Os traballadores/as do Grupo Antolín Vigo rexeitan o preacordo entre CCOO e UGT e a empresa

Os traballadores e traballadoras do Grupo Antolín Vigo rexeitaron en asemblea o preacordo negociado por UGT, CCOO e a dirección da empresa auxiliar da automoción con sede no Parque Tecnolóxico de Valadares. Dende a CIG critican que a compañía non volveu poñerse en contacto co comité de empresa para seguir negociando o convenio colectivo e anuncian que promoverán unha reunión para abordar a convocatoria de mobilizacións para forzar unha nova xuntanza.
Os empregados/as botaron abaixo a proposta dos sindicatos españois e a propiedade da compañía por unha ampla maioría: dos 95 votos emitidos, 69 foron en contra e só 26 a favor. O punto que maior oposición provocou entre os traballadores foi o que establece a duración do convenio até o ano 2013. Dende a CIG sinalan que ademais de “excesiva” esta duración trae aparellado “un incremento insignificante das primas”.

Con respecto a cuestións como as axudas escolares, licenzas e seguro colectivo, explican que xa existía un preacordo até 2010, “polo que se se pretende ampliar a duración do convenio hai que actualizar tamén estes conceptos”. Indican que neste ano pasaron pola empresa tres responsábeis de recursos humanos distintos e que o último decidiu revisar acordos acadados durante a folga do Metal pontevedrés en maio do ano pasado. Entre eles, a redución da xornada laboral e o incremento dos salarios, “polo que non ten moito sentido que o intenten vender agora como unha conquista”. Neste senso, rexeitan tamén que se queira ampliar a duración do convenio mantendo os incrementos de maio.

Diante disto, adiantan que promoverán a convocatoria dunha asemblea para fixar un posíbel calendario de mobilizacións. Durante as últimas semanas, un grupo de traballadores realizou concentracións diarias ás portas da compañía para reclamar a firma dun convenio xusto.

Extraido de AVANTAR

Nenhum comentário: