Primeira xuntanza do Comité de Empresa para acordar a plataforma de negociación

Este mércores dia 12 tivo lugar a xuntanza do Comité de Empresa no que se tratou a plataforma do convenio, nel se acordou grande parte do convenio a nivel xeral e se marcaron as trazas para que o próximo mércores dia 19 de Novembro se acorde unha proposta unitaria de negociación para o Convenio Colectivo

Dende a CIG queremos salientar o clima de unidade e predisposición por parte de todas as centrais sindicais e de todos os delegados para acordar esta proposta única que sairá como todo fai ver nos próximos dias.

Cando esta proposta sexa acordada e aprobada polos traballadores será convocada unha plataforma da empresa para que expoña a súa proposta e así ter un punto de partida as negociacións para o novo Convenio Colectivo.

De momento podemos dicir que como xa era previsible a unidade Sindical está a ser total y os resgos xerais das propostas de cada central sindical bastante coincidentes con diferencias en frecos que son de fácil resolución grazas a actitude de todos os compoñentes do comité de Empresa, un bo comezo a negociación colectiva que agardamos que se traduza en un final curto e beneficioso para os traballadores de EMESA.

A CIG mobilízase en toda a Galiza en demanda de medidas para enfrontar a crise económica

"Estamos aquí para exixir responsabilidades políticas a aqueles que defenderon e xustificaron este modelo económico baseado na especulación, á marxe da economía real, que permitiu aos especuladores amasar grandes fortunas e para denunciar as medidas que están a adoptar os gobernos, pondo nas súas mans millóns de euros dos fondos públicos que despois van financiarse a custo da clase traballadora vía impostos, recortes do gasto social e perda de poder adquisitivo dos salarios".

Así resumía o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, as razóns que levaron ao sindicato a convocar este xoves mobilizacións en toda Galiza, ao comezo da súa intervención na manifestación central, que tivo lugar en Vigo, cunha participación de máis de 4.000 persoas e que chegou a xuntar a 15.000 en toda Galiza.

Unha intervención na que Seixo aproveitou para demandar a adopción de medidas estruturais "contrarias ao que viñan sendo as políticas neoliberais", nomeadamente a supresión dos paraísos fiscais, a defensa dun sistema fiscal progresivo, a demanda dun incremento dos impostos ao capital, da nacionalización da banca e do sector enerxético, do cambio do actual modelo produtivo por outro "sostíbel do punto de vista ambiental e social" que garanta condicións de traballo dignas e que inclúa ademais fortes investimentos públicos en gasto social e economía produtiva.

Crise do modelo capitalista

O secretario xeral salientou ademais que para a CIG a actual crise financeira é só a punta do iceberg dunha crise económica máis profunda, que afecta ás bases do sistema capitalista. "Unha crise de sobreprodución e de estancamento económico que se ven dando desde principios dos anos 70. Unha crise que o capital pretende superar mediante políticas liberalizadoras, desregulando o mercado laboral, os movementos de capitais ou comercio mundial, privatizando os servizos públicos e o sistema de protección social ou fomentando a economía especulativa".
Aposta por outra modelo socioeconómico

Por iso a CIG, con estas mobilizacións, tamén denunciou que o actual modelo económico "non é", en palabras de Seixo, "o que necesita a clase traballadora e a grande maioría da poboación". A central sindical aposta por un outro modelo que poña a economía ao servizo da mellora das condicións de vida de toda a poboación e non só duns poucos. "Temos que loitar por un sistema que garanta un reparto da riqueza máis xusto e igualitario. Un sistema no que as relacións entre as nacións soberanas se estabeleza de forma pacífica e en pé de igualdade. Temos que aproveitar este momento para sentar as bases para camiñar cara o socialismo do século XIX", insistiu o secretario xeral.

Loita pola soberanía política

Xunto a iso fixo un chamamento a loitar por conquistar cotas reais de soberanía política que posibiliten que Galiza conte con mecanismos propios para afrontar esta crise pensando nos intereses e no que é máis beneficioso para as clases populares galegas."Temos que organizarnos e mobilizarnos, exixir cambios estruturais profundos. Se mantemos unha actitude pasiva o capital vai procurar superar a crise incidindo nas mesmas políticas ou moi similares ás que ven promovendo até o de agora", concluíu o secretario xeral.

A Coruña

A marcha da Coruña partiu contra as 20:15 da praza da Palloza e rematou 45 minutos máis tarde na Delegación do Goberno español, na praza de Ourense. Por volta de 2.000 persoas secundaron a manifestación na cidade herculina. Paulo Carril, secretario comarcal, foi o encargado intervir ao remate do acto.

Carril reprochoulles á Xunta e ao Goberno do Estado a falta de vontade política para preservar o emprego na Coruña e na súa área de influencia. Citou os casos de Martinsa-Fadesa e o máis recente de Atento. Mentres, a Consellaría de Pesca e a Autoridade Portuaria dedícanse a subvencionar un grupo como Correa-Kessler, que botou 40 traballadores dunha das súas empresas, Elcesa, que agora se encontra en concurso de acredores. Ademais, arredor de 30 obreiros que traballan na construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens foron despedidos días atrás e oito máis foron botados na UTE-Langosteira.

Ler o artigo completo en AVANTAR

O Comité de Empresa chega a un acordo coa empresa no tema do calendario laboral


Preme na imaxe para facer mais grande o comunicado.

A CIG convoca o 6 de novembro folga no Metal do convenio provincial de Pontevedra contra a represión sindical e a precariedade

Nunha rolda de prensa, celebrada o venres 31 de outubro no local sindical da CIG de Vigo, deuse a coñecer a convocatoria de folga para todos aqueles traballadores aos que se lles aplique o convenio provincial do Metal de Pontevedra. Estes máis de 22.000 traballadores están chamados á folga contra a represión sindical, xa que nesa data van ser xulgados catro traballadores do Metal, que no 2007 estiveron case quince días en folga para que se cumprira o convenio. A Fiscalía solicita catro anos de cárcere para estes catro folguistas. Ademais con esta folga, a CIG tamén quere denunciar a situación de precariedade que continúa a existir no sector.
Rolda de prensa .
Xosé Emilio Pérez, integrante da coordenadora do Naval, Roxelio Veiga, membro da Executiva comarcal, e Henrique Pérez, secretario comarcal da CIG-Metal.

Henrique Pérez, secretario comarcal da CIG Metal, salientou que as tres centrais sindicais (CIG, CCOO e UGT) teñen un diagnóstico común das orixes desta convocatoria da folga, mais o "que nos diferencia é a magnitude que pensamos que ten que ter e a contundencia da resposta que pensamos se debe dar neste caso". Así, desde a CIG, "entendemos que esta ten que ser unha folga que afecte a todas as persoas afectadas polo convenio provincial do Metal da provincia de Pontevedra, porque foi pola defensa deste convenio polo que son xulgados estes catro traballadores, e por iso estamos aquí".

Medre continuado da precariedade

Ademais, Pérez destacou que "as razóns xa veñen aniñando no sector desde hai tempo, xa que despois de ter asinado o convenio, lembremos que o ano pasado tivemos que volver sair ás rúas polo cumprimento deste convenio, e desde hai uns meses para acá vimos denunciando o medre continuado da precariedade no sector".

En canto á precariedade, o secretario comarcal da CIG Metal destacou que "observamos que hai empresas que non cumpren co establecido no convenio no seu artigo oitavo que fala da contratación, do pase de eventual a fixo, e é que aínda quedan empresas que non cumpren o establecido no convenio, que fixa nun 55% a porcentaxe de traballadores fixos. Esta foi unha das razóns que nos levou a ter un convenio bastante tenso na súa negociación no ano 2006, e atopámonos tamén agora cunha situación de novo tensa, e é que na actualidade hai unha presenza importante de empresas estranxeiras, que cubrindo as formalidades legais, teñen ao seu persoal en situación ilegal, porque as súas condicións económicas e sociais que fixa o convenio provincial do Metal de Pontevedra non son respeitadas, é dicir, que nin están a percibir as retribucións que lles corresponden nin tan sequera os dereitos sociais que teñen pola aplicación deste marco laboral no que traballan".

Apoio unánime aos compañeiros que van ser xulgados

"Facemos esta folga porque o día 6 van xulgar a catro compañeiros que son precisamente xulgados pola súa participación na folga no ano 2007, que se realizou para esixir que se cumprira o convenio asinado o ano anterior. Por isto, todos, incluídos os demais sindicatos con independencia de formalidade en canto a convocatoria, coincidimos no apoio a estes compañeiros, que van ser xulgados como consecuencia desa loita que non se debeu dar se os que asinaron o convenio o respeitaran", subliñou Pérez.

6 de novembro, xornada de loita no sector do metal

Apoiado nestas razóns, Pérez amosou "a nosa solidariedade para con eles, porque esa situación non se debeu dar hai un ano, porque ademais é que xa vemos como hoxe continúan estas situacións de precariedade. Eliximos o día 6 como unha xornada de loita do sector para que estes traballadores non sexan condenados e para denunciar a situación que continúa a vivir o sector".

Por último, sobre a petición de catro anos de cadea, o secretario comarcal do Metal manifestou que "son palabras maiores, e cremos que quen tiña que estar sentado nese xuízo son os empresarios que non cumpriron o convenio e que obrigaron aos traballadores a mobilizarse na defensa do acordado".

EN DEFENSA DOS INTERESES DA CLASE TRABALLADORA GALEGA A CRISE QUE A PAGUE O CAPITAL

Estamos asistindo nas últimas semanas a unha carreira á desesperada, por parte de EEUU e de varios Estados europeos, entre eles o español, por intentar salvar un sistema financeiro especulativo que se lles vén abaixo, recorrendo para isto a inxectar no sistema financeiro cantidades de milleiros de millóns de euros, supostamente para “salvar a economía de todos”. Ante a utilización desta cantidade tan enorme de fondos públicos, os cidadáns de a pé, a clase traballadora, cómpre que reaccionemos e nos fagamos varias preguntas:
Son xustas estas medidas? NON. Non podemos aceptar, por inxusto e abusivo, que os recursos públicos, o recadado cos impostos pagados por todos e todas nós, sexan utilizados polos gobernos para tapar o buraco negro, de milleiros de millóns de euros, provocado por un sistema financeiro especulativo que permitiu amasar grandes fortunas a banqueiros e promotores inmobiliarios. Mentres isto acontece, eles teñen as súas fortunas bes resgardas. Existen responsábeis desta crise? SI. Os oligarcas e as forzas políticas (no caso do Estado español, o PP e o PSOE ) que xustificaron e defenderon durante todos estes anos este modelo de capitalismo neoliberal que, entre outras medidas, promoveu un sistema financeiro desregulado que impón as regras de xogo da economía a nivel mundial, xerando burbullas especulativas cos prezos da vivenda, da enerxía ou dos cereais, posibilitando a acumulación da riqueza nuns poucos a custa do endebedamento, redución da capacidade de compra das familias e miseria en amplos sectores da poboación. Teñen consecuencias graves estas medidas para a clase traballadora? SI. O endebedamento dos Estados que esta achega de recursos públicos ao sector financeiro vai supor, ha traer consigo: recorte do gasto público en servizos sociais, ensino, sanidade, pensións, infraestruturas, etc., incremento dos impostos indirectos, inflación, recorte dos salarios... En definitiva, empobrecemento da clase traballadora e incremento das desigualdades sociais. Son posíbeis e necesarias outras medidas? SI. Non podemos meter millóns de euros do erario público nas mans daqueles que son os responsábeis da actual crise, para que sigan especulando con eles nos mercados financeiros e ampliando as súas grandes fortunas. HAI QUE NACIONALIZAR TODO O SECTOR FINANCEIRO e levar adiante unha xestión pública dos bancos, como única garantía de que o sistema financeiro estea realmente ao servizo do sector produtivo, do crecemento da economía real, e non ao servizo do lucro duns poucos como está a suceder na actualidade.

Non nos resignemos, mobilicémonos. Non aceptemos unhas medidas que pretenden que esta crise económica a paguemos, coma sempre, os traballadores e traballadoras, mentres os culpábeis da mesma seguen a incrementar o seu patrimonio persoal. Defendamos un sistema socioeconómico que socialice as ganancias e non só as perdas. PSOE e PP culpábeis.

Galiza, outubro de 2008