Mostrando postagens com marcador De interés. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador De interés. Mostrar todas as postagens

Esta e a situación da negociación colectiva nesta semana, respostas a plataforma do Comité o dia 12 coa súa contraproposta do día 13

---- 1 ----
Empresa: Nova redacción do Art. 6 do Convenio Colectivo de empresa, relativo aos ingresos e vacantes, eliminando calquera orde de preferencia no acceso a
un posto de traballo, en aras de garantir a igualdade de condicións entre os aspirantes a un posto de traballo.
Comité: o comité mostrouse disposto a cambiar dita redacción sen maior problema.
---- 2 ----
Empresa: Redución na retribución dos traballadores con contrato en formación, (Art. 8 do Convenio Colectivo de empresa), eliminándose o incremento porcentual sobre o salario mínimo interprofesional.
Comité: 100% do SMI para o primeiro ano e o 110% do SMI para o segundo
---- 3 ----
Empresa: Redución na retribución dos traballadores con contrato en prácticas, (Art. 9 do Convenio Colectivo de empresa), reducíndose a porcentaxe aplicable sobre as Táboas Salariales de aplicación.
Comité: 85% do Salário o primeiro ano e o 95% no segundo.
---- 4 ----
Empresa: Prorrateo da gratificación especial de Setembro, (Art. 35.2 do Convenio Colectivo de empresa). Se prorrateará entre as 14 pagas.
Comité: Aceptariase tal prorateo si esta se unifica subindoa  a 85€ anuais igualando o que cobran todos por ela e así desaparecerían as transitorias 3 e 5.
---- 5 ----
Empresa: Supresión do premio de iniciativas e suxestións, (Art. 38 do Convenio Colectivo de empresa).
Comité: Poderiase mirar a sua supresión en base a chegar a acordo coa subida salarial.
---- 6 ----
Empresa: Supresión dos premios de nupcialidad e natalidad, (Art. 40 do Convenio Colectivo de empresa).
Comité: Poderiase mirar a sua supresión en base a chegar a acordo coa subida salarial.
---- 7 ----
Empresa: Nova redacción do Art. 44 do Convenio Colectivo de empresa, relativo aos Fondos de atencións sociais, co obxecto de suprimir calquera beca de estudos medios e superiores sufragados por conta da empresa.
Comité: Estariase disposto a sua suspensión perante o ano 2016 como xesto de boa vontade.
---- 8 ----
Empresa: Nova redacción do Art. 45 do Convenio Colectivo de empresa, relativo ao Complemento á prestación de Incapacidade Temporal, en aras de reducir o absentismo na empresa, regulándose o dereito ao subsidio de conformidad co establecido no artigo 128 e ss. da Lei Xeral da Seguridade Social (RD 1/1994); Acórdase manter o complemento ás persoas que non teñan un absentismo maior ao 2,5% nos últimos 3 meses.
Nova proposta: complementar a redacción con "nin un 5% nos últimos 12 meses”.
Comité: Podería aceptarse
---- 9 ----
Empresa: Redución de mutuo acordo do Órgano de representación colectiva, adecuando o crédito horario dos representantes dos traballadores á realidade do sector.
Comité: O comité neste punto xa dixo que chegado o momento haberá eleccións e este oragano deberá adaptarse no seu número o que por ley ten que haber, dada a proximidade de eleccións, non entrará a debatir este punto.
---- 10 ----
Empresa: Eliminar as Disposicións Transitorias do Convenio Colectivo de empresa, co obxecto de evitar calquera tipo de desigualdade ou discriminación que se poida xerar na práctica.
Comité: Eliminariase a 2ª xa que a efectos económicos xa foi absorbida polo anterior convenio e as 3ª e a 5ª en base os posibles acordos na paga de setembro.
---- 11 ----
Empresa: Supresión da asignación por préstamos aos traballadores, (Art. 43 do Convenio Colectivo de empresa).
Comité: Estaríamos dispostos a que se conxelaran para este ano 2016.
---- 12 ----
Empresa: Nova redacción do Art. 15 do Convenio Colectivo de empresa, relativo á xornada de traballo, horario e vacacións; asimilándoo ao establecido por devandito concepto no Convenio Colectivo Provincial para a Industria Siderometalúrgica da Provincia da Coruña.
Comité: No caso da distribución irregular da xornada laboral, estaríamos dispostos a que se reflexara o acordó firmado no 2015 e se puidera aplicar durante o 2016.
---- 13 ----
Empresa: Duración do convenio: 1 ano. (2016).
Comité : Aceptado
---- 14 ----
Empresa: Dietas e desprazamentos: a empresa non acepta a subida posto que as dietas actuais son maiores que as de convenios con maiores desprazamentos como pode ser o transporte. Acéptase a inclusión dunha dieta por desprazamento fóra de España por 65 €.
Comité: Podería valorarse incluindo desplazamento e aloxamento por conta da empresa.
---- 15 ----
Empresa: Retribución variable por productividad: Proponse un aumento na retribución dos traballadores en concepto de retribución variable pagadera ao final do exercicio.
A retribución fixarase cun mínimo dun 3% do salario podendo aumentarse en función do proxecto. Aplicaráselle á MOD implicada en cada proxecto e en función á súa participación no mesmo

a) Criterios excluíntes: só si cúmprense.

Resultado positivo da compañía
Resultado global positivo do proxecto:
Cumprimento de prazos
Cumprimento de criterios de calidade.

b) Criterios variables/cuantitativos:

No caso de que o resultado sexa satisfactorio, repartirase a curmá de produción a cada integrante do equipo cuxa cuantía irá en función de:

Grado de participación do traballador no proxecto en cuestión en horas. (mínimo do 3% do salario equivalente ás horas traballadas) Obxectivos de rendementos particulares nos traballos asignados a esa persoa ou equipo. En base á planificación do proxecto estableceranse (dirección de produción) obxectivos de rendemento personalizado ou por equipo

en función dos traballos a realizar. Deste xeito o persoal de MOD terá unha planificación con 3 prazos distintos de finalización dos traballos. Se devengará a retribución variable segundo Táboa







Valoraranse positivamente propostas de mellora en proceso que axuden a mellorar a productividade / calidade / seguridade.

Valorarase negativamente: Absentismo, faltas injustificadas do posto de traballo e/ou calquera outro incumplimiento disciplinario e de normas de seguridade.

Comité: Non nos opoñemos a que se reflexe mais en ningún intre consideramos tal como incremento salarial.
A proposta última do Comité de Empresa é unha subida salarial do 1,5 %.

Calquera posible acordo quedaría supeditado a un incremento salarial do 1,5% para este ano 2016.

“Temos que ser conscientes de que ou se dá unha resposta contundente o día 29 ou será imposíbel frear a perda de dereitos”

Entrevista ao Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, con motivo da convocatoria de folga xeral

A primeira pregunta é obvia pero inevitábel, cales son os motivos que levaron á CIG a convocar a folga xeral e cales as razóns polas que se fai necesaria?

Dende que se iniciou a crise, a CIG veu reclamando a necesidade da folga xeral como resposta ao que entendemos é o fracaso do modelo económico do capitalismo neoliberal e da política de recorte de dereitos e da precarización das condicións de traballo. Sabíamos que a crise que se iniciaba no sector financeiro pasaría é economía real, traendo consecuencias moi graves para a clase traballadora. Parecíanos fundamental naquel momento facer xa unha demostración de forza e denunciar un modelo baseado nunha economía altamente especulativa, que xera moito lucro para aqueles que controlan os mercados financeiros, pero que non crea riqueza nin fai un reparto minimamente igualitario da mesma.

É evidente que este posicionamento non tivo eco nas centrais sindicais estatais, que se negaron a aceptar unha proposta deste tipo, apostando pola vía de diálogo social no ámbito dunhas mesas que non ían ofrecer alternativas políticas reais de saídas á crise dende unha perspectiva favorábel aos intereses da clase traballadora.

Así chegamos ao escenario actual, no que se teñen adoptado medidas de recorte de dereitos laborais, cunha reforma laboral xa aprobada e con previsión de novas reformas tanto no sistema de pensións como na negociación colectiva ou nas prestacións de desemprego; mentres que non se tomou ningunha disposición contra os verdadeiros causantes da crise. É totalmente necesario facer unha demostración de forza e dar unha resposta contundente o día 29, se queremos que muden estas políticas. Do contrario, o que nos queda é afrontar unha situación moi dura con políticas que afondarán aínda máis no modelo neoliberal e de recorte de dereitos.

Por que a CIG promoveu a súa propia convocatoria de folga en troques de sumarse á de CCOO e UGT?

Dende a CIG consideramos que CCOO e UGT son os culpábeis, en grande medida, de que até agora non se dera unha resposta firme á situación de crise económica, unha resposta mobilizadora e mesmo unha resposta dende o punto de vista do debate social necesario no campo ideolóxico que faga ver á cidadanía que o verdadeiro problema de fondo é o modelo económico actual, así como a necesidade de facer políticas de carácter estrutural que nos levan a un modelo moito máis xusto e solidario, democrático e favorábel aos intereses da maioría social.

As centrais estatais renunciaron a dar este debate e durante todo este período focalizaron as posíbeis saídas da crise nesas mesas de diálogo social, nas que nada se fala da importancia de potenciar o sector público, de crear unha banca pública, de implementar unha política fiscal diferente ou unha política de rendas que supoña unha recuperación do poder adquisitivo dos salarios, etc. Sabían que nesas mesas non se estaba adoptando ningunha medida favorábel aos intereses da clase traballadora. A folga pois é necesaria, nós imos pór todo o noso esforzo para que sexa exitosa, pero non queremos que se confunda o xeito de facer sindicalismo da CIG co que practican CCOO e UGT.

De feito, mentres a nivel estatal buscan a axitación de cara á folga, en Galiza ambas centrais veñen de escenificar a sinatura do diálogo social...

Isto é significativo da concepción que ambas organizacións teñen do sindicalismo. CCOO e UGT levan moitos anos metidos nesta política de pacto social, de colaboración permanente co poder e, de algunha maneira, o que tiña que ser unha loita cun forte contido de clase, convertérono en algo tan esperpéntico como convocar unha folga xeral e ao mesmo tempo asinar un pacto con aqueles que teñen a responsabilidade política e económica desta situación. É evidente que o PP defende abertamente este modelo neoliberal, incluso estas reformas parécenlle pouco profundas, ao igual que a patronal. Polo tanto é unha irresponsabilidade, diante dunha situación de recorte de dereitos destas características e da necesidade de dar unha batalla ideolóxica por un cambio de políticas e de modelo, estar asinando acordos como se ninguén fose culpábel da crise económica. Pactos que, ademais, non van incidir para nada na saída da crise. Iso é xogar ao confusionismo e xogar do lado da dereita e da patronal nunha situación enormemente delicada para a clase traballadora.

Cales son as previsións da CIG a respecto da participación da clase traballadora na folga? Cal é o ambiente que existe nos centros de traballo de cara á convocatoria?

Até agora había certa pasividade nos traballadores/as, en parte motivado pola de perda de empregos, peches de empresas, expedientes de regulación,...que crean unha situación de medo na xente. A isto axuda toda a política que se está a desenvolver a través dos medios de comunicación por parte do poder para desviar o debate sobre as cuestións de fondo. Neste momento non se fala de cales foron as motivacións que nos levaron á crise económica. Parece que o problema de orixe se atopa na rixidez do mercado laboral ou mesmo nun elevado gasto público, no sistema de pensións, etc. Isto xerou moita confusión e mesmo a idea, en moitos sectores, da inevitabilidade destas reformas, da falta de alternativas.

Afortunadamente, vemos que este sentimento está a mudar. Dende o momento no que explicas nas asembleas nos centros de traballo toda esta problemática, a onde nos levan as reformas, que existen políticas alternativas, que hai que sinalar aos verdadeiros culpábeis e pelexar por outro modelo, percíbese un cambio de actitude en moitos traballadores e traballadoras diante da folga xeral. Aínda que temos moitos elementos en contra, creo que o traballo que se está a realizar nas empresas a través de asembleas e da distribución de propaganda vai crear un clima favorábel para que o día 29 o nivel de participación sexa moi importante.

Dende a CIG pretendemos acadar niveis de mobilización similares á folga xeral de 2002, na que houbo unha grande participación, cando menos aquí en Galiza. Con esa perspectiva traballamos e, a pesar das dificultades, somos optimistas a respecto de que a xente comprenderá a importancia do momento no que estamos e da necesidade de achegar unha resposta realmente mobilizadora.

Unha das dificultades das que falabas pode ser a idea xeneralizada de estarmos nun período transitorio, ao remate do que poderemos reverter todas as medidas regresivas adoptadas.

A idea que pretende trasladar o goberno de que as medidas son conxunturais supoñen un tremendo engano. Non hai máis que botarlle un ollo aos comunicados que saca o FMI, as políticas que impón son as de recortes e precarización. E mesmo fala abertamente de aproveitar a conxuntura para acometer todas as reformas laborais precisas; é dicir, que se fan co ánimo de que perduren. Aquí estase cuestionando todo un modelo de relacións laborais, de protección social, de dereitos, que é o que se pretende tirar abaixo. O que a clase traballadora ten que ter moi claro, é que se o conseguen, recuperar os dereitos perdidos vai custar moito esforzo e moitos anos. É unha loita de poder entre o capital e a clase traballadora pór impor un modelo económico e produtivo favorábel a uns intereses ou a outros.

Esta mesma semana, o presidente do goberno estatal saía na prensa augurándolle unha vida de dez anos como máximo ao actual sistema de pensións, de non acometerse reformas inmediatas.

Lévase moitos anos predicando que o sistema público de pensións vai ir á quebra, iso non é ningunha novidade. Normalmente quen fai eses “sisudos” estudos é xente moi ben pagada polo capital financeiro, non son profesionais neutrais nas súas avaliacións. As súas análises sempre parten da base de que segundo pasen os anos, en función da evolución demográfica, haberá máis pasivos con respecto aos activos, rompendo o equilibrio do sistema público de pensións, na medida en que se van incrementar os gastos, pero non os ingresos. Estes expertos só avalían o incremento dos gastos, pero non se paran a estudar a vía dos ingresos, polo tanto só propoñen medidas para dificultar o acceso ás pensións e reducir a contía das mesmas. Mais hai outras alternativas, como incrementar os ingresos, pero para iso necesítanse facer políticas económicas alternativas que xeren emprego, rematen coa a economía somerxida, persigan a fraude fiscal, creen emprego de calidade... Mesmo subir os salarios suporía máis ingresos para a Seguridade Social a través das cotizacións.

A pesar dos augurios de quebra, estamos no 2010 e a Seguridade Social presenta un superávit de máis de 60.000 millóns de euros. Son informacións interesadas destinadas a que as persoas con maior capacidade de aforro o destinen a sistemas privados de pensións e a engordarlle os beneficios á banca e ao capital financeiro que controla eses fondos. O único que pode pór en perigo o actual sistema público de pensións son estas políticas e este modelo neoliberal, se se fan outro tipo de políticas o sistema está garantido.

Que diferenzas existen a nivel económico, político e social con respecto á convocatoria de folga xeral de 2002?

No ano 2002 non estabamos nunha situación de crise económica; é evidente que esa é unha diferenza importante. Dende o punto de vista político, non existe o nivel de crispación que había naquel momento co goberno do PP; un goberno que actuaba dende a súa maioría absoluta cunha enorme autoritarismo. Creo que esta situación, ante a proposta das reformas que se pretendía facer, sumouse ao descontento existente e facilitou aquela resposta tan importante que houbo.

Agora a situación é bastante distinta. Estamos nunha situación de crise, cunha elevada taxa de desemprego e o goberno actual, aínda que ultimamente está facendo moitos méritos, non xera percepción social negativa tan ampla. Aínda así, non é nada novo que a socialdemocracia , o PSOE, sexa a que lle faga o traballo sucio á dereita: as reformas do mercado do traballo ou as reconversións máis duras dos sectores industriais chegaron da súa man. E agora ocorre o mesmo, con absoluto descaro, e tarde ou cedo, a cidadanía rematará respondendo adecuadamente.

E no caso da CIG? Que cambios se operaron no seu papel mobilizador dende entón?

Dende o 2002 incrementamos de forma importante a nosa representación en canto a delegados e delegadas e número de afiliados/as. Agora a presenza da central sindical é maior e xa entón xogamos un papel moi importante na folga xeral. Compre lembrar que as mobilizacións que contaron cunha maior participación naquel ano foron precisamente en Galiza e iso ten que ver co tipo de sindicalismo que fai a CIG. Agardamos que na folga do 29 de setembro se rexistre unha elevada participación e estamos convencidos que unha parte moi importante desa participación a imos canalizar a través das manifestacións convocadas pola CIG.

Hai unha aceptación bastante xeneralizada a respecto de que as propostas e actitudes da CIG son máis coherentes que as que poden ter CCOO e UGT. Iso danos un “plus” que nos ten que levar a ser optimistas á hora de garantir unha boa participación nas nosas mobilizacións.

En Grecia ou Francia xa se desenvolveron varias xornadas de folga xeral, pero no estado español, en cambio, a convocatoria atrasouse até finais de setembro, e ademais, as centrais sindicais fixérona coincidir coa xornada de mobilizacións prevista a nivel europeo, provocando a sensación de que a folga chega tarde e non servirá para cambiar nada.

Este atraso ten a ver coa conduta das centrais sindicais estatais. De feito xa houbo respostas en nacións do estado que contan cun peso importante do sindicalismo nacionalista e poden apostar por realizar unha mobilización de certa entidade. Como é o caso de Euskadi, alí xa levan dúas folgas xerais. A CIG mesmo estivo valorando esa posibilidade, pero chagamos a conclusión de que nós sós, aquí en Galiza, iamos ter demasiados elementos en contra para conseguir que a convocatoria de folga xeral tivese entidade suficiente para poder ser efectiva.

Se no estado non se deu resposta antes é porque o papel de CCOO e UGT foi o da desmobilización, de vender fume a través das mesas de diálogo social. Xogaron un papel de compadreo e colaboración coa patronal e fundamentalmente co goberno, e incluso a convocatoria do día 29 ten a ver con esta estratexia. Púidose facer a folga xeral no mes de xuño, antes de aprobarse a reforma laboral no Congreso, pero intencionadamente atrasaron a convocatoria a setembro, coincidindo con outras mobilizacións a nivel europeo, para transmitir á opinión pública a idea de que o goberno español, o PSOE, non é o culpábel directo destas medidas, senón que forma parte de políticas adoptadas no seo da UE.

A dereita está nun momento feliz. Os intereses económicos que defende están protexidos e poden saír reforzados se continúa afondándose nestas políticas neoliberais. E ademais, non sofren o desgaste que ten o PSOE ao aplicar estes ataques aos traballadores e traballadoras. Se a maiores conseguen desprestixiarnos ás centrais sindicais e debilitarnos, sáelles a crise redonda. Creo que esta situación merece unha resposta moi distinta á que se está a dar dende o campo do sindicalismo español. Se tivesen o valor de ofrecer unha resposta a tempo, a felicidade da dereita non sería tanta e os traballadores e traballadoras estariamos máis optimistas de cara ao futuro.

E se o día 29 os traballadores e as traballadoras non nos mobilizamos masivamente, que futuro nos agarda como clase?

Agárdanos un panorama moi complicado, porque se realmente non hai unha resposta adecuada o día 29, a idea que se vai transmitir ao goberno é que a xente asume este tipo de políticas como necesarias ou, cando menos, que non está disposta a responder diante das mesmas. Isto suporá que automaticamente os anuncios que o goberno está facendo de reformas das pensións, das prestacións por desemprego e da negociación colectiva, levaranas a cabo no menor prazo de tempo posíbel. Polo tanto xeraríanse unhas circunstancias moi desfavorábeis.

O que tampouco vai levar á CIG a retirarnos da batalla. Teríamos un escenario máis difícil pero temos que continuar facendo este traballo de concienciación e debate ideolóxico que levamos desenvolvendo dende sempre, especialmente dende o inicio da crise. Convencidos ademais de que probabelmente a folga xeral do 29 non vai ser totalmente determinante, no sentido de que vai mudar absolutamente todas as políticas que pretenden levar adiante. Imos ter que seguir con mobilizacións e, se cadra, convocar unha nova folga xeral. Está claro que o capital financeiro, a través do FMI, é quen marca as políticas laborais e económicas aos gobernos e continuará tentado aproveitar calquera signo de debilidade da clase traballadora para profundar máis no seu modelo de capitalismo neoliberal. Hai que agardar que a folga xeral sexa un éxito, pero hai que continuar coas mobilizacións despois do 29, porque a situación realmente así o require.

Porqué o 1 de maio

A história
Os feitos que deron lugar esta celebración están contextualizados nos albores da revolución industrial nos Estados Unidos.

A fins do século XIX Chicago era a segunda cidade de EE.UU. Do oeste e do sureste chegaban cada ano por ferrocarril miles de gandeiros desocupados, creando as primeiras vilas humildes que albergarían por centos de miles de traballadores.

Ademais, estes centros urbanos acolleron a emigrantes vidos de todo o mundo o longo do seculo XIX.

A revolta de Haymarquet

O 1º de maio do 1886 a folga pola xornada de 8 horas estalou de costa a costa nos EE UU. Mais de 5.000 fabricas foron paralizadas e 340.000 taballadores sairon a rua

En Chicago concentráronse na praza de Haymarket máis de 20.000 persoas que foron reprimidas por 180 policías uniformados.

Para reprimir os traballadores, a burguesia urdiu un plan de probocacion e fixo estalar unha bomba na praza.

A bomba estalou entre os policías producindo un morto e varios feridos. A policía o exercito mais os matóns da axencia pinkertons entraran na praza probocando unha masacre abrindo lume contra a multitude matando e ferindo a un número descoñecido de obreiros.

Declarouse o estado de sitio e o toque de queda detendo a centenares de traballadores que foron golpeados e torturados, acusados do asasinato do policía.

Estes feitos represivos foron apoiados por unha campaña de prensa con citas como:

Que mellores sospeitosos que a plana maior dos anarquistas. ¡Á forca os brutos asasinos, rufiáns vermellos comunistas, monstros sanguinarios, fabricantes de bombas, xentuza que non son outra cousa que o atraso de Europa que buscou as nosas costas para abusar da nosa hospitalidade e desafiar á autoridade da nosa nación, e que en todos estes anos non fixeron outra cousa que proclamar doutrinas sediciosas e perigosas!

A Prensa reclamaba un xuízo sumario por parte da Corte Suprema, e responsabilizando a oito anarquistas e a todas as figuras prominentes do movemento obreiro.

O 21 de xuño de 1886, iniciouse a causa contra 31 responsables, que logo quedaron en 8. As irregularidades en xuízo foron moitas violándose todas as normas procesais de forma e de fondo, tanto que chegou a ser cualificado de xuízo farsa. Os xulgados foron declarados culpables. Tres deles foron condenados a prisión e cinco á forca.
Prisión

* Samuel Fielden, inglés, 39 anos, pastor metodista e obreiro téxtil, condenado a cadea perpetua.

* Óscar Neebe, estadounidense, 36 anos, vendedor, condenado a 15 anos de traballos forzados.

* Michael Swabb, alemán, 33 anos, tipógrafo, condenado a cadea perpetua.

A matar na forca

O 11 de novembro de 1887 consumouse a execución de:

*Georg Engel, alemán, 50 anos, tipógrafa.

* Adolf Fischer, alemán, 30 anos, xornalista.

* Albert Parsons, estadounidense, 39 anos, xornalista, esposo da mexicana Lucy González Parsons aínda que se probou que non estivo presente no lugar, entregouse para estar cos seus compañeiros e foi xulgado igualmente.

* Hessois Auguste Spies, alemán, 31 anos, xornalista.

* Louis Linng, alemán, 22 anos, carpintero para non ser executado suicidouse na súa propia cela.

Relato da execución por Xosé Martí, corresponsal en Chicago do xornal A Nación de Bos Aires (Arxentina):

...saen das súas celas. Danse a man, sorrín. Lenlles a sentenza, suxéitanlles as mans por detrás con esposas, cínguenlles os brazos ao corpo cunha faixa de coiro e póñenlles unha mortalla branca como a túnica dos catecúmenos cristiáns. Abaixo está a concorrencia, sentada en ringleira de cadeiras diante do cadalso como nun teatro... Firmeza no rostro de Fischer, pregaria no de Spies, orgullo no do Parsons, Engel fai un chiste á mantenta do seu capucha, Spies grita: "a voz que ides sufocar será máis poderosa no futuro que cantas palabras puidese eu dicir agora». Báixanlles as capuchas, logo un aceno, un ruído, a trampa cede, os catro corpos caen e se balancean nunha danza espantable...

O Crime de Chicago custou a vida de moitos traballadores e dirixentes sindicais; non existe un número exacto, pero foron miles os despedidos, detidos, procesados, feridos de bala ou torturados.

A maioría eran inmigrantes: italianos, españois, alemáns, rusos, irlandeses, xudeus, polacos e eslavos.

A revindicación laboral das 8 horas

Unha das reivindicacións básicas dos traballadores era a xornada de 8 horas. O facer valer a máxima oito horas para o traballo, oito horas para o soño e oito horas para a casa.

Neste contexto producíronse varios movementos, en 1829 formouse un movemento para solicitar á lexislatura de Nova York a xornada de oito horas.

Anteriormente existía unha lei que prohibía traballar máis de 18 horas, salvo caso de necesidade. Se non había tal necesidade, calquera funcionario dunha compañía de ferrocarril que obrigase a un maquinista ou fogonero a traballar xornadas de 18 horas diarias debía pagar unha multa de 25 dólares.

A maioría dos @obreiro estaban afiliados á Nobre Orde dos Cabaleiros do Traballo, pero tiña máis preponderancia a American Federation of Labor, Federación Estadounidense do Traballo, inicialmente socialista (algunhas fontes sinalan a orixe anarquista). No seu cuarto congreso, realizado o 17 de outubro de 1884, resolvera que desde o 1 de maio de 1886 a duración legal da xornada de traballo debería ser de oito horas. En caso de non obter resposta a este reclamo, iríase a unha folga. Recomendaba a todas as unións sindicais a tratar de facer promulgar leis con ese contido en todas as súas xurisdiccións.

Esta resolución espertou o interese de todas as organizacións, que vían que a xornada de oito horas posibilitaría obter maior cantidade de postos de traballo (menos desocupación).

Eses dous anos acentuaron o sentimento de solidariedade e acrecentou a combatibilidade dos traballadores en xeral.

En 1886, o presidente de Estados Unidos Andrew Johnson promulgou a chamada Lei Ingersoll, establecendo as 8 horas de traballo diarias. Ao pouco tempo, 19 estados sancionaron leis que permitían traballar xornadas máximas de 8 e 10 horas (aínda que sempre con cláusulas que permitían facer traballar aos @obreiro entre 14 e 18 horas). As condicións de traballo eran similares, e as condicións en que se vivía seguían sendo insoportables.

Como a Lei Ingersoll non se cumpriu, as organizacións laborais e sindicais de EE.UU. mobilizáronse. A prensa cualificaba o movemento en demanda das oito horas de traballo como «indignante e irrespectuoso», «delirio de lunáticos pouco patriotas», e manifestando que era «o mesmo que pedir que se pague un salario sen cumprir ningunha hora de traballo».

A consecución da xornada laboral de 8 horas

A finais de maio de 1886 varios sectores patronais accederon a outorgar a xornada de 8 horas a varios centenares de miles de obreiro. O éxito foi tal, que a Federación de Gremios e Unións Organizadas expresou o seu xúbilo con estas palabras: «Xamais na historia deste país houbo un levantamento tan xeral entre as masas industriais. O desexo dunha diminución da xornada de traballo impulsou a millóns de traballadores a afiliarse ás organizacións existentes, cando ata agora permaneceran indiferentes á axitación sindical».

Cómpre máis análise crítica. ( Manuel Mera. Secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da Confederación Intersindical Galega ).

Cando se fala de natalidade, de manter a lingua, de desenvolver o país, mesmo de que estamos moi ben porque recibimos inmigración (esquecendo que hai un proceso de substitución, non de suma) cinicamente se agocha que a marcha de moita mocidade e as malas condicións de traballo en Galiza frean a natalidade

As cifras son dramáticas: máis de 73.600 persoas en idade laboral marchan fóra do país cada ano na procura de emprego! Son datos de 2007, cando a crise provocada pola burbulla inmobiliaria e a especulación financeira aínda non principiara. Estas cifras, frías e precisas, contrastan co optimismo que desborda a cotío unha parte do Goberno galego, en liña co que dita Zapatero. Isto tamén merece un comentario. A Enquisa de Poboación Activa (EPA) rebaixa a porcentaxe de desemprego a menos do 9%, mentres que os parados anotados nas oficinas de colocación, que teñen nomes e apelidos, son máis de 160.000, ou sexa: por riba do 12% da poboación activa. Ninguén entende esta diferenza, máxime cando tradicionalmente a EPA ofreceu taxas de paro superiores ás do desemprego rexistrado. Uns datos que veñen moi ben como propaganda malia que non poden agochar a realidade.

Decote utilízase a entrada de inmigrantes como argumento engadido para demostrar que todo vai sobre rodas. Analicemos o feito migratorio. Entran uns 30.000 ao ano, tanto de retornados como de inmigrantes, e son máis que os que saen definitivamente con cambio de residencia. Porén, aínda sendo certo este dato, se lle sumamos a emigración temporal, saen máis do dobre de persoas das que entran. Destes últimos unha parte son galegos e galegas que retornan cando acadan a xubilación. Así mesmo, non se pode ignorar que marchan persoas plenamente integradas e unha parte dos que entran teñen outra cultura, polo que cómpre realizar un proceso de integración, e asemade en moitos casos sofren condicións laborais precarias e salarios miserentos... Continuar a ler.