Continúa con éxito a folga dos traballadores e traballadoras de Celsa Atlantic

O segundo día da folga dos traballadores e as traballadoras de Celsa Atlantic, en A Laracha, volveu ser un éxito cun seguimento do 100% do persoal. A través do paro, o conxunto dos operarios/as quere reivindicar o inicio dunha negociación co obxectivo de acadar un pacto de empresa que os achegue ao convenio vixente en Laminaciones Arregui, quen recentemente absorbeu a fábrica coruñesa de Celsa Atlantic.

Os traballadores en folga de Celsa Atlantic demandaron a negociación dun convenio xusto, ás portas da fábrica de A Laracha.

O Presidente do Comité e delegado da CIG, Antonio Rodríguez, reiterou que a dirección de Celsa non amosou ningunha vontade negociadora, a pesar dos intentos por parte do Comité, e logo de que o pacto de empresa finalizara en decembro do ano pasado, “mesmo sen negociarse cuestións que estaban programadas”.

“Existe un pacto de empresa que non se cumpre, o que pedimos é que se actualice conforme ao novo convenio vixente en Arregui, o problema é que non se chegou a acordos nin parece que haxa posibilidade de comezar nunha negociación para ir entrando neste convenio”, explica Rodríguez.

Pola súa banda, a dirección da empresa escusa a súa actitude asegurando aos traballadores/as que non ten a obriga de aplicar o convenio vixente na fábrica de Vitoria. “Un dos problemas é que economicamente falar dun calendario laboral suporía a necesidade de crear un número de postos de traballo moi importante, que a empresa non está disposta a asumir”, indica o Presidente do Comité.

Outro dos puntos no que puxo especial énfase o presidente do Comité, e co que a dirección da empresa pretende xogar ao seu favor para limitar as reivindicacións do persoal, refírese á porcentaxe de contratación indefinida que hai na fábrica de A Laracha. Se ben é certo que existe un número elevado de traballadores e traballadoras fixos, non o é menos que as condicións deste persoal foron herdadas da antiga Siderúrgica Añón e non son froito dunha política de estabilidade laboral elaborada por Celsa Atlantic.

Neste senso Antonio Rodríguez explicou que actualmente existe un taxa importante de contratación a través de ETTs, chegándose a rexistrar 1.500 horas mensuais de traballo desenvolto por este persoal.

Ruptura dos servizos mínimos

Na tarde de onte, 18 de febreiro, a dirección de Celsa comunicou aos folguistas que se atopaban na fábrica que unha empresa de mantemento ía entrar nas instalacións, rompendo deste xeito os servizos mínimos pactados e chegando a ameazar aos piquetes co despedimento se intentaban frear a entrada do servizo de mantemento.

Nenhum comentário: