O Comité reclama unha rebaixa solidaria dos salarios da dirección
A Asemblea de traballadores/as de Emesa e o Comité veñen de facer público o seu malestar e a súa preocupación pola actual situación da empresa, que vén de presentar un novo ERE de suspensión de contratos cunha duración de 8 meses. Persoal e Comité alertan da falta de apoios por parte do grupo empresarial, Isolux Corsán, á factoría de Coirós, pondo en perigo a continuidade dos postos de traballo. Así mesmo, solicitaron unha rebaixa solidaria do 15% dos salarios dos cargos de dirección non regulados e unha redución do número de postos directivos.Logotipo Emesa
Dende o Comité, presidido pola CIG, sinalan que despois de case dúas semanas de terse anunciado a marcha do Director da Factoría e sen ter substituto, presentouse un novo ERE de suspensión de contratos de 8 meses de duración co cal xa se suman 16 meses de regulación “sen ter garantías nin expectativas de solución na situación actual da empresa”.
Neste senso, apuntan que os incumprimentos manifestos do acordo no primeiro ERE, sobre todo no que respecta ás rotacións do persoal, poñen en perigo de perda da prestación de desemprego a un número importante de traballadores. De feito, no transcurso do novo ERE as perdas económicas para o persoal pasarán a ser “bastante graves”, xa que se rebaixará entre un 25 e 30% da base reguladora.
Por parte dos/as traballadores/as sospéitase que a actitude da empresa ten como obxectivo desfacerse de parte do persoal pola vía do “cansazo ou por non poder aturar esta situación”.
“Os/as traballadores/as e o Comité queremos denunciar o abandono que por parte do Grupo Isolux Corsán se está a facer de Emesa, nun intre en que certas empresas do sector de fabricación de estruturas comezan a ter algo de carga de traballo. EMESA a dia de hoxe ten unha carencia moi grande de carga de traballo xerando cada vez menos expectativas de cara a continuidade da factoría”, alertan.
Baixada solidaria dos salarios dos cargos de dirección
Dende o Comité solicitaron á dirección que pola súa banda tamén asuma un esforzo solidario cos traballadores/as, recortando os salarios dos cargos de dirección non regulados un 15% e rebaixando o número destes postos. Así, o Comité solicitou que se realice estudo un que reflicta as necesidades reais de todos os cargos de dirección, xa que hai postos que deberían depender directamente da Dirección da Xerencia da factoría e, polo tanto, “non fai falla o dito cargo”.
Demandaron, ademais, que o persoal regulado que non estea prexubilado e que pertenza a cargos de dirección, acepte durante o tempo que se prolongue este segundo ERE unha baixada salarial do 15% en solidariedade cos traballadores e para mellorar a conta da empresa.
A este respecto lembran que a dirección de recursos humanos de Emesa é compartida, xa que o mesmo director de RRHH ten ese cargo dentro do grupo Isolux Corsán como responsábel para Galiza. “Entendemos que Emesa se terá que ocupar da parte do salario deste responsábel, mais a retribución deste cargo debe ser compartida por todas as empresas do grupo de Galiza” e non recaer unicamente na fábrica de Coirós.
O aforro que suporían estas medidas, explica o Comité, podería redundar na mellora das condicións económicas de todos os traballadores/as de cara a este segundo ERE que a empresa vén de presentar.
Nenhum comentário:
Postar um comentário