O persoal de Emesa maniféstase contra os despedimentos e o desmantelamento da factoría de Coirós

O comité denuncia que a empresa non entregou toda a documentación requirida e acusa á Xunta pola súa falta de responsabilidade
Coincidindo coa conmemoración do Día da Clase Obreira Galega e ao berro de “Sen paro e sen traballo imos para o carallo”, o persoal de Emesa levou este xoves novamente polas rúas da Coruña o seu rexeitamento ao terceiro expediente de regulación de emprego e reiterou o chamamento á responsabilidade da Xunta de Galiza para evitar o despedimento directo de 86 traballadores/as e o desmantelamento da factoría de Coirós.
A manifestación partiu pouco despois das 11:30 horas da Praza da Palloza para rematar unha hora e media despois diante do edificio administrativo da Xunta na Coruña, onde o Presidente do Comité, Andrés Rodríguez informou aos traballadores/as do resultado da última xuntanza mantida coa dirección de Emesa e rexistrou un escrito dirixido á Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, lembrando o compromiso que adquiriu hai unhas semanas para manter un encontro coa representación do persoal.

Rodríguez explicaba ao inicio da marcha que a empresa continúa negándose a entregar a documentación requirida polo Comité, dende o Plan Social que debe acompañar o expediente de regulación de emprego até información sobre o volume total de carga de traballo para elaborados metálicos que ten Isolux Corsán, propietaria das instalacións de Coirós. Así mesmo, censurou a actitude mantida pola dirección durante o período de negociacións, pois en ningún momento tivo a ben estudar as alternativas propostas pola parte social.

Para o Presidente do Comité este terceiro ERE presentado por Emesa é unha fraude, xa que, reiterou, a empresa non ten demostrado a causa produtiva que alega para presentar o expediente. Neste senso, amosou a súa desconfianza a respecto das cifras trasladadas por Isolux Corsán, que asegura contar só con 2.500 toneladas de traballo no sector do metal. Hai que lembrar que o grupo posúe numerosas factorías e conta con 8.000 traballadores e traballadoras distribuídos en diferentes países.

Dende o Comité aseguraron que o obxectivo da empresa é desmantelar a factoría de Coirós, polo que advirten que a partir de setembro (data na que, de autorizarse, remataría o ERE temporal) haberá novos despedimentos.

A representación do persoal acusou á Xunta de non terse posicionado claramente a favor da continuidade dos empregos e de estar favorecendo, coa súa pasividade, a destrución do tecido produtivo da comarca e que as listas do paro sigan engordando de xeito alarmante.

Nenhum comentário: