Traballadores/as de Emesa concéntranse en apoio aos 22 compañeiros despedidos

Os traballadores e traballadoras de Elaborados Metálicos Emesa concentráronse na mañá do 13 de maio diante da delegación provincial de Traballo, en cuxo interior se celebraba o acto de conciliación polo despedimento de 22 compañeiros o pasado mes de marzo. Posteriormente, o persoal de Emesa trasladouse até as instalacións da fábrica en Coirós, onde levou a cabo un paro diante das oficinas e leu un comunicado en apoio aos traballadores despedidos.

Coincidindo co acto de conciliación no SMAC, uns corenta traballadores e traballadoras de Emesa convocaron unha concentración diante do edificio da delegación de Traballo en A Coruña en apoio aos 22 obreiros despedidos o pasado mes de marzo pola filial de Isolux Corsán. Os traballadores/as permaneceron no lugar dende as 9:00 horas até as 10:00, e protagonizaron un corte de tráfico durante algúns minutos.

A mobilización fora acordada en asemblea, onde tamén se decidiu convocar un paro na fábrica de Coirós na mesma mañá do 13 de maio ás 11:00 horas. Alí deuse lectura a un comunicado en apoio aos 22 compañeiros despedidos e rexeitando a actitude da empresa.

O presidente do Comité, Andrés Rodríguez, explicou que os operarios despedidos a finais de marzo levaban anos traballando en Emesa, nalgúns casos máis de 30, e lembrou a difícil situación na que se atopan, pois a maioría deles pasa dos cincuenta anos. Ao tempo, criticou os argumentos aducidos pola empresa nos despedimentos, pois esta alegou que os traballadores “non daban o perfil” cando tiñan mostrada sobradamente a súa profesionalidade.

Rodríguez subliñou que xa en xuño do pasado ano Emesa procedera a desfacerse de 46 traballadores e en febreiro rescindiu o contrato a outras dúas persoas. Agora están a espera do resultado do acto de conciliación levado a cabo o 13 de maio.

Retomar as negociacións

O presidente do Comité tamén explicou que o vindeiro día 20 de maio vanse retomar as negociacións para o convenio, cortadas ante o despedimento destes traballadores. Non obstante, Rodríguez apuntou que a negociación vai ser dura e que as condicións presentadas pola empresa son inasumíbeis.

....Continua a ler esta nova en AVANTAR.

Nenhum comentário: