A CIG-Metal considera excesiva a condena feita pública na sentenza dos catro traballadores do sector, e adianta que a recorrera

Os catro traballadores do sector do Metal que foron xulgados o pasado 5 de febreiro xa teñen sentenza: foron condenados a 8 meses de prisión por un delito de desordes públicos e unha indemnización a razón de cinco euros por día por danos durante vinte dias. Desde a CIG-Metal subliñan que “é excesiva esta condena, porque non se pode acusar a estes catro traballadores por algo que non fixeron, son inocentes, e aqui o que se quere é criminalizar o movemento obreiro, e neste caso á forte organización sindical que existe no Metal”.
Folga do metal contra a represión sindical 06/11/2008 VI

En calquera caso, explican que "nos sentimos satisfeitos porque se reduce dun xeito moi importante a pena que se solicitaba para estes catro compañeiros", aínda que xa adiantan que recorreran este fallo xudicial, porque "xa poñemos por diante, aínda que teremos que falar primeiro con estes traballadores, que nós cremos que teñen que ser absoltos".

Asi, avalian esta sentenza e sinalan que "deberiamos felicitarnos porque estamos seguros de que esta sentenza final de oito meses, que é unha redución moi importante respecto dos catro iniciais que solicitaba a Fiscalía, é consecuencia da loita e a mobilización que deu ao sector, porque senón probabelmente estariamos falando hoxe dunha sentenza que obrigaría ao ingreso na prisión destes catro compañeiros".

Aproxímanse novos xuízos

Lembran desde a Federación do Metal que "veñen máis xuízos, onde tamén hai unha petición de penas importante, e aquí o sector terá que volver mobilizarse, porque hai procedementos abertos coa instrución finalizada, como son os 13 traballadores, como consecuencia da folga primeira do Metal do 2006, cando foi a carga policial, houbo 13 detidos e para tres deses detidos solicítase tamén penas superiores aos 4 anos de cadea. Non imos permitir que aqui se encarcere a ningún traballador do sector, porque son traballadores e non delincuentes".

Por último, desde a CIG-Metal consideran que "se hai que criminalizar aqui a alguén é a todos aqueles empresarios que veñen repetidamente incumprindo o convenio, en materia salarial, de xornada, abusando e explotando aos traballadores."

Nenhum comentário: