O Comité de EMESA expón á Subdirectora de Traballo a crítica situación que padece o persoal por mor do novo ERE temporal

Os traballadores desenvolveron unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta en A Coruña
Traballadores de Elaborados Metálicos SA (EMESA) iniciaron na mañá deste venres mobilizacións contra do segundo ERE temporal consecutivo imposto pola empresa e a falta de cumprimento dos acordos de rotación dos tempos de traballo. O persoal desenvolveu unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta en A Coruña. Previamente, unha representación do Comité mantivo unha xuntanza coa Subdirectora Xeral de Traballo para expor a situación na empresa e informarse do estado de tramitación do recurso de alzada presentado contra esta segunda regulación.
Persoal da factoría de EMESA en Coirós, pertencente ao grupo Isolux Corsán, comezou esta mañá as mobilizacións en contra do segundo expediente de regulación temporal que a empresa está a executar e para urxir á administración galega a que resolva o recurso de alzada presentado polo Comité contra a aprobación deste novo ERE. Previamente, unha representación dos traballadores/as trasladouse até Compostela para manter unha entrevista coa Subdirectora Xeral Traballo, na que expuxeron a crítica situación que está a padecer o cadro de persoal por mor desta nova regulación e diante dos reiterados incumprimentos por parte da empresa dos acordos acadados a respecto das rotacións de traballo.

Pola súa banda, a responsábel política informou que a administración se vai pronunciar nas vindeiras semanas sobre o recurso, pois ten como data límite para resolver o expediente o 21 de decembro. Neste senso, dende o Comité lamentouse a demora por parte da Consellaría para atender a solicitude de reunión.

O presidente do Comité e delegado da CIG, Andrés Rodríguez, denunciou novamente durante a concentración que o persoal de EMESA “estamos traballando de balde. A empresa está a xogar coas nosas prestacións por desemprego e estamos regalando o noso paro a moi alto prezo”. Rodríguez refírese a que parte dos traballadores comezaron a perder xa o 10% da súa prestación por desemprego, e varios operarios xa esgotaron o dereito a cobrar o paro por culpa da arbitraria distribución do tempo de traballo decidida pola empresa.

Ademais, o Comité denunciou o desinterese amosado por Isolux Corsán para salvar a planta de Coirós, xa que, a pesar do esforzo dos traballadores/as, o grupo empresarial mesmo comezou a subcontratar traballos que até agora realizaba o persoal de Emesa.

Nova mobilización o 17 de setembro

A asemblea de traballadores/as tamén acordou convocar unha nova concentración o vindeiro 17 de decembro, con motivo da celebración do xuízo polo conflito colectivo presentado polo Comité contra a dirección, a causa das discriminacións feitas nestes dous EREs entre o persoal, ao incumprírense os acordos de rotacións equitativas. O presidente do Comité animou ao conxunto dos traballadores/as a asistir a esta mobilizacións, pois, aseverou, “esta é a nosa última oportunidade de frear este atentado á nosa integridade como traballadores. As rotacións foron feitas baixo os criterios da empresa de rentabilizar ao máximo a produción co menor número de traballadores, e iso non o podemos permitir”.

Nenhum comentário: