O Comité de Emesa reclama á Xunta que revise “con lupa” a documentación presentada pola empresa para o cuarto ERE

persoal solicita á Xefa Territorial de Traballo que posibilite unha xuntanza entre Comité e a conselleira

O Comité de Emesa continuou este mércores co calendario de mobilizacións en contra do cuarto ERE de suspensión presentado pola dirección. Nesta ocasión, os traballadores/as mantiveron unha concentración diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza na Coruña, onde rexistraron un escritor dirixido á Xefa Territorial de Traballo para solicitarlle que promova unha reunión coa titular do departamento autonómico e demandar da Consellaría que revise “con lupa” a documentación do expediente.

No escrito remitido á Xefe Territorial de Traballo, no que se reiteran os motivos para rexeitar o ERE xa recollidos nas alegacións do Comité ao expediente, a representación do persoal demanda da Xunta de Galiza unha maior implicación cos traballadores/as de Emesa. Para iso, solicitan da administración que “mire con lupa” a documentación achegada pola dirección e que se contraste coa achegada polo Comité, “pois entendemos que existen razóns moi fundadas para a desestimación deste ERE, baseadas nas mentiras en canto a carga de traballo en EREs anteriores e na falla de documentación sobre a carga de traballo neste expediente, así como na ocultación da mesma por parte da dirección da empresa e do grupo Isolux Corsán”.

Sobre este punto, o Comité apunta a que o propio Grupo fai públicas a adxudicación de obras que poderían ser realizadas por Emesa, ao ser a única empresa da compañía que se dedica ás estruturas metálicas. Porén na documentación do ERE non aparece reflectida ningunha destas obras.

Do mesmo xeito, o Comité pídelle a Belén Docampo que posibilite unha xuntanza coa conselleira de Traballo, Beatriz Mato, solicitada hai meses polos traballadores/as, pero que a día de hoxe segue sen concretarse.

Desmantelamento da factoría

Para a representación do persoal, a complicada situación laboral creada na empresa “non é casual”, posto que, aseveran, a Dirección do Grupo Isolux Corsán está a externalizar traballos que até hai pouco se realizaban nas instalacións de Coirós.  Nestas manobras, destinadas ao progresivo desmantelamento de Emesa, enmarcaríanse os catro EREs de suspensións consecutivos presentados pola dirección, que, de aprobarse este último, sumarían xa máis de dous anos de regulación.

Neste senso, o Comité subliña que a documentación achegada por Emesa para o cuarto ERE resulta incompleta. “Documentación que oculta a dirección para levar adiante despedimentos indiscriminados e regulacións que dificultan a situación social do cadro de persoal. Estas accións están orientadas a rebaixar as cargas sociais da empresa por razóns que a día de hoxe descoñece este Comité”, denúnciase no escrito.

O Presidente do Comité, Andrés Rodríguez, lembrou durante a concentración que no período de negociacións a empresa procedeu ao despedimento de 14 traballadores/as; unha acción que cualificou de “falta de respecto absoluta por parte da dirección e da Xunta”. Para Rodríguez resulta incomprensíbel a actuación do Goberno galego neste conflito, pois “un venres o Director Xeral de Relacións Laborais afirma no Parlamento que non vai permitir despedimentos, que van mirar con lupa este cuarto ERE, e cal é a nosa sorpresa cando ao luns seguinte a empresa bota a rúa a 14 empregados sen que a Consellaría tome cartas no asunto”. Estes despedimentos súmanse aos 86 executados a través do expediente extintivo incluído no terceiro ERE.
Extraído de Avantar 
Accede a galería de Imaxes Facendo CLIC AQUÍ

Nenhum comentário: