Os traballadores do metal volven solidarizarse cos seus catro compañeiros xulgados por defender o cumprimento do seu convenio

Desde primeira hora da mañá volvían de novo os traballadores do Metal participar dunha nova xornada de folga en solidariedade cos catro traballadores do sector, que ían ser xulgados nesta data pola folga do 2007, para que se cumprira e respetara o convenio. Desde os centros de traballo volvían realizarse marchas, que se xuntaban ás nove da mañá na Praza do Rei, e continuaban en manifestación polas Camelias até os Xulgados. Fronte ao edificio no que tiña lugar este proceso xudicial concentráronse estes folguistas até que rematou pasada a unha da tarde o xuízo.

Nova xornada de paro xeralizado no sector do Metal na comarca de Vigo, que tivo un importante seguimento nas zonas industriais e que foi moi maioritario no naval. De novo, desde as sete e media da mañá os traballadores do sector xuntábanse nas portas dos estaleiros e nas principais zonas industriais. Desde as zonas dos estaleiros de Vulcano e Barreras sairon en marcha até a Praza do Rei, onde se lles unirían máis traballadores que proviñan doutros piquetes.

Manifestación até os Xulgados

Asi, en manifestación polo Paseo das Camelias volveron ser milleiros os traballadores que participaban desta mobilización, e que se concentraban pouco despois das dez da mañá fronte aos xulgados.

Desenvolvemento do proceso xudicial

Na sala nº1 do Penal tiña lugar o xuízo contra estes catro traballadores, no que se volveu demandar a "libre absolución" destes compañeiros. É de salientar as contradicións nas que entraron os policias nas súas declaracións neste xuízo, asi como a sorpresa que supuxo que finalmente se personara neste proceso xudicial o concello de Vigo reclamando 19 colectores, pero sen apresentar ningún tipo de peritaxe ao respecto.

Fontes xudiciais sinalan que o máis probábel é que a sentenza deste xuízo non sexa pública até dentro dun mes.

Asemblea ao final do xuízo

Ao remate deste xuízo, tivo lugar unha asemblea fronte aos xulgados, na que interveu Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal e na que sinalou que"é importante que continuemos atentos, porque agora o xuízo quedou visto para sentenza, e atentos, porque neste ano temos negociación do convenio provincial".

Malvido lanzou unha mensaxe tanto para os traballadores e traballadoras presentes como para os empresarios:"esta convocatoria de folga non foi un fraude de lei, e a convocatoria si que era para estar aqui hoxe cos catro compañeiros, porque todos nos estabamos a sentir xulgados e no banco de acusados, e non é fraude de lei porque a patronal sabe que os maiores incumpridores do convenio son eles, e a ver cando dunha vez por todas temos a algun deses incumpridores e estafadores sentados no banco de acusados".

"Imos pelexar polo convenio"

Malvido adiantou que "queda por diante un ano complexo, unha negociación complicada , e aínda que é certo que hai crise, pero non é menos certo que esta crise non a xeramos os traballadores, e imos pelexar como sempre, e teremos que estar na rúa outra vez para pelexar por un convenio digno".

Solidariedade de Cándido e Morala

Cándido Gónzález, traballador da Naval Xixón e membro da Corrente Sindical de Esquerdas de Asturies, participou tamén nesta asemblea final e amosou a súa satisfacción "por compartir esta xornada de loita contra a represión", e subliñou que "isto é un exemplo de solidariedade e asi é como se debe de loitar". Cándido engadiu que "en Asturias temos os mesmos problemas , porque a clase obreira estamos a ser vítima da represión por loitar contra un sistema fracasado, e póñennos condenas por defender os nosos dereitos, e a nós condenáronnos a tres anos de prisión, ao compañeiro Morala e a min, que tamén está aqui, e grazas á solidariedade e á loita na rúa en vinte días tiveron que poñernos en liberdade. Ese é o exemplo a seguir, o apoio solidario da clase traballadora cara calquera compañeiro que vaia ser xulgado é moi importante, porque se queren xulgar a un que nos xulguen a todos".

Nenhum comentário: