A CIG convoca paros na fin de semana no Metal pola negociación do convenio provincial de Pontevedra

O mércores 11 de marzo tivo lugar unha nova xuntanza da Mesa Negociadora do Convenio, na que se volveu amosar a actitude "inmobilista" da patronal, polo que a CIG tomou a determinación de comezar xa a convocar paros no Metal na fin de semana, como medida de presión. Esta convocatoria está realizada pola CIG exclusivamente. CIG, CCOO e UGT presentaron, xa na primeira reunión da mesa negociadora, un documento conxunto coas principais reivindicacións dos traballadores, cualificadas pola patronal de “inasumíbeis”.
Folga Metal
Imaxe da mobilización no 2005 na negociación do convenio provincial do Metal.

A continuación reproducimos á integra a folla informativa que está a ser repartida nos centros de traballo do Metal, enfocada ao subsector do naval por ser estes traballadores os que están a realizar horas extras na fin de semana:

O dia 11 de marzo celebrouse a terceira xunta do Convenio Colectivo no que a Patronal reincidiu na mesma proposta de prorrogar (conxelar o Convenio) nas condicións económicas e sociais que están reguladas na actualidade. A maiores esixen como condición para seguir negociando que retiremos o anteproxecto presentado.

A postura da Patronal só pode entenderse desde o interese de provocar unha resposta precipitada dos Sindicatos, que nos leve a unha situación sen retorno e de desgaste dos traballadores. Sabemos que a situación é complicada, pero o momento e as respostas que daremos á súa arrogancia decidirémolas entre todos e no momento máis apropiado para nós, nunca no momento que a eles lles interese.

En calquera caso, xa estamos obrigados a tomar algunhas decisións inaprazábeis e que deben significar unha posición de forza.

Primeiro, non resulta aceitábel que nun momento de negociación do Convenio esteamos a colaborar nunha extensión de xornada de traballo que a máis de horas extras nos días laborabéis, implique o traballo en fins de semana. Nunha situación como a actual cunha enorme taxa de desempregados, a nosa responsabilidade solidaria de clase non pode soportar tal condición. Desde este momento chamamos a non traballar as fins de semana.

Segundo, os empresarios non teñen sentido de xustiza nin de cumprimento do Convenio. Son os primeiros que se aproveitan das circunstancias que afectan aos traballadores para aumentar os seus beneficios, e por este motivo levan tempo traendo man de obra estranxeira en condicións que incumpren o convenio.

Ante isto, desde a CIG propoñemos aos outros sindicatos actuar de inmedianto, transmitindo aos estaleiros que a partir de agora as novas contratacións deben ser rigorosamente de traballadores inscritos de xeito legal aquí nas oficinas de emprego. Se non regulamos a contratación desta maneira, estamos permitindo que se discrimine aos traballadores de aqui, porque son os que quedan fora. Polo tanto, se non se cumpre desta maneira, a nosa proposta será parar os traballos naquel estaleiro que non regularice este problema. A responsabilidade será deles.

Nenhum comentário: