A continuación reproducimos o comunicado feito público este mediodía:
Diante do accidente laboral acontecido esta mañá na fábrica de Emesa en Coirós, os delegados da Sección Sindical da CIG no Comité de Empresa manifestamos o seguinte:
1.-Hoxe 15 de outubro de 2010, sobre das 6:00 da mañá, produciuse un accidente grave na factoría que a filial de Isolux (EMESA) ten en Coirós.
2.-O traballador, un soldador duns 40 anos, sufriu un grave accidente ao ser golpeado por unha radial na cara, cando estaba efectuando traballos nunha zona confinada cunha altura de 40 centímetros. Isto significa que se trataba dunha manobra inminentemente perigosa dada a incomodidade do traballo e as condicións precarias nas que se producía este traballo; non estando claros, nin rigorosamente efectuados os protocolos de seguridade. Ditos protocolos son inefectivos ante a presión que está a exercer a Empresa, xa que pretende acurtar os tempos de traballo para poder incorporar a todo o cadro de persoal ao segundo ERE que padecen os traballadores/as desta Empresa.
3.-Outra das ineptitudes que está a desenvolver a Empresa refírese a falla de servizos médicos, que dende hai unha semana se lle está comunicando á dirección que faltan na quenda de noite.
4.-Así mesmo, queremos denunciar que dende o 27 de setembro, e por presión da empresa, gran parte do persoal está a traballar en quendas continuadas e extraordinarias sen descanso dende a fin de semana até o día de hoxe. Hai que ter en conta que estes traballos son efectuados nunha situación de dous EREs de suspensión de contrato, que suman entre os dous 16 meses, e sabendo, pola información facilitada pola empresa, que dende mediados de novembro até o 22 de marzo (data na que remata o ERE) estarán a maior parte dos traballadores afectados en situación de paro.
Nenhum comentário:
Postar um comentário