4.000 persoas maniféstanse en Ferrol para esixir o levantamento do veto político a antiga Astano

A CIG, que participou na convocatoria coa súa propia faixa, defende a necesidade dun sector naval galego público.

Preto de 4.000 persoas participaron o pasado sábado 27 de marzo na manifestación convocada pola plataforma Rumbo21 contra o levantamento do veto político á antiga Astano. A CIG, que apoiou a convocatoria, tamén tivo unha presenza destacada na mobilización, portando unha faixa propia na que se demanda o levantamento do veto e se defende a necesidade de consolidar un sector naval galego e público. O escritor Manolo Rivas foi o encargado de dar lectura ao manifesto final na Praza de Armas de Ferrol, onde reivindicou “unha nova primavera naval”.

Baixo as consignas “O veto a Astano que remate este ano” ou “queremos producir, queremos vivir”, a marcha saía pouco despois do mediodía do sábado dende o Peirao de Curuxeiras de Ferrol, arroupada pola presenza de numerosos/as representantes de colectivos sociais, políticos e sindicais, así como por multitude de cidadáns/ás que quixeron amosar o seu rexeitamento a un veto que supuxo o abandono da construción de barcos no estaleiro de Fene e o decaemento das instalacións de Perlío.

A CIG, que apoiou dende o primeiro momento a convocatoria, tivo unha presenza destacada na mobilización coa participación do Secretario Xeral, Xesús Seixo, quen ía nas faixas da cabeceira, o Secretario Nacional da Federación do Metal, Miguel Malvido, así como diversos membros da Executiva Confederal. De igual xeito, a dirección comarcal da CIG de Ferrol participou na manifestación cunha faixa propia baixo a consigna “Polo levantamento do veto. Naval, integral, público e galego”.

Dende a central sublíñase a importancia de rematar cun veto político prorrogado polos gobernos estatais de PP e PSOE, que ten “estrangulado” o desenvolvemento económico da comarca, deixado infrautilizadas as instalacións da antiga Astano, cando menos até o 2015. Neste senso, dende a CIG apúntase á importancia de volveu á construción naval civil, xa que na actual conxuntura deste sector, a industria naval de Ferrolterra “non pode continuar perdendo mercado”.

Compromiso de Zapatero

Durante a manifestación lembrouse ao presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, o compromiso adquirido de iniciar as xestións oportunas en Bruxelas para o levantamento do veto ás instalacións da antiga Astano, durante a presidencia do Estado español na UE. Non obstante, logo de tres meses de mandato aínda non se produciu ningún movemento a este respecto.

"Primavera naval"

Pola súa banda, o escritor Manolo Rivas, reivindicou durante a lectura do manifesto final “unha nova primavera naval” para Ferrolterra e denunciou que “o país que mellor sabe facer barcos en Europa e no planeta terra non pode facer barcos. Os mellores construtores de naves non poden facer naves».
Extraido de AVANTAR

Nova xornada de paros e concentracións contra os despedimentos en Sykes

A CIG reclama a retirada do expediente de regulación e dos despedimentos de obra
Traballadoras e traballadores de Sykes en A Coruña secundaron este martes unha nova xornada de paros e concentracións na empresa para demandar a retirada de todos os despedimentos e o estudo dun plano de viabilidade que garanta o mantemento da actividade da multinacional en Galiza. Os paros desenvolvéronse nas quendas de mañá e tarde, entre as 10 e ás 12 horas e dende as 17 ás 19 horas.

A protesta non foi secundada por CCOO, quen, xunto con UGT, na xornada do luns volveu dar mostras da complicidades e colaboración coa empresa para legalizar todos os despedimentos e a desaparición da Plataforma de Sykes en A Coruña. Aínda así, UGT acordou finalmente secundar a convocatoria de mobilizacións.

Dende a CIG volveuse reclamar o acordado por todas as organizacións sindicais o pasado 4 e 18 de marzo: a retirada, que non a suspensión, do ERE presentado pola empresa, así como de todos os despedimentos de obra, e a negociación dun plano de viabilidade que garanta o mantemento de todos os postos de traballo.

Pola súa banda, a empresa volveu rachar as negociacións co conxunto do Comité, excluíndo a CIG e CGT das negociacións e argallando unhas novas reunións con CCOO e UGT, como as que desenvolveron en xaneiro pasado, “cando estes sindicatos quixeron vender a todos os traballadores e traballadoras e, afortunadamente, non o conseguiron”.

A última noticia é que a empresa comezou a sondear aos/ás traballadores/as despedidos/as ofrecéndolles unha baixa incentivada a 33 días por ano traballado.

A fraude dos despedimentos

Para a CIG todos os despedimentos, tanto os de obra como os indefinidos, son unha fraude, e o ERE, que a empresa suspendeu pero non retirou, carece de xustificación, toda vez que a compañía obtivo millonarios beneficios nos dous últimos anos.

Por iso, CIG e CGT propuxeron durante a negociación do luns, de cara ao mantemento do 100% dos empregos, un ERE temporal que afectaría a cada traballador/a un máximo de 120 días, garantía do cobro do 100% do salario estando no paro e respecto ás vacacións e pagas extraordinarias. Esta situación daríase mentres Sykes non achegue nova carga de traballo.

Extraido de AVANTAR

Actas de Negociación do ERE

Accede a todas as actas de negociación do ERE do 22 de xullo de 2010 a marzo de 2011:

Acta 2ªActa 4ª
Acta 6ª (Final)

A asemblea de parados do naval continúa coa súa acampada fronte á Xunta en Vigo, que comezou o 1 de marzo

Levan 23 dias, nos que melloraron a súa infraestrutura neste espazo, e edian unha nova tirada de folla informativa

A asemblea de parados do naval comezou o pasado 1 de marzo unha acampada que, con carácter indefinido, se situou fronte ao edificio da Xunta en Vigo, nos xardíns de Montero Ríos. Desde alí, continúan as súas protestas, na defensa do emprego e pola regulación da contratación no sector naval, recollendo sinaturas en apoio desta loita e visibilizando o drama invisíbel de milleiros de traballadores e traballadoras galegas que ficaron no desemprego e afastados do mercado laboral. Moitas son as actividades e distintas solidariedades que conseguiron nestes dias, mais para achegar máis persoas do sector a súa iniciativa, asi como informar á cidadania editaron 10.000 follas informativas dando a coñecer a súa situación.

Polo seu interese reproducimos aqui o texto desta folla informativa, que podedes descargar tamén ao final da nova.

Por que estamos acampados os parados do naval?

Cando falamos desta crise e o desemprego que provoca, hai cousas que os traballadores non entendemos, pero existen responsábeis que non vemos e teñen a culpa de que moitos non teñamos traballo polo seu egoismo e porque se aproveitan desta situación para facerse máis ricos.

Tamén existen organismos que colaboran con eles como Inspección de Traballo, a Xunta e o Concello, porque lles permiten que se aproveiten desta situación e non fan cumprir as Leis.

Sabias que actualmente no naval hai máis de 700 parados galegos que traballaron todos estes anos no sector, pero agora están sendo substituidos por traballadores de Portugal, Romania, Polonia, etc, porque estes empresarios que se fixeron ricos co noso traballo traen a estes traballadores pagándolles a metade? Un deles é o empresario de Emenasa, que é presidente da Cámara de Comercio, outros da dirección de Asime, que son os que mandan no naval. Deberían ser os primeiros en cumprir a lei, o convenio colectivo, porque o noso convenio di que non se pode pagar menos, pero eles non o respetan. Por esta razón estivemos en folga estes meses atrás: para facer cumprir a Lei e defender o noso posto de traballo, pero os sindicatos CCOO e UGT nos venderon.

Estes empresarios, co favor da Xunta de Galiza, están explotando aos traballadores de fora e deixando sen traballo aos de aqui. Son racistas. Algo parecido pasa na construción con miles de traballadores de aquí parados, pero as obras, incluídas as públicas do Estado, da administración autonómica e do Concello fanse con moitos traballadores de fóra, porque se aproveitan deles como man de obra barata e nin a Xunta nin o concello lles fan cumprir a Lei. Como ves, nesta crise os ricos fanse máis ricos.

Un grupo de traballadores do Naval levamos acampados desde o 1 de marzo fronte ao edificio da Xunta en Vigo, porque non queremos rendernos. Temos dereito ao traballo. Este sector levantámolo nós co noso traballo. Facémolo para que se vexa o problema, para que sirva de denuncia, porque o que están a facer aqui, van facelo no resto dos sectores, e porque se non loitamos non solucionamos nada. Aqui ten cabida calquera traballador do Naval que se atope como nós, sen recursos para alimentar a súa familia. E pedimos a vosa solidariedade.


Extraido de AVANTAR

Novo incumprimento na sección de mantemento

A mesa de seguimento do ERE queixase a dirección da empresa polas rotacións dentro da sección de mantemento.

A mesa de seguimento do ERE presentou un escrito onde fai patente un novo incumprimento por parte da empresa, neste caso saltase o acordo tomado no tema das horas extraordinárias en mantemento.

Segundo dito acordo fariase rotar dous dias antes a un dos traballadores de mantemento e se incorporaria a outro dous dias antes para compensar o erro que cometera a empresa o realizar horas extraordinárias sen comunicación nin acordo previo coa mesa de seguimento.

No canto de facer o acordado, non se aplicou o firmado e por riba fixose rotar a un dos traballadores de mantemento que levaba regulado case que o dobre que a persoa que lle tocaria a rotación.