O Comité de Emesa arranca o compromiso da Conselleira de Traballo para manter unha xuntanza

A representación do persoal lembra que Isolux Corsán ten desviado nos últimos anos carga de traballo que correspondería a Emesa a outras factorías
Logo de varias tentativas e solicitudes formais desatendidas, o Comité de Emesa conseguía este mércores o compromiso da Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, para manter unha xuntanza na que abordar a situación na filial de Isolux Corsán fronte ao terceiro ERE.

Traballadores/as de Emesa desenvolveron unha concentración ás portas do Parlamento.

O encontro producíase no marco do debate parlamentar que tivo lugar na Cámara galega con motivo das iniciativas presentadas polo BNG a respecto das intencións da Xunta diante da nova regulación presentada por Emesa. Grazas a intermediación dos deputados da formación nacionalista, o Comité de Emesa puido ter un breve encontro nos corredores do Pazo do Hórreo, do que conseguiron tirar o compromiso da Conselleira de manter unha reunión formal coa representación dos traballadores/as da planta de Coirós.

Dende o Comité lembróuselle a titular do departamento autonómico a fraude na que Isolux Corsán basea as razóns para presentar este novo ERE (de extinción e suspensión), xa que a multinacional argumenta unha caída na produción para xustificar os despedimentos, afirmación que o persoal desmente. Neste senso, apuntan que non se pode desvincular a produción de Emesa da produción global do grupo e denuncian que durante os últimos anos Isolux estivo externalizando carga de traballo que até o momento se viña facendo na planta de Coirós.

Por iso, o Comité demandou a dirección que entregue documentación sobre a carga de traballo real que o grupo ten no ramo do metal, así como o volume de actividade que a empresa ten externalizado e os lugares nas que se está realizando, co obxecto de demostrar o engano no que incorre a empresa.

Ademais, o Comité volveu advertir que a autorización dos 86 despedimentos que pretende a empresa non é unha garantía para a continuidade da actividade en Emesa, xa que a dirección non amosou en ningún momento vontade para manter ou buscar carga de traballo para a planta de elaborados metálicos. Neste senso, destacar que a dirección tampouco ten achegado á parte social o plano de viabilidade no que se recollan as garantías para a continuidade da factoría e dos empregos.

Nenhum comentário: