A CIG esixe responsabilidades pola morte do traballador de Megasa

A CIG esixe que se depuren responsabilidades pola morte do traballador de Megasa no accidente laboral ocorrido o 12 de agosto nesta metalúrxica naronesa. O sindicato nacionalista vaise presentar como parte no caso e denuncia a versión defendida polo comité de empresa, conformado por UGT e CC OO, que atribúe o sinistro a un «erro humano» e que sinala que se cumpriron «ao 100%» as medidas de prevención de riscos laborais.

A CIG ten coñecemento a través dos seus afiliados en Megasa do incumprimento das normas de prevención nesta factoría. A carretilla que atropelou mortalmente o operario carecía de espellos retrovisores externos. Ademais, o sinal acústico que advirte da manobra de marcha atrás era moi feble, polo que resulta practicamente imposíbel ouvilo tendo en conta os niveis tan altos de ruído que se rexistran na fábrica. Así o explicou en roda de prensa Ramón Afonzo, responsábel de Saúde Laboral da CIG-Metal.

A depuradora da factoría é incapaz de absorber todos os gases tóxicos debido ao seu funcionamento deficiente. Á parte da contaminación do ambiente, os operarios teñen que aturar a diario temperaturas moi elevadas. Non existe unha delimitación axeitada entre os espazos de traballo e os de lecer e descanso. Para ir desde a zona dos vestiarios até o comedor, os traballadores deben cruzar un corredor no que as carretillas circulan a grande velocidade. Hai once anos outro traballador morrera esmagado por un destes vehículos.

Os obreiros están sometidos a moita presión para poder cumprir coas altas cotas de produción que marca a empresa, o que se traduce nun ritmo de traballo frenético. No caso de presentar calquera tipo de reclamación en materia de seguridade, os empregados das auxiliares son ameazados directamente co despedimento e, os da principal, coa deslocalización da factoría.

Alfonso Tellado, director do Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG, anunciou que o sindicato se vai presentar como parte no proceso e que porá a disposición da familia do obreiro finado todos os medios ao seu alcance. A CIG fará un seguimento exhaustivo do protocolo activado tralo accidente pola Inspección de Traballo e a Fiscalía.

O secretario comarcal de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, reiterou a esixencia de depuración de responsabilidades pola morte do traballador. Pintos recoñeceu a riqueza que crea a empresa na bisbarra mais de seguido engadiu que a CIG «non vai tolerar a perda de vidas pola chantaxe de que Megasa poda marchar de aquí». «Nós antepoñemos a vida das persoas aos intereses económicos», sentenzou o secretario comarcal.

Nenhum comentário: