4.000 persoas maniféstanse en Ferrol para esixir o levantamento do veto político a antiga Astano

A CIG, que participou na convocatoria coa súa propia faixa, defende a necesidade dun sector naval galego público.

Preto de 4.000 persoas participaron o pasado sábado 27 de marzo na manifestación convocada pola plataforma Rumbo21 contra o levantamento do veto político á antiga Astano. A CIG, que apoiou a convocatoria, tamén tivo unha presenza destacada na mobilización, portando unha faixa propia na que se demanda o levantamento do veto e se defende a necesidade de consolidar un sector naval galego e público. O escritor Manolo Rivas foi o encargado de dar lectura ao manifesto final na Praza de Armas de Ferrol, onde reivindicou “unha nova primavera naval”.

Baixo as consignas “O veto a Astano que remate este ano” ou “queremos producir, queremos vivir”, a marcha saía pouco despois do mediodía do sábado dende o Peirao de Curuxeiras de Ferrol, arroupada pola presenza de numerosos/as representantes de colectivos sociais, políticos e sindicais, así como por multitude de cidadáns/ás que quixeron amosar o seu rexeitamento a un veto que supuxo o abandono da construción de barcos no estaleiro de Fene e o decaemento das instalacións de Perlío.

A CIG, que apoiou dende o primeiro momento a convocatoria, tivo unha presenza destacada na mobilización coa participación do Secretario Xeral, Xesús Seixo, quen ía nas faixas da cabeceira, o Secretario Nacional da Federación do Metal, Miguel Malvido, así como diversos membros da Executiva Confederal. De igual xeito, a dirección comarcal da CIG de Ferrol participou na manifestación cunha faixa propia baixo a consigna “Polo levantamento do veto. Naval, integral, público e galego”.

Dende a central sublíñase a importancia de rematar cun veto político prorrogado polos gobernos estatais de PP e PSOE, que ten “estrangulado” o desenvolvemento económico da comarca, deixado infrautilizadas as instalacións da antiga Astano, cando menos até o 2015. Neste senso, dende a CIG apúntase á importancia de volveu á construción naval civil, xa que na actual conxuntura deste sector, a industria naval de Ferrolterra “non pode continuar perdendo mercado”.

Compromiso de Zapatero

Durante a manifestación lembrouse ao presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, o compromiso adquirido de iniciar as xestións oportunas en Bruxelas para o levantamento do veto ás instalacións da antiga Astano, durante a presidencia do Estado español na UE. Non obstante, logo de tres meses de mandato aínda non se produciu ningún movemento a este respecto.

"Primavera naval"

Pola súa banda, o escritor Manolo Rivas, reivindicou durante a lectura do manifesto final “unha nova primavera naval” para Ferrolterra e denunciou que “o país que mellor sabe facer barcos en Europa e no planeta terra non pode facer barcos. Os mellores construtores de naves non poden facer naves».
Extraido de AVANTAR

Nenhum comentário: