A CIG convoca o 6 de novembro folga no Metal do convenio provincial de Pontevedra contra a represión sindical e a precariedade

Nunha rolda de prensa, celebrada o venres 31 de outubro no local sindical da CIG de Vigo, deuse a coñecer a convocatoria de folga para todos aqueles traballadores aos que se lles aplique o convenio provincial do Metal de Pontevedra. Estes máis de 22.000 traballadores están chamados á folga contra a represión sindical, xa que nesa data van ser xulgados catro traballadores do Metal, que no 2007 estiveron case quince días en folga para que se cumprira o convenio. A Fiscalía solicita catro anos de cárcere para estes catro folguistas. Ademais con esta folga, a CIG tamén quere denunciar a situación de precariedade que continúa a existir no sector.
Rolda de prensa .
Xosé Emilio Pérez, integrante da coordenadora do Naval, Roxelio Veiga, membro da Executiva comarcal, e Henrique Pérez, secretario comarcal da CIG-Metal.

Henrique Pérez, secretario comarcal da CIG Metal, salientou que as tres centrais sindicais (CIG, CCOO e UGT) teñen un diagnóstico común das orixes desta convocatoria da folga, mais o "que nos diferencia é a magnitude que pensamos que ten que ter e a contundencia da resposta que pensamos se debe dar neste caso". Así, desde a CIG, "entendemos que esta ten que ser unha folga que afecte a todas as persoas afectadas polo convenio provincial do Metal da provincia de Pontevedra, porque foi pola defensa deste convenio polo que son xulgados estes catro traballadores, e por iso estamos aquí".

Medre continuado da precariedade

Ademais, Pérez destacou que "as razóns xa veñen aniñando no sector desde hai tempo, xa que despois de ter asinado o convenio, lembremos que o ano pasado tivemos que volver sair ás rúas polo cumprimento deste convenio, e desde hai uns meses para acá vimos denunciando o medre continuado da precariedade no sector".

En canto á precariedade, o secretario comarcal da CIG Metal destacou que "observamos que hai empresas que non cumpren co establecido no convenio no seu artigo oitavo que fala da contratación, do pase de eventual a fixo, e é que aínda quedan empresas que non cumpren o establecido no convenio, que fixa nun 55% a porcentaxe de traballadores fixos. Esta foi unha das razóns que nos levou a ter un convenio bastante tenso na súa negociación no ano 2006, e atopámonos tamén agora cunha situación de novo tensa, e é que na actualidade hai unha presenza importante de empresas estranxeiras, que cubrindo as formalidades legais, teñen ao seu persoal en situación ilegal, porque as súas condicións económicas e sociais que fixa o convenio provincial do Metal de Pontevedra non son respeitadas, é dicir, que nin están a percibir as retribucións que lles corresponden nin tan sequera os dereitos sociais que teñen pola aplicación deste marco laboral no que traballan".

Apoio unánime aos compañeiros que van ser xulgados

"Facemos esta folga porque o día 6 van xulgar a catro compañeiros que son precisamente xulgados pola súa participación na folga no ano 2007, que se realizou para esixir que se cumprira o convenio asinado o ano anterior. Por isto, todos, incluídos os demais sindicatos con independencia de formalidade en canto a convocatoria, coincidimos no apoio a estes compañeiros, que van ser xulgados como consecuencia desa loita que non se debeu dar se os que asinaron o convenio o respeitaran", subliñou Pérez.

6 de novembro, xornada de loita no sector do metal

Apoiado nestas razóns, Pérez amosou "a nosa solidariedade para con eles, porque esa situación non se debeu dar hai un ano, porque ademais é que xa vemos como hoxe continúan estas situacións de precariedade. Eliximos o día 6 como unha xornada de loita do sector para que estes traballadores non sexan condenados e para denunciar a situación que continúa a vivir o sector".

Por último, sobre a petición de catro anos de cadea, o secretario comarcal do Metal manifestou que "son palabras maiores, e cremos que quen tiña que estar sentado nese xuízo son os empresarios que non cumpriron o convenio e que obrigaron aos traballadores a mobilizarse na defensa do acordado".

Nenhum comentário: