“Os que provocaron esta crise son quen teñen que pagala” ( Suso Seixo - Secretario Xeral da CIG )

A CEOE solicitaba, hai pouco máis dunha semana¸ a suspensión temporal do libre mercado para afrontar a crise. Tras daquela sorpresa regresaban esta semana á súa dialéctica habitual demandando unha vez máis abaratar o despedimento e moderar os salarios. Propostas ás que se sumaba o propio Banco de España, que incluía ademais eliminar as cláusulas de revisión salarial ou acelerar procesos de privatización e liberalización de sectores como o de Servizos. Entre mentres, a crise comeza a afectar a Galiza sen que se estean a adoptar medidas para que a súa repercusión na clase traballadora sexa mínima. Suso Seixo analiza nesta entrevista a actual situación e adianta a posta en marcha dunha campaña da CIG que comezará xa a principios do mes de outubro.
Suso Seixo, secretario xeral da CIG

Como avalía a CIG a proposta do Presidente da CEOE de flexibilizar aínda máis o mercado laboral?

Este tipo de propostas da CEOE son as habituais tanto en momentos de crise como en momentos de expansión económica. Levan defendendo o abaratamento do despedimento e a moderación salarial desde os pactos da Moncloa do ano 77. Pero son propostas que nin melloran a situación económica nin a competitividade da economía. O que mellora, fundamentalmente, é a marxe de beneficios das empresas. Nós somos totalmente contrarios e apostamos por outro tipo de medidas que xa temos explicitado e que non teñen nada que ver co que estes señores propoñen.

Porén, desde a CEOE si escoitamos unha proposta novidosa, facer unha paréntese na economía de libre mercado até que se supere a crise. Como a interpreta a CIG?

Mentres lles foi ben aos empresarios, a CEOE defendeu as políticas neoliberais e o argumento de que a economía de libre mercado era a mellor. Agora que asistimos ao seu fracaso, queren recorrer a medidas proteccionistas e ao erario público para que financie as súas perdas ... Está totalmente inxustificado e non compartimos ese tipo de decisións. Somos claramente contrarios á economía de libre mercado e vimos denunciando desde hai moito tempo as consecuencias deste modelo para a clase traballadora. Un modelo económico baseado na especulación, á marxe da economía produtiva e que fomentou o consumo favorecendo o crédito. Non se trata de falar dunha paréntese na economía de libre mercado, o que queremos é que se fale dun cambio estrutural, de modelo porque este xa vemos a onde conduce.

Propostas similares ás da CEOE fíxoas tamén o Banco de España.

Maior flexibilidade do mercado, contención salarial e eliminación das cláusulas de revisión salarial, esas foron as propostas feitas desde o Banco de España. É realmente escandaloso que o Presidente dunha institución financeira veña exixindo medidas que supoñan recortes nos dereitos laborais, máis cando son eles os verdadeiros responsábeis da crise económica que aínda agora comezamos a padecer. Paréceme unha inmoralidade por parte deste señor e desta institución e un insulto para todos os traballadores e traballadoras que, como consecuencia desta crise financeira, están xa ou van ir ao desemprego. Paréceme provocador e escandaloso que se atrva sequera a propor novos recortes nas condicións laborais como propostas para saír dunha crise económica da que son corresponsábeis.

Tamén hai voces desde a dereita, no estado español, que defenden a aplicación das mesmas medidas que se está aplicando nos EEUU: cartos públicos para rescatar ás entidades privadas.

Eses son os mesmos que non hai tanto tempo defendían o modelo neoliberal como o modelo ideal e mantiñan unha oposición total ao intervencionismo do estado na economía. Curiosamente agora, cando o modelo fracasa e están en creba moitas entidades financeiras, agora si recorren a que papá estado lles solucione os problemas. Pero temporalmente, para despois, cando volvan as vacas gordas, recuperar a liberdade e así poder seguir especulando e gañando todo o que queiran. Somos completamente contrarios a ese tipo de medidas. Parécenos que de haber intervención pública ten que ser para ir á nacionalización do sector financeiro. É evidente que o frcaso na xestión destas entidades de xestión privada ten moi graves consecuencias para a economía. Por iso, o normal sería nacionalizalas para que haxa unha xestión rigorosa dos recursos económicos. É máis, haberá que preguntarse se se destinan recursos públicos para a compra de activos e impedir que esas entidades vaian á creba, de onde van saír? O máis probábel é que se recorra á vía do incremento dos impostos indirectos, á redución do gasto social, á privatización de sectores públicos... máis medidas liberalizadoras para un modelo neoliberal que vemos que fracasou.

As medidas económicas presentadas polo goberno do estado español son as adecuadas?

Hai algunhas positivas como as destinadas a fomentar o gasto en vivenda de protección social, en materia de infraestruturas, a través do ICCO abrir liñas de crédito para a pequena e mediana empresa, que é a que se vai ver máis afectada, porque as entidades privadas non van abrir esa liña de crédito nestes momentos... Pero estas medidas veñen acompañadas doutras de carácter neoliberal como a proposta de privatización da xestión dos aeroportos, de RENFE e mesmo as que virán detrás da aplicación da Directiva de Servizos que estaba pendente de transposición á lexislación española para a súa aplicación e tiña de prazo até o 2009 pero que o Ministro de Economía, Pedro Solbes, xa anunciou que tiña intención de acelerar e poñela en marcha antes de que finalice o ano 2008. Medidas que en nada van contribuír a modificar o actual modelo, que está a fracasar.

Como se observan desde a CIG as primeiras mostras da crise en Galiza?

Nestes últimos meses viñamos observando un goteo constante de despedimentos, sobre todo de traballadoras e traballadores con contratos temporais e, fundamentalmente, pola vía da non renovación. Tamén comezamos a observar un incremento do número de empresas que anunciaban o peche, sobre todo pequenas. Eramos plenamente conscientes de que esta crise ía afectar a moitos sectores porque se estaba a dar un parón importantísimo no consumo. Ademais, as entidades financeiras, dada a situación de incertidume na que están a vivir e á vista da profundidade da crise, están a limitar as liñas de crédito. Polo tanto era de prever que agora, cara final de ano, se presentaran máis expedientes de regulación de emprego e despedimentos do que adoitaba ocorrer en anos anteriores. Esa é unha realidade que se vai dar malia o optimismo do sr Touriño que durante todo este tempo estivo tratando de convencernos de que Galiza estaba nunha situación especial para enfrontarse a esta crise. Non sabemos en que baseaba esas afirmacións. No seu momento chegou a comentar que se debía ao Plano de Competitividade que asinaran con algunhas organizacións sindicais, CCOO e UGT, e coa Confederación de Empresarios. Un plan de Competitividade que ten moita filosofía pero poucas medidas concretas. Sabiamos que a crise ía chegar a Galiza con algo de atraso pero que estaba aí. A proba é que xa se empeza a falar de problemas serios en empresas do sector do automóbil, que ten un grande peso na comarca de Vigo, como Citröen, onde xa anunciaron que rematarían este ano reducindo en 100.000 unidades o número de coches fabricados, o que repercute no resto do sector da automoción.

Adoitamos falar das medidas que se adoptan desde o estado español, pero desde o goberno galego, como se podería incidir?

A política económica está en mans do goberno central, e nese sentido, a Xunta non ten moitos mecanismos ao seu dispor. Porén, cremos que si poden recorrer a maiores investimentos públicos, nomeadamente en todo o relativo ao sistema de protección social, en vivenda de protección oficial e en infraestruturas. Tíñase que abandonar definitivamente a previsión orzamentaria de déficit cero. Vai haber que endebedarse para poder afrontar esta situación de crise pola vía de incrementar os recursos públicos, no canto de reducilos. Hai medidas que dependen do goberno central, que é quen ten competencias. Desde a CIG defendemos o incremento dos impostos directos sobre o capital, sobre o patrimonio, sobre os beneficios empresariais e que se destinen moitos máis recursos a combater a fraude fiscal que se dá tanto no ámbito empresarial como no profesional. Aí é onde ten que ir a administración para conseguir recursos para poder ter medios suficientes para investimentos públicos e para intentar paliar, na medida do posíbel, esta crise económica.

A CIG anunciou xa antes do verán unha campaña centrada na crise, cando se porá en marcha?

Entraremos de cheo na campaña na primeira quincena de outubro e nesta nesta etapa inicial rematará con manifestacións en todas as comarcas para o día 13 de novembro. Vai centrada, fundamentalmente, na denuncia deste modelo capitalista neoliberal, das graves consecuencias que ten para a clase traballadora, da necesidade de loitar por un modelo económico e social novo e de exixir medidas para paliar esta situación de crise que non vaian en prexuízo da clase traballadora. Os que teñen que pagar esta crise son os que a provocaron: o capital financeiro e o capital transnacional. Demandaremos ademais a posta en marcha dunha serie de medidas en materia de negociación colectiva, de políticas fiscais, socias, económicas... que daremos a coñecer nos próximos días.

Nenhum comentário: