O Comité de EMESA denuncia a ilegalidade manifesta da Xunta na resolución do cuarto ERE e anuncia que presentará recurso

O Comité de EMESA quere denunciar publicamente a ilegalidade cometida pola Xunta de Galiza na resolución favorábel do cuarto ERE de suspensión para a planta de Coirós. A representación do persoal xa anunciou que presentará recurso de alzada contra a decisión da Consellaría e vai elaborar un novo calendario de mobilizacións.

Dende o Comité denuncian que a Xunta actúa contra os seus propios actos e as súas propias resolucións, tal e como se ten denunciado durante a tramitación deste ERE. O Comité critica a total indefensión na que deixa ao cadro de persoal a decisión da Xunta,  que se desinhibiu ante os 14 despedimentos executados pola dirección a pesar de ser da súa competencia e ter sumido o compromiso de aplicar o que estabelece o Estatuto dos Traballadores. Ademais, este ERE apróbase pola Xunta sen estabelecer unha garantía do mantemento de emprego do cadro de persoal (tal e como se solicitou por parte do Comité) e sen acreditar a empresa coa documentación precisa, incluso requirida pola Xunta, a causa deste ERE, como ten manifestado a Inspección de Traballo na tramitación deste expediente.

O despropósito, a fraude e mala fe da Xunta é de tal magnitude que non resolvendo expresamente nada sobre o Plan de Acompañamento Social, pretende autorizar á empresa para que aplique un plan absolutamente prexudicial para os traballadores/as no plano económico e laboral. Sobre esta cuestión, o Comité lembra que os 15 puntos que contiña o acordo do anterior ERE quedaron reducidos a tan só tres. Dunha banda, coas condicións recollidas no expediente de regulación o persoal deixará de percibir uns 300 euros mensuais e as pagas extraordinarias. Pola outra, non se achega nin unha soa garantía por parte da empresa para manter os actuais niveis de emprego na factoría.

“A Xunta déixanos no peor escenario posíbel, dándolle á razón a empresa e contradicindo as propias as súas propias afirmacións, cando nos asegurou que ían aplicar a lei con todo rigor”, sinala o Presidente do Comité, Andrés Rodríguez. Ademais, Rodríguez destaca que a resolución da Consellería de Traballo avala as pretensións da dirección de EMESA de desvincular a situación económica e produtiva da factoría de Coirós do conxunto de resultados do Grupo Isolux Corsán, en contra do ditaminado pola Inspección de Traballo (nos informes preceptivos para o terceiro e cuarto ERE), que afirma que calquera decisión de EMESA en calquera ámbito da súa actuación é o Grupo Isolux Corsán quen a decide.
O Comité de Empresa amosou as súas sospeitas a respecto de que Isolux e o Goberno galego utilizaran este ERE e a EMESA como moeda de cambio nas negociacións das compensacións que ambas manteñen a raíz da suspensión da adxudicación que Isolux Corsán tiña otorgada para as obras do desdobramento do corredor do Morrazo.

Documento Xunta sobre a obra do Morrazo CLIC AQUÍ

Dende o Comité de Emesa advertiron que van interpor recurso de alzada contra a resolución administrativa e xa preparan un novo calendario de mobilizacións en contra dunha decisión na que a Xunta colabora con Isolux Corsán no proceso de desmantelamento de Emesa e a destrución de centos de empregos.

Nenhum comentário: