O pleno municipal da Coruña aproba a moción de apoio aos traballadores/as de Emesa

O texto, que non recibiu o apoio do PP, insta ao goberno galego a rexeitar o ERE e a traballar a prol da continuidade da actividade e o emprego na factoría
Coincidindo co debate da moción de apoio no Pleno municipal da Coruña, os traballadores e traballadoras de Emesa desenvolveron unha concentración diante do Concello, na Praza de María, en demanda da continuidade dos empregos e contra o terceiro ERE que a empresa pretende levar adiante. A moción, que foi aprobada polo PSOE e BNG, non recibiu o apoio do PP que pretendía votar por separado os distintos puntos do texto.
Mentres unha parte dos traballadores/as de Emesa coreaban consignas contra o terceiro ERE para a planta de Coirós, outra parte do persoal seguía no interior do pazo de María Pita o debate no Pleno municipal arredor da moción presentada polo Comité en apoio á continuidade dos empregos, que finalmente foi aprobada polos grupos do BNG e PSOE. Non obstante, o PP retirou o seu apoio á iniciativa, xa que pretendía votar por separado os distintos puntos.

A través desta moción, a Corporación local solicita ao goberno galego que desestime o terceiro expediente de regulación de emprego en Emesa, que inclúe o despedimento de 86 contratos e a suspensión doutros 140, e traballe para manter a actividade produtiva e o actual nivel de emprego na factoría de Coirós. Así mesmo, solicítase do Conselleiro de Industria e da Conselleira de Traballo que reciban ao Comité de empresa e á representación sindical (solicitudes que xa foron cursadas de xeito oficial pola representación do persoal hai semanas), e úrxese á Xunta para que adopte medidas de cara a manter a actividade industrial e os postos de traballo.

Neste senso, o Secretario do Comité, Alberte Muíño, volvía denunciar ás portas do Concello o desinterese do grupo propietario de Emesa, Isolux Corsán, pola continuidade da fábrica de Coirós. Así, lembrou que o grupo ten desviado carga de traballo a outras empresas ou subcontratado tarefas que até o momento se viñan realizando en Emesa.

O Comité de Emesa está presentando esta mesma moción de apoio en todos os Concellos da Comarca.

Nenhum comentário: