A Xunta abandona aos traballadores/as de Emesa permitindo ao Grupo Isolux avanzar no desmantelamento da factoría de Coirós


A Consellaría de Traballo dá por válida a documentación incompleta presentada pola empresa mentres evita pronunciarse sobre os 14 despedimentos executados

O Comité de Elaborados Metálicos EMESA quere denunciar publicamente o abandono de responsabilidades e a situación de absoluta indefensión no que a Xunta de Galiza ten deixado aos traballadores/as da empresa, mentres pola contra, actúa a favor do Grupo Isolux Corsán, facilitando o proceso de desmantelamento da factoría de Coirós.

Por unha banda, e sen comunicación aínda a día de hoxe ao Comité de Empresa, a Consellaría de Traballo vén de reiniciar desde o 26 de setembro, os trámites do expediente de suspensión logo de dar por válida a documentación presentada o pasado venres pola empresa ante a Xunta e ante o Comité. Documentación que non responde ao requirimento feito pola propia Consellaría, solicitando á dirección informes sobre o número de pedidos recibidos polo Grupo Isolux no ramo do metal, tanto a nivel nacional como internacional, as previsións para 2012, así como datos a respecto das externalizacións da carga de traballo.

A documentación entregada pola empresa ao Comité non dá resposta a estas cuestións, razón pola que a representación do persoal remitiu un novo escrito á Consellaría o venres 23 de setembro, solicitando o arquivo do expediente de suspensión de empregos. Non obstante, agora a administración galega dá por cumprido o requirimento co mero feito da empresa achegar datos, sen comprobar a súa validez e actuando contra os seus propios actos.

Con esta decisión, a Xunta incumpre o compromiso adquirido polo Director Xeral de Relacións Laborais ante os traballadores o pasado xoves 22 de setembro, e ante a Cámara galega, asegurando que a Consellaría actuaría con todo o rigor e non admitiría o ERE se Emesa non presentaba toda a documentación legalmente demandada.

Así mesmo, o Comité de Empresa tivo coñecemento que a Xunta non ten intención de responder á petición trasladada pola parte social solicitando que deixe sen efecto os despedimentos comunicados pola dirección. Unha vez máis, a Consellaría de Traballo desinhíbese das súas responsabilidades, incumpre o rigor esixido pola Lei, e deixa sen aplicar a normativa recollida no Estatuto do Traballadores que lle obriga  á autoridade laboral, á Consellaría de Traballo a paralizar calquera actuación do empresariado que puidesen facer ineficaz os pronunciamentos administrativos a respecto do expediente.

Este desinterese da Xunta deixa nunha situación de total indefensión aos traballadores e traballadoras de Emesa, permitindo ao Grupo Isolux Corsán avanzar no proceso de desmantelamento da factoría e na destrución de máis de 150 empregos na comarca.

Ademais dende o Comité denunciaron novamente a falta de resposta por parte da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que máis dunha semana despois de adquirir o compromiso de reunirse co Comité aínda non ten concretado unha data para tal xuntanza.

En Coirós, a 30 de setembro de 2011


                                               O COMITÉ DE EMPRESA

Nenhum comentário: