O Comité de Emesa inicia unha rolda de xuntanzas na procura de apoios para paralizar a destrución de empregos

A representación do persoal manterá encontros con grupos políticos e promoverá mocións de apoio nos Concellos da contorna
O Comité de Empresa de Elaborados Metálicos EMESA, S.L. está a realizar unha serie de entrevistas con distintos representantes políticos para trasladar a situación laboral na factoría de Coirós e buscar apoios de cara a evitar que o expediente de extinción e o de regulación temporal saian adiante e garantir así a continuidade de todos os empregos.
Alén das mobilizacións que os propios traballadores/as teñen previsto desenvolver nos vindeiros días, a representación do persoal ten concretados as seguintes xuntanzas:

Mércores 16 de febreiro: ás 18:00 horas o Comité de Emesa reunirase cos grupos políticos do Concello de Betanzos no Edificio Liceo (Salón Azul). A reunión responde á busca de apoios entre os concellos da Comarca que o Comité está a levar a cabo, de cara a conseguir que se aproben mocións para a retirada dos EREs e na defensa da continuidade de todos os empregos. Esta iniciativa levarase a todos os concellos da contorna.

Xoves 17 de febreiro: ás 09:00 horas, encontro con Salvador Fernández Moreda, nos locais da Deputación Provincial, na súa calidade de presidente provincial do PSOE na Coruña.

Posteriormente, as 11:30 horas terán unha xuntanza co candidato do BNG á alcaldía da Coruña, Xosé Manuel Carril, o candidato á alcaldía no Concello de Betanzos, Henrique del Río, e a responsábel comarcal do BNG, Silvia Seixas. Ademais, na entrevista estará presente Carlos Aymerich, voceiro do BNG no Parlamento galego, con quen tratarán a proposición non de lei solicitando a retirada do ERE e a pregunta a respecto das axudas concedidas a Emesa e Isolux Corsán, que o Bloque Nacionalista Galego presentou á Mesa do Parlamento.

Nova manifestación

Así mesmo, o venres 18 de febreiro, os traballadores e traballadoras de Emesa realizarán unha nova manifestación, a partir das 11:00 horas. A marcha sairá dende a Delegación do Goberno até as oficinas da Consellaría de Traballo na rúa Fernando Macías. Posteriormente no edificio de sindicatos en Alfonso Molina , celebrarase unha asemblea de traballadores e traballadoras para avaliar os resultados das entrevistas e analizar novas accións a levar adiante.

Nenhum comentário: