CCOO e UGT rompen a unidade sindical na negociación do convenio da Coruña.

Como seguro xa sabes, o actual convenio do metal da Coruña rematou a sua vixencia en decembro do 2009, polo que neste ano 2010 toca negociar un novo convenio colectivo para o sector.

Deste xeito, xa desde finais do ano pasado, a CIG estivemos a realizar asembleas de delegados e afiliados a fin de elaborar un anteproxecto de convenio, para a continuación consensuar cos outros sindicatos unha plataforma unitaria para presentarlle a patronal e comezar a negociación.

Para sorpresa nosa, o 11 de marzo, UGT e CCOO comunícannos que non vai haber plataforma unitaria, é dicir, que non queren unidade sindical na negociación do convenio do metal da Coruña. Isto tradúcese en que CCOO e UGT presentaranlle aos empresarios as súas reivindicacións deixando fora as propostas de mellora do convenio que veñan da CIG.

Desde a CIG non entendemos como na actual situación que atravesa o sector, cando mais que nunca é necesaria a unidade dos traballadores na negociación dos convenios para impedir recortes de dereitos, estes sindicatos se atreven a querer deixar fora de xogo a CIG.

Non entendemos que é o que pretenden intentando apartar da plataforma unitaria a quen xa é nestes momentos o sindicato maioritario no metal da Coruña, a CIG.
Non entendemos que tipo de negociación de convenio pretenden levar a cabo, se xa partimos de plataformas diferentes, co que isto supón de ventaxa para os empresarios, que por certo sí van estar todos unidos e ben unidos defendendo os seus intereses.

Só hai duas respostas posíbles: ou á UGT e á CCOO lle resulta moi incómodo que un sindicato que non se vende teña cada vez mais forza no sector e mais protagonismo na mesa de negociación, ou o que é peor, que o convenio do metal da Coruña na práctica xa estea negociado.

Desde a CIG, como non ía ser menos, faremos exactamente igual o noso traballo, con ou sen unidade sindical. Temos elaborada a nosa plataforma, presentarémola na mesa de negociación, e defenderemos todos e cada un dos puntos. Ao mesmo tempo informaremos cumpridamente ao sector da marcha das negociacións, e ao remate, coma sempre o fixemos, serán os traballadores do metal os que decidan sobre o seu convenio.

Nenhum comentário: