar un día común, co obxecto de fortalecer a resposta social. En todo caso, a convocatoria de folga xeral realizarase antes do 28 de xaneiro, xornada marcada polo goberno español para sacar adiante a súa proposta de reforma das pensións.

Ao mesmo tempo que a Comisión do Pacto de Toledo ultimaba o seu informe, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, acompañado do Secretario de Comunicación e Propaganda, Francisco Miranda Vigo, comparecían en rolda de prensa para anunciar a decisión do Secretariado Confederal da CIG de promover a convocatoria dunha nova folga xeral o vindeiro 27 de xaneiro, na véspera da data límite marcada polo goberno español para sacar adiante a súa proposta de reforma do sistema de pensións.

Seixo advertiu da necesidade de dar unha resposta contundente ás políticas económicas e laborais que os gobernos viñeron adoptando até o momento, porque “todos os avances que se tiñan conseguido cara un sistema de protección social estábel e seguro estanse destruíndo. Tanto as reformas xa efectuadas, como agora a das pensión ou a que se nos anuncia da negociación colectiva déixanos nunha situación social e laboral de hai 60 anos”, advertiu. “Estamos ante un cúmulo de despropósitos que require dunha contestación inmediata”.

Redución das contías das pensións

O Secretario Xeral da CIG foi moi crítico á hora de avaliar as propostas de atrasar a idade de xubilación até os 67 anos e incrementar os anos para calcular a base reguladora, medidas destinadas á dificultar o acceso ás pensións e rebaixar as contías das mesmas. Sobre este punto, explicou que, na práctica, subir de 15 a 20 anos o tempo para a base reguladora suporá unha perda do 6% nas pensións futuras. Se o cálculo se realiza en 25 anos, provocarase unha caída das contías das pensións do 10%, e se finalmente se ten en conta toda a vida laboral, tal e como veñen reclamando a CEOE ou o FMI, a perda ascende até o 20% da prestación percibida.

A maiores tamén se fala da necesidade de mudar o sistema de revisión das pensións en función do IPC real, co obxectivo de reducir por esa vía o poder adquisitivo das pensións.

As recomendacións da Comisión do Pacto de Toledo

En canto ao atraso da idade de xubilación, Xesús Seixo referiuse á xuntanza que a Comisión do Pacto de Toledo estaba mantendo á mesma hora que a central comparecía en rolda de prensa, advertindo das preocupantes “recomendacións” contidas no seu informe.

Aínda que o documento non recolle expresamente a suxestión de elevar a 67 anos a idade de xubilación, insta a tentar igual a idade real de xubilación, situada arredor dos 63 anos, coa idade legal, os 65. Isto suporá a adopción de políticas destinadas a dificultar as xubilacións anticipadas, voluntarias ou mesmo as xubilacións parciais con contrato relevo; unha vía escollida por moitas empresas para rexuvenecer os seus cadros de persoal.

Ademais, o goberno fala ás claras de primar o atraso da idade de xubilación con fondos públicos, favorecendo así as uns sectores que non sofren o desgaste físico e psíquico que padecen outras profesións.

Neste punto, o Secretario Xeral da CIG, manifestou as contradicións nas que cae a propia patronal ao demandar o atraso da idade de xubilación até os 70 anos, cando son as empresas as que dificultan o acceso ao mundo laboral aos traballadores e traballadoras maiores de 50 anos e despiden, en primeiro lugar, aos obreiros/as máis antigos.

Os falsos argumentos para xustificar a reforma das pensións

Se ningunha das reformas que o goberno veu aprobando até agora está xustificada, a modificación das pensións só obedece a unha estratexia para facilitar liquidez e recursos á banca. Por iso, Seixo, afirmou que “se Zapatero e o seu goberno fosen minimamente honrados o que deberían facer é dimitir e pasar a cobrar a súa nómina do BBVA ou o Banco Santader, xa que traballan para a banca e non para a maioría da sociedade”.

Para xustificar esta reforma, aclarou, estanse recorrendo a informes de “expertos” que teñen situado a quebra do sistema público de pensións no horizonte do ano 2040, estudos de dubidosa rigorosidade cando previamente vaticinaron esta quebra no 2005, 2010, etc.. Utilízanse, así mesmo, argumentos falsos que pretenden vincular a viabilidade do sistema á evolución demográfica, é dicir, ao avellentamento da poboación. “O futuro das pensións tense que vincular ao número de activos, que son quen pagan as pensións dos pasivos, e á propia calidade dos salarios”, aseverou Seixo. “Polo tanto, aplicando políticas de fomento do emprego e de salarios dignos, están máis que garantidos os ingresos á seguridade social”.

Fronte a estes argumentos catastrofistas, Seixo lembrou que o superávit da Seguridade Social está por enriba dos 60.000 millóns de euros, e que no terceiro trimestre de 2010, cunha taxa de paro do 20%, o sistema rexistraba un superávit de 11.000 millóns de euros. “Haberá que preguntarlle a estes expertos que previsións teñen de desempregados/as para o 2040 para crer que vai ser deficitaria a seguridade social. Pensan que haberá un 40% de parados/as?”, preguntou.

Outro dato que se esgrime refírese ao incremento substancial das pensións no PIB futuro, facendo o sistema insostíbel. Porén, os datos actuais tiran polo chan este argumento. No ano 1995 o peso das pensións no PIB representaba o 8%. En 2008, cun incremento de 1.5 millóns de pensionistas, esta cifra reduciuse ao 7,8%, ao incrementarse de forma significativa o Produto Interior Bruto. A falacia do argumento consiste en baremar só unha das variábeis sen ter en conta o propio crecemento do PIB.

Desigualdades sociais e garantías

Alén de resultar tremendamente beneficiosos para o capital financeiro e o seu modelo especulativo, a xeneralización dos sistemas privados de pensión creará graves desigualdades sociais entre aqueles/as traballadores/as en precario que non poidan acceder a un sistema complementario de pensións e aquelas persoas con maior capacidade de aforro. Isto, alertou, provocará que un sector moi amplo da poboación só teña posibilidade de percibir as pensións mínimas.

Do mesmo xeito, a CIG recalca que único sistema garantista é o público, porque os pagos se afrontan coas achegas dos/as traballadores/as en activo. Por iso, Seixo apuntou que, ao estar suxeitos aos movementos especulativos, os fondos privados de pensións non poden garantir a súa propia supervivencia e, ao igual que acontece neste momento, “se os estados non saísen en defensa do sector financeiro, moitos destes fondos estarían en quebra”.

Chamamento á UGT e CCOO

Durante a comparecencia, Seixo aclarou aclarou que a CIG comunicou a súa decisión de convocar folga xeral o 27 de xaneiro aos Secretarios Xerais de UGT e CCOO en Galiza, animándoos a sumarse a esta convocatoria; mais tamén explicou que a central nacionalista está aberta á posibilidade de mudar de data. Se a nivel estatal UGT e CCOO deciden adoptar outro día para a folga xeral, previo ao 28 de xaneiro, a CIG “non terá inconveniente en consensuar unha data para conseguir unha maior resposta social”.

Dende a CIG advertiuse da necesidade de contestar contundentemente a todas estas políticas neoliberais, porque, do contrario, “estaremos diante dun escenario moi complicado para a clase obreira”. Neste senso, afirmou que a folga xeral do pasado 29 de Setembro obxectivou que cando o movemento obreiro actúa con coherencia “hai motos miles de traballadores e traballadoras dispostos a dar a cara”.