O persoal de Emesa pide o compromiso claro da Xunta na defensa dos empregos e acusa a Isolux de querer desmantelar a factoría

Traballadores e traballadoras manifestáronse dende a Delegación do Goberno até as oficias da Consellaría de Traballo na Coruña
Traballadores e traballadoras de Emesa realizaron unha manifestación esta mañá entre a Delegación do Goberno na Galiza e as oficinas da Consellaría de Traballo na Coruña para demandar a retirada do terceiro ERE presentado pola dirección e instar á administración a que asuma unha postura contundente na defensa dos empregos e desestime o novo expediente. Dende o Comité tamén se apuntou á responsabilidade de Isolux Corsán, propietaria de Emesa, pola situación actual, xa que ten desviado ou subcontratado carga de traballo que correspondería a Emesa.
Os traballadores/as iniciaron esta nova protesta cunha concentración duns 20 minutos diante da Delegación de Goberno, de onde partiron en manifestación polo centro da cidade até as portas das oficinas da Delegación de Traballo na Coruña. Ao berro de “ERE de extinción para a dirección” ou “Conselleira de Traballo manda o ERE ao carallo”, o persoal apelou novamente á responsabilidade do goberno galego para que evite que a empresa poida levar a cabo os despedimentos e a regulación temporal.

Andrés Rodríguez, Presidente do Comité (con maioría da CIG) explicou que o futuro laboral en Emesa atravesa unha situación moi complicada dende que en novembro de 2009 se puxera en marcha o primeiro ERE. Este terceiro expediente inclúe a regulación temporal de 140 operarios/as e, ademais, a extinción de 86 contratos.

Rodríguez apuntou que a dirección ten ignorado todos os acordos asinados no primeiro ERE coa representación dos traballadores/as, mentres que “a Xunta anda ás voltas con nós, dándonos largas”. A este respecto, lembra que hai moitos compañeiros e compañeiras que esgotaron xa as prestacións por desemprego, a pesar de quen nos acordos asinados se estabelecían rotacións equitativas do tempo de traballo entre o conxunto do persoal, para evitar que os traballadores/as gastasen o seu dereito a cobrar o paro.

“Nas conversas que mantivemos coa empresa pedimos a documentación relativa ás rotacións, así como o plan de viabilidade, pero a dirección négase a entregar calquera das dúas informacións”, denuncia o Presidente do Comité. Ademais, continúa “cando preguntamos polas garantías que existen para a manter a estabilidade dos empregos logo deste ERE, a empresa contesta que son as mesmas que agora e advirte que haberá novas extincións de contratos”.

Dende o Comité sinalan directamente a Isolux Corsán, propietaria de Emesa, como causante desta situación, pois durante a vixencia dos expediente de regulación non procurou buscar solucións para a factoría de Coirós e mesmo ten desviado ou subcontratado carga de traballo que até agora se viña realizando en Emesa. Por iso, advirten, a intención final da compañía é o desmantelamento progresivo da factoría. Hai que ter en conta que previamente á execución do primeiro ERE, a empresa xa procedera a despedir a uns cen traballadores/as da planta.

Solicitude de reunións

O presidente do Comité foi moi crítico coa actitude mantida pola Conselleira de Traballo e Benestar e o titular de Industria, con quen teñen solicitado cadansúa entrevista. Rodríguez censurou que ningún dos responsábeis das consellarías accedese a manter unha reunión co Comité, derivando as xuntanzas á Subdirección Xeral de Relacións Laborais e ao Igape.

Neste senso, Rodríguez aclarou que se manifestaban até a Delegación da Consellaría de Traballo na Coruña, porque “nesas oficinas estase xogando moito con nós dende o primeiro ERE”. Así, explica, “o pasado día 16, ás 09:00 horas chegounos un fax informado que o período de consultas estaba paralizado porque faltaba documentación no ERE, pero as dúas da tarde comunicáronnos o contrario, mentres que a empresa entende que o período se iniciou o día 3 de febreiro. A Xunta ten que pór freo a este despropósito”, aseverou.

Concentración diante do Parlamento

Coincidindo co debate no Parlamento galego da iniciativa de lei e a pregunta presentadas polo BNG a respecto do mantemento dos empregos e das intencións do goberno galego perante o novo ERE, os traballadores e traballadoras teñen previsto concentrarse diante do Pazo do Hórreo na tarde do mércores 23 de febreiro. Así mesmo, unha representación do Comité acudirá como convidado ao pleno do parlamento.

Nenhum comentário: