Suso Seixo chama a mobilizarse contra a reforma laboral o 17 de xuño

No acto de clausura do V Congreso Nacional da CIG Metal, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, chamou a reaccionar diante das regresivas políticas que se están a impor; manifestou o máis absoluto rexeitamento, por parte da CIG, á proposta de reforma laboral presentada polo PSOE; criticou o papel desmobilizador de CCOO e UGT e denunciou a connivencia co poder das centrais sindicais europeas, salientando porén, a capacidade mobilizadora das centrais sindicais gregas e portuguesas.

Comezou desgranando o proxecto de reforma laboral que pretende impor o executivo, vía decreto, incidindo especialmente na ampliación do contrato de fomento da contratación indefinida, que reduce a 33 días e 24 mensualidades a indemnización, pagando ademais 8 deses días a través do FOGASA, co que para a patronal queda en só 25 días; na ampliación do contrato en formación até os 25 anos, porque supón “proporcionar man de obra barata para as empresas” e no mantemento das bonificacións á contratación indefinida, algo que a CIG vén denunciando desde que se crearon, e que o propio goberno recoñeceu que eran un fracaso.

Alén diso, salientou o referido á causalidade no caso de despedimentos colectivos e por causas obxectivas do que dixo que “facilita ás empresas que recorran a esa fórmula para efectivizar despedimentos de forma máis doada e limita a capacidade de actuación das administracións e dos xulgados”.

Para o secretario xeral da CIG a única forma de frear a imposición destas medidas é coa mobilización, polo que fixo un novo chamamento a participar nas manifestacións que a CIG ten convocadas para o día 17 de xuño en todas as cidades galegas e criticou o papel “desmobilizador” que están a xogar CCOO e UGT, aos que acusou de “confundir, manipular á clase traballadora e ao conxunto da opinión pública atrasando a adopción de calquera medida até o verán” para que xa non se poida convocar unha folga xeral.

Xunto a iso, e ante os ataques que está a recibir a chamada Europa Social, cuestionou tamén o papel dos sindicatos europeos por entender que a estas alturas xa deberían ter convocado unha folga conxunta en toda Europa, sinalando os únicos países nos que se produciran mobilizacións, Grecia e Portugal.

Nenhum comentário: