O persoal de Emesa regresa ao Parlamento de Galiza cunha nova concentración contra o cuarto ERE e o abandono da Xunta

A protesta realizouse coincidindo co debate na sesión plenaria das preguntas formuladas polo BNG ao Goberno relativas á situación laboral da factoría de Coirós
Traballadores e traballadoras de Elaborados Metálicos Emesa trasladáronse na tarde deste martes até as portas do Parlamento galego para desenvolver un acto de protesta, coincidindo co debate na sesión plenaria das preguntas formuladas polo BNG sobre as intencións do Goberno galego a respecto da autorización do cuarto ERE de suspensión para a filial de Isolux Corsán.
Coa concentración, o Comité de Emesa tamén quería lembrar á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e ao conselleiro de Industria, Javier Guerra, o compromiso adquirido hai xa máis de tres semanas de manter unha reunión coa representación do persoal. Compromiso que a día de hoxe aínda agardan ver cumprido.

Mentres parte dos compañeiros/as permanecían ás portas do Pazo do Hórreo, unha representación do Comité acudiu como convidado á sesión parlamentar, da que adiantaron unha valoración moi negativa no tocante ás respostas achegadas dende o Goberno.

En canto ás negociacións do cuarto ERE, o período de consultas remataba esta mesma mañá sen que se producise acordo, toda vez que os traballadores/as rexeitaron asinar calquera documento que non incluíse garantías de mantemento de todos os empregos. Unha garantía que a dirección de Emesa negouse repetidamente a ofrecer, atrevéndose mesmo a executar, en plena tramitación do expediente, 14 despedimentos dos que a Consellaría de Traballo se desentendeu.
Extraido de Avantar
Accede a Galeria de Imaxes facendo CLIC AQUÍ

Nenhum comentário: