Rolda prensa crise económica 21/10/08 Suso Seixo

O capitalismo neoliberal e as organizacións políticas que fomentaron a súa implantación son, segundo explicou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, os principais responsábeis da actual situación de crise económica.

Unha crise que se quere presentar como financeira pero que Seixo alertou que se trata dunha crise económica real, tal e como constatan datos como o incremento do número de empresas pechadas no que vai de ano respecto de períodos anteriores, ou a crise de sobreprodución que xa se comeza a manifestar.

Partindo desta diagnose a CIG vén de analizar a situación xerada, as repercusións que xa está a ter para a clase traballadora, as medidas que desde os gobernos se están a pór en marcha e as medidas que se deberían aplicar.

Segundo explicou Seixo, para a CIG é “tremendamente escandalosa a expropiación que están facendo os gobernos aos traballadores, de recursos públicos que se obteñen dos impostos directos e indirectos, que pagamos a grande maioría da poboación para agora salvar un sistema financeiro que é o causante desta grave situación de crise que estamos a padecer”.

A CIG considera inadmisíbel que se estean a pór grandes cantidades de recursos públicos en mans dos mesmos que provocaron a crise para que sigan especulando na bolsa e que se favoreza aínda máis a concentración no sector bancario no canto de destinar eses cartos a reforzar e fomentar a economía produtiva. “É un atentado que debería estar tipificado como delicto contra a clase traballadora”.

Nacionalización da banca

Fronte á decisión adoptada polo goberno español de desviar cartos públicos para soster ás entidades financeiras e reproducir o actual sistema, a CIG propón a nacionalización da banca “porque a única garantía de que eses recursos vaian ao sector produtivo é que haxa un control público da xestión”.

Porén a CIG é consciente de que a Xunta de Galiza non ten capacidade para condicionar esa decisión, pero si para crear un Banco Público Galego que permitira canalizar os recursos públicos cara o sector produtivo e cara á protección das economías familiares.

Para a CIG é imprescindíbel tamén que se adopten medidas que favorezan a recuperación do poder adquisitivo dos salarios para que as familias poidan facer fronte ao endebedamento. “Grande parte do problema da sobreprodución vén derivado de que nos últimos tempos o que se fixo foi fomentar a perda de capacidade adquisitiva dos salarios e, polo tato, fomentouse o consumo a base de crédito, polo que a maioría das familias se endebedaron. Ao estar agora as liñas de crédito cortadas as familias perderon a capacidade de consumo e hai sobreprodución. Hai que garantir a capacidade adquisitiva das familias e, pouco a pouco ir mudando este modelo produtivo”, explica Seixo.

Os orzamentos da Xunta

Para a CIG os orzamentos da Xunta son pouco ambiciosos e pouco expansivos e deberían ir a un déficit maior. A previsión é dun máximo do 1% do PIB e “habería que endebedarse máis para fomentar a economía produtiva e contrarrestar a falta de investimento privado facilitando o acceso ao crédito para a pequena e mediana empresa, fomentar o emprego público e, ademais, o crecemento de sectores tan importantes como a Sanidade e o Ensino, para os que estes presupostos prevén un incremento por debaixo do que vai ser o IPC a final de ano”.

Contrarreforma fiscal

A CIG aposta tamén por unha contrarreforma do sistema de fiscalización. Nos últimos anos derivouse cara un modelo de fiscalidade claramente regresivo, incrementando os impostos indirectos, que son os que pagamos todos independentemente dos ingresos, fronte aos directos.

A CIG defende recuperar a progresividade do sistema fiscal e que se eliminen os impostos indirectos sobre aqueles produtos básicos que consumen maioritariamente as familias incrementando, pola contra, os dos produtos de luxo.

Xunto a isto, exixe que se persiga a fraude fiscal e que se remate cos paraísos fiscais, onde as multinacionais e as grandes fortunas evaden impostos para incrementar así os recursos públicos.

Nenhum comentário: