Arredor de 1.200 delegados/as da CIG conclúen que a reforma laboral e as outras previstas só se poden frear coa mobilización

Fixose un percorrido polas sucesivas reformas laborais e as súas consecuencias e acordouse reproducir os debates en todos e cada un dos centros de traballo
Delegados e delegadas da CIG analizaron, na asemblea nacional convocada pola central sindical este xoves en Compostela, as consecuencias desta reforma laboral, o retroceso nos dereitos da clase traballadora que se foron introducindo coas sucesivas reformas, desde 1980, e as medidas a adoptar para frear os ataques do neoliberalismo. A asemblea acordou reproducir estes debates en todas as empresas e centros de traballo, que a folga xeral e a mobilización é a única ferramenta que ten a clase traballadora para presionar e obrigar ao goberno á retirada desta e das outras reformas previstas –das pensións, da negociación colectiva...- e que a CIG, como proxecto sindical diferenciado, debe convocar as mobilizacións, o 29 de setembro, por separado de CCOO e UGT.
Na súa intervención, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, incidiu nas graves consecuencias que terá a reforma laboral e a importancia da convocatoria da folga xeral. Porén, explicou que a CIG xa propuxo a CCOO e UGT a súa convocatoria, cando se anunciaron as medidas que logo o goberno impuxo para reducir o gasto público, como a redución dos salarios dos traballadores e traballadoras da área pública, a conxelación das pensións para o ano 2011, a redución do gasto social e produtivo. Proposta que, dixo, estas organizacións sindicais rexeitaron limitando a convocatoria á área pública, malia transcender este ámbito.

Neste sentido, salientou que a pesar de CCOO e UGT non ter mobilizado ás súas bases, a CIG si fixo unha campaña para chamar a participar na folga no sector público, informando nos centros de traballo e convocando asembleas o que permitiu que fora precisamente en Galiza onde máis repercusión tivo esa folga, da que recoñeceu que “foi en xeral, moi cativeira”.


Nenhum comentário: