A CIG aposta pola mobilización contra as pretensións da UE de ampliar o tope da xornada semanal até as 65 horas

A CIG considera inaceptábel e completamente regresiva a proposta acordada polos ministros de Traballo da UE que pretende ampliar o tope da xornada semanal até as 65 horas. Esta medida, que nos retrotrae até comezos do século XX, precarizará aínda máis as condicións laborais dos asalariados. O sindicato nacionalista aposta pola mobilización para facer fronte a este ataque contra a clase traballadora.

A pretensión de aumentar até as 65 horas o tope da xornada semanal cuestiona o modelo da chamada “Europa social”, como definen e din defender determinados estados membros da UE, sindicatos pactistas e partidos socialdemócratas. A proposta dos ministros de Traballo é unha mostra máis do carácter neoliberal da Unión Europea, na liña do expresado no Tratado constitucional da UE e, agora, no Tratado de Lisboa.

Para a CIG resulta inadmisíbel que a Unión Europea pretenda suplantar a negociación colectiva, instrumento fundamental do que gozan os traballadores para a consecución de melloras salariais e laborais, por un modelo negociador bilateral entre o empresario e o traballador. Este pacto individual estenderíase por sectores con grandes índices de precariedade, nomeadamente, nos servizos.

O aumento da xornada semanal até as 65 horas flexibilizará e precarizará aínda máis as relacións laborais e xeneralizara as xornadas abusivas, aspecto que, ademais, aumentaría a sinistralidade, elevadísima xa de por si. Esta medida tamén dificultaría enormemente a conciliación da vida familiar e laboral. Por tanto, semella que esta é a receita da UE para paliar a crise económica e o desemprego: reducir os salarios dos traballadores e aumentar a súa xornada laboral. Por outra banda, a CIG entende que o Goberno español está a manter unha postura hipócrita nesta tema pois, mentres anuncia a súa “oposición”, se abstén na votación da reunión de ministros de Emprego da UE.

A reforma da directiva de Tempo de Traballo, que foi aprobada o pasado 9 de xuño polos ministros de Emprego da UE e que aínda ten que ser debatida no Parlamento europeo, é totalmente regresiva e excede con creces o límite de 48 horas semanais que marcara a Organización Internacional do Traballo na primeira metade do século XX e que foi mellorado nos diferentes estados grazas á negociación colectiva.

A CIG mobilizarase contra esta medida dentro da campaña que desenvolve a nivel nacional para denunciar o modelo económico capitalista neoliberal que padecen os traballadores. A campaña culminará en novembro coa organización de varias manifestacións ao longo do país.

Nenhum comentário: