Asemblea de delegados na Coruña serve de preámbulo á campaña nacional contra as 65 horas

A asemblea de delegados da Coruña do 1 de outubro, celebrada nun ateigado salón de actos do Edificio Sindical, xirou en torno á campaña nacional que está a emprender o sindicato contra a Directiva de Tempo de Traballo, coñecida popularmente como a Directiva das 65 horas.
Asemblea Coruña 1 Outubro

As primeiras concentracións da CIG hanse celebrar o 7 de outubro en todas as cidades do país, amais de en Cervo (A Mariña). Na Coruña realizarase ás 12:00 horas diante da Subdelegación do Goberno español, na avenida da Mariña, 23, tal como informou o secretario comarcal, Paulo Carril, que estivo acompañado na asemblea por Luís Burgos, membro do Gabinete Técnico da central.

En breves trazos, a Directiva de Tempo de Traballo, que foi acordada polos Ministros de Emprego da UE o 11 de xuño a falta da súa aprobación definitiva polo Parlamento europeo, permitirá poder traballar como máximo unha xornada semanal de até 65 horas con carácter flexíbel que se regularizará por exceso ou defecto cada tres meses. A norma non fixa o tempo de descanso entre xornadas laborais, nin límite de horas de traballo no ano. O que se traballe de máis nunhas semanas, traballarase supostamente de menos nas outras.

A Directiva estabelece para determinados sectores de Servizos que o período inactivo de traballo no que non se preste unha atención continuada non se considere tempo de traballo, como por exemplo, durante unha garda médica o tempo no que non hai pacientes, ou nos tempos de espera entre servizos para os condutores de autobús.

A norma tamén estabelece a posibilidade de que, na sinatura do contrato, o traballador poida "aceptar voluntariamente", de xeito individual e con independencia do regulado no convenio, traballar a xornada de 65 horas.

En defensa da exclusividade na Sanidade pública

Moncho Veras, en representación da Agrupación Médica da CIG-Saúde, tamén interveu na asemblea para concienciar da importancia de reforzar a exclusividade dos médicos do SERGAS co obxecto de defender a Sanidade pública, fronte aos intentos dos sindicatos corporativos por acabar cos incentivos económicos para traballar só no sector público. Actualmente, o 80% dos médicos dos hospitais do SERGAS goza da exclusividade, mais esta porcentaxe redúcese considerabelmente en especialidades como a anestesia e a cirurxía, onde os facultativos optan por traballar simultaneamente no sector público e privado.

Suso Seixo, secretario xeral da central, que clausurou a asemblea, felicitou a CIG-Saúde por esta campaña en defensa da Sanidade pública e avogou por estendela ao conxunto da Confederación.

Nenhum comentário: