A CIG rexeita un posíbel ERE temporal en Ferroatlántica

A CIG manifestou publicamente o seu total rexeitamento a un posíbel ERE temporal en Ferroatlántica, logo de que a dirección da empresa comunicara a posibilidade de presentar un expediente de regulación, baseado no argumento da caída de vendas no 2009 e a acumulación de stock arrastrado dende o pasado ano. Para a central non existen razóns reais e obxectivas que xustifiquen o ERE, máis cando a empresa obtén beneficios mesmo cos fornos parados grazas a explotacións das concesións hidroeléctricas, e reclama a Traballo que actúe responsablemente e non aprobe o expediente no caso de que se chegue e a presentar.
09-02-27 RP Ferroatlantica
A CIG e o Comité de Ferroatlántica amosaron a súa oposición a un posíbel ERE nas plantas de Cee e Dumbría.

O presidente do Comité, Cee e Dumbría, Roberto Rodríguez; o responsábel da central en Ferroatlántica, Fernando Castro, o secretario comarcal de A Coruña, Paulo Carril, o responsábel da Unión Local de Cee, Xabier Castro, o secretario comarcal do Metal de A Coruña, Alfredo Bocija e varios membros do Comité, deron conta da postura da central ante a posibilidade dun ERE temporal en Ferroatlántica e exixiron un plano de futuro e de viabilidade para as plantas de Cee e Dumbría, que están sendo “as vítimas da crise”.

Santos explicou que a consecuencia inicial da situación destas dúas plantas haina que buscar na reorganización do traballo para o 1º trimestre do ano, as paradas dos fornos por períodos máis prolongados do habitual, a finalización dos contratos ao persoal eventual, o tempo máximo de inactividade para os fixos-discontinuos e a reorganización das vacacións. “Estas medidas non deixan de ser un parche cun único obxectivo por parte da empresa: preparar o camiño para un ERE no 2º trimestre do ano”, apuntou Santos.

Propostas de reorganización e inversión

Pola súa banda, a central propuxo que esta reorganización do traballo fose anual e buscar alternativas tamén coa administración, tais como planos de formación ou axudas vinculadas a un non ERE, para evitar o expediente de regulación. “Non se dan as condicións obxectivas e reais para presentar un ERE, estas plantas non poden ser as vítimas das consecuencias da crise do sistema”, asevou Paulo Carril.

Sobre este punto, explicaron que a perda de emprego nesta planta foi constante até que se freou en 1999 e se conseguiu fixar o cadro de persoal no 2003 grazas a un convenio asinado a instancias da CIG. Ademais, lembraron que hai anos se vén reivindicando a mellora, ampliación e consolidación das fábricas de Cee e Dumbría, tal e como se estivo facendo coas plantas de Boo, Sabón e Hidronitro.

“Nestas plantas houbo inversións claras en materia de I+D+i coa patente de tratamento de lodos, a posta en marcha de instalacións para a fabricación de silicio solar, a creación de dous novos fornos e a construción dunha nova planta na China. Mentres, nas fábricas de Cee e Dumbría a innovación é inexistente e os nosos técnicos marchan a outras factorías en Francia, Sudáfrica ou Venezuela”, apuntaba Santos.

Neste punto, os responsábeis sindicais tamén quixeron deixar claro a aposta que facía a CIG por Serrabal como “arma de futuro non só para consolidar as plantas senón para a modernización e a creación de novos postos de traballo. Onde está o compromiso de Villar-Mir e do Presidente da Xunta e a Consellaría de Traballo para manter os empregos?”.

Beneficios das concesións hidroeléctricas

A este respecto lembraron que a planta de Cee e Dumbría están vinculadas á explotación dos recursos hidroeléctricos da comarca, que está xerar cuantiosos beneficios económicos. “É inaudito que cos fornos prados se estean xerando beneficios, e isto é porque a explotación das concesións dos ríos son están dando moitos cartos”, lembrou Paulo Carril, quen acusou á empresa de pretender “expoliar os nosos recursos hidroeléctricos sen vincular esta explotación a un plano de emprego para o conxunto da comarca”.

Dende a CIG xa se ten reivindicado que unha parte dos beneficios xerados pola explotación dos ríos debe recaer na mellora, modernización das plantas e a creación de emprego, “pero pola contra a empresa controla a enerxía directamente dende Madrid creando unha dobre contabilidade. Cal é o balance de contas e beneficios que xeran a explotación da enerxía e que repercusión ou incidencia ten na comarca?”, preguntou Xabier Santos. Ao que engadiu que a Xunta debería exercer a súa responsabilidade e investigar nas contas da empresa, pois “xoga cos recursos de todos os galegos e galegas”.

Nenhum comentário: