A CIG ‘móllase’ en defensa do emprego e dos servizos públicos e proclama que "Si, hai alternativas"

Preto de 3.000 persoas sumáronse á convocatoria da CIG, na primeira mañá de chuvia e frío deste outono, para exixir un cambio radical nas políticas que os gobernos da Xunta e do Estado veñen aplicando. Así o demandou o secretario xeral, Suso Seixo, quen denunciou que hoxe, as traballadoras e traballadores galegos “estamos claramente ameazados por políticas económicas de recorte do gasto social” que levan, dixo, a un “incremento do desemprego, á destrución do tecido produtivo” e que poñen en perigo servizos sociais básicos como a sanidade e o ensino públicos.


O secretario xeral da CIG lembrou que esta manifestación insírese na campaña de denuncia e de concienciación social que vén desenvolvendo a central sindical desde o comezo da crise económica. “Queremos denunciar o carácter antisocial e inxusto, a fraude que representan esas políticas que prexudican e castigan a aqueles que non temos culpa da crise, mentres benefician claramente aos seus responsábeis: á banca, os especuladores e á oligarquía financeira”.

Unha campaña baixo o lema “Si, existen alternativas” coa que a CIG demanda a aplicación doutras políticas que beneficien e estean ao servizo da maioría social, entre outras, unha profunda reforma fiscal; incremento do investimento produtivo; creación dunha banca pública; intervención directa do BCE para acabar coa especulación coa débeda pública; mellora do poder adquisitivo dos salarios; creación de empresas públicas nos sectores estratéxicos e soberanía nacional, “para poder decidir por nós mesmos e en función dos intereses das clases populares galegas”.

Respecto da reforma fiscal, Seixo explicou que a CIG aposta por “incrementar os impostos ás rendas máis altas, ás grandes fortunas, ao capital”; por combater a fraude fiscal, que “supera os 60.000 millóns de euros”, do que son responsábeis en máis dun 70% a banca e as grandes fortunas e por suprimir os paraísos fiscais, que é a principal vía de evasión de impostos. “Esta sería a mellor política para loitar contra o déficit público e non a de recorte do gasto social e do investimento público”, afirmou.

De feito, defendeu, que fronte a caída do investimento privado, “a única vía para reactivar a economía e xerar emprego é a de incrementar o investimento público en infraestruturas, I+D, mellora dos servizos públicos...”

Banca Pública

A CIG vén exixindo tamén, desde que comezou a crise, a creación dunha banca pública fronte a banca privada especulativa, para achegar recursos ás pequenas e medianas empresas e ás familias. “Os miles de millóns de euros que os estados prestaron á banca”, denunciou, “foron utilizados para sanear as súas contas e especular, entre outros, coa débeda pública”.

Neste sentido, explicou que o Banco Central Europeo, xunto os gobernos europeos e a propia UE están consentindo a especulación coa débeda, pola vía de xerar enormes beneficios á banca e axudar a recapitalizala “prestándolle os cartos ao 1,5%, para que logo a banca, á súa vez, adquira débeda pública dos estados a xuros do 4,5,8 % ou máis”. Unha política económica que, dixo, “está levando a moitos estados a unha situación próxima á creba, cunhas gravísimas consecuencias para a calidade de vida da clase traballadora”.

Do mesmo xeito, reclamou salarios dignos e estabilidade no emprego, fronte a política de recortes e de precarización das condicións laborais e a creación de empresas públicas en sectores estratéxicos da economía como o financeiro, o enerxético, as telecomunicacións ou o alimentario “fronte o control oligopólico da economía por parte de empresas multinacionais”.

Soberanía nacional

Para iso, reclamou para Galiza soberanía nacional, capacidade de decisión, fronte a centralización do poder en institucións políticas e financeiras “carentes do máis mínimo control democrático e ao servizo dos intereses do capital financeiro”.

Porén, para pór en marcha todas estas medidas, Suso Seixo advertiu que é necesario “tirar abaixo o actual modelo capitalista neoliberal” e vencer o discurso dominante, que “pretende que interioricemos que a crise viu motivada por vivirmos por riba das nosas posibilidades, por un exceso no gasto público, polas excesivas rixideces do mercado laboral e que estas son as únicas medidas posíbeis, que este é o único modelo económico posíbel e que non hai alternativa”.

O secretario xeral da CIG concluíu afirmando que “como clase traballadora, como xente da esquerda, non podemos aceptalo. Este modelo é inxusto, insolidario e antidemocrático”. Denunciou que non garante os dereitos básicos da poboación, que favorece as desigualdades sociais e a acumulación de riqueza e poder en poucas mans e que está dirixido e ao servizo dos intereses dos especuladores. “Delincuentes de luva branca que defraudan miles de millóns de euros ao Estado, inmorais que reclaman o abaratamento do despedimento e a moderación salarial mentres cobran cantidades multimillonarias de salario ou por indemnizacións”.

Por iso, proclamou que “si hai alternativas” e apelou á mobilización social para conseguir que sexan aplicadas. “Eses son e serán os nosos obxectivos nas próximas campañas e mobilizacións”.

Extraido de Avantar 

Nenhum comentário: