A CIG lamenta a manipulación informativa o Día da Clase Obreira Galega

Ocultaron ou deformaron a información conculcando o dereito fundamental a recibir información veraz
Na mañá deste 11 de marzo, as traballadoras e traballadores que participaron nas mobilizacións convocadas pola CIG o Día da Clase Obreira Galega puideron asistir, atónitos á manipulación informativa da que que foron obxecto estes actos por parte de xornais como La Voz, El País ou o Xornal. Estes medios de comunicación ocultaron ou deformaron a realidade conculcando o dereito fundamental a recibir información veraz. A CIG lamenta a súa actitude e advirte que, lonxe de acadar o seu obxectivo de silenciar ou distorsionar a realidade, o único que conseguen é que cada día se poña máis en cuestión a súa credibilidade, alén de agravar, aínda máis, a xa escasa saúde democrática deste país.

No caso do Xornal a manipulación consistiu na simple ocultación dos feitos: non se informa, non existe. É de supor que para este medio de comunicación, a convocatoria de manifestacións en sete cidades de Galiza carece de interese informativo.

Para El País, só houbo o 10 de marzo un acto relevante, no que o líder de CCOO lembrou a súa participación nos feitos do 72 e, residualmente, dúas manifestacións en Ferrol, unha en Vigo e outra na Coruña. Este último aspecto só merece un parágrafo de 8 liñas.

No caso da Voz, infórmase nas páxinas de Economía, nunha columna, da mobilización de Ferrol e logo, nas distintas edicións, das que se produciron en cada unha das cidades. Porén, a de Santiago, nin se menciona; na de Pontevedra, afírmase que só houbo 200 persoas!; na da Coruña a noticia é que "A policía detén a dous individuos que intentaron boicotear unha manifestación" e no resto apenas merece, en cada unha das distintas edicións, un par de parágrafos. Obviamente sen fotos.

Cómpre lembrar, porén, a cobertura que si se lle deu, nestes medios, ás mobilizacións convocadas por CCOO e UGT, o que leva a concluír que non é que consideren que as mobilizacións sindicais carecen de interese, senón que o que carece de interese, son as mobilizacións convocadas pola CIG. Aténtase así, e gravemente, contra o dereito a recibir información veraz e contra o principio do pluralismo, esencial en calquera sistema democrático.

A CIG non cuestiona o dereito dos medios de comunicación a manter unha determinada liña editorial, nin a que, como empresas, defendan reformas laborais, recortes salariais ou reformas da seguridade social. O que si cuestiona é que estes medios de comunicación pretendan presentarse como plurais, obxectivos e profesionais. Estas cabeceiras atenden aos seus intereses e a CIG non está entre eles.

Nenhum comentário: