Éxito na folga en Emesa ao rexistrar un seguimento do 100% do cadro de persoal

O paro realízase na véspera da última xuntanza coa dirección dentro do período de consultas do terceiro expediente de regulación de emprego
Este mércores, os traballadores e traballadoras de Elaborados Metálicos Emesa, S.L. desenvolveron unha xornada de folga e loita na factoría de Coirós para esixir a retirada do ERE de extinción presentado pola empresa e reclamar ao Grupo Isolux Corsán, propietario das instalacións, que deixe de desviar carga de traballo a outras compañias. A xornada de folga foi secundada polo 100% do persoal e, de feito, só entraron na fábrica catro directivos.
Coincidindo co paro, os traballadores/as concentráronse ás portas das factoría de Coirós dende antes das 7:00 horas, onde estiveron custodiados por un importante dispositivo da Garda Civil que desprazou até as instalacións máis de cinco dotacións. Cando os directivos de Emesa pretendían acceder a factoría produciuse algún momento de tensión entre os traballadores e a Garda Civil, mesmo con ameazas de iniciar unha carga; mais finalmente non se rexistrou ningún tipo de incidente.

O paro realizouse na véspera da última xuntanza do período de consultas do ERE que ten presentado a dirección de Emesa, que continúa sen xustificar o expediente de regulación de emprego diante do Comité.

Ademais, aínda que a representación do persoal ten solicitado dende o primeiro momento informes sobre o volume de carga de traballo que o Grupo Isolux Corsán ten en estruturas metálicas, a empresa non tivo a ben achegar esta documentación.

Pola contra, explica o Comité de Empresa, a dirección presentou un documento no que xa expón a súa intención de executar novos despedimentos en setembro (data na que remataría o ERE temporal), que se virían sumar ás 86 extincións de contratos recollidas neste terceiro ERE, no caso ser autorizado pola Consellaría de Traballo.

Neste senso, dende o Comité insístese en que o grupo ten carga de traballo para Emesa, “que oculta xuntanza tras xuntanza, apesares de ser solicitada pola parte social dende hai meses”. Esta ocultación de información responde, segundo a representación dos/as traballadores/as, á intención de reducir o cadro de persoal de Emesa e precarizar a situación laboral dos traballadores e traballadoras que alí desenvolven a súa labor profesional.

“Despois de ter atacado de forma continuada os dereitos dos traballadores e ter incumprido case que todos os acordos firmados no primeiro ERE, a Dirección de Emesa está a buscar o despido barato e a precarización do traballo na factoría”, advirten.

De igual xeito, destacan o clima de tensión que se ten xerado dende o cadro de persoal cara á dirección por mor das mentiras continuadas tanto a respecto da carga de traballo real de Isolux Corsán como sobre as razóns deste terceiro ERE. Actuacións especialmente graves se se ten en conta que hai un grupo de empregados que xa esgotou o paro durante os dous primeiros EREs temporais e que a empresa está a utilizar dun xeito totalmente irresponsábel as prestacións dos traballadores/as.

O Presidente do Comité, Andrés Rodríguez, lamentou tamén a falta de responsabilidade da Xunta de Galiza neste conflito e censurou o desinterese amosado pola Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, no mantemento dos empregos, xa que, a pesar de ter recibido solicitudes por escrito e logo de terse comprometido de xeito verbal ante a representación do persoal, a día de hoxe aínda non recibiu aos traballadores/as.

Nenhum comentário: