Nova xornada de paros e concentracións contra os despedimentos en Sykes

A CIG reclama a retirada do expediente de regulación e dos despedimentos de obra
Traballadoras e traballadores de Sykes en A Coruña secundaron este martes unha nova xornada de paros e concentracións na empresa para demandar a retirada de todos os despedimentos e o estudo dun plano de viabilidade que garanta o mantemento da actividade da multinacional en Galiza. Os paros desenvolvéronse nas quendas de mañá e tarde, entre as 10 e ás 12 horas e dende as 17 ás 19 horas.

A protesta non foi secundada por CCOO, quen, xunto con UGT, na xornada do luns volveu dar mostras da complicidades e colaboración coa empresa para legalizar todos os despedimentos e a desaparición da Plataforma de Sykes en A Coruña. Aínda así, UGT acordou finalmente secundar a convocatoria de mobilizacións.

Dende a CIG volveuse reclamar o acordado por todas as organizacións sindicais o pasado 4 e 18 de marzo: a retirada, que non a suspensión, do ERE presentado pola empresa, así como de todos os despedimentos de obra, e a negociación dun plano de viabilidade que garanta o mantemento de todos os postos de traballo.

Pola súa banda, a empresa volveu rachar as negociacións co conxunto do Comité, excluíndo a CIG e CGT das negociacións e argallando unhas novas reunións con CCOO e UGT, como as que desenvolveron en xaneiro pasado, “cando estes sindicatos quixeron vender a todos os traballadores e traballadoras e, afortunadamente, non o conseguiron”.

A última noticia é que a empresa comezou a sondear aos/ás traballadores/as despedidos/as ofrecéndolles unha baixa incentivada a 33 días por ano traballado.

A fraude dos despedimentos

Para a CIG todos os despedimentos, tanto os de obra como os indefinidos, son unha fraude, e o ERE, que a empresa suspendeu pero non retirou, carece de xustificación, toda vez que a compañía obtivo millonarios beneficios nos dous últimos anos.

Por iso, CIG e CGT propuxeron durante a negociación do luns, de cara ao mantemento do 100% dos empregos, un ERE temporal que afectaría a cada traballador/a un máximo de 120 días, garantía do cobro do 100% do salario estando no paro e respecto ás vacacións e pagas extraordinarias. Esta situación daríase mentres Sykes non achegue nova carga de traballo.

Extraido de AVANTAR

Nenhum comentário: