O Comité de Emesa pide a retirada dos EREs para buscar unha saída negociada que garanta o mantemento dos empregos

Denuncia que a empresa non presentou a documentación e rexeita o desinterese da Xunta
O Comité de Emesa vén de denunciar as irregularidades que está a cometer a empresa na presentación do terceiro expediente de regulación de emprego (de extinción e suspensión), coa conivencia da Consellaría de Traballo, xa que nin sequera achegou a documentación obrigatoria para iniciar a tramitación administrativa do ERE. Emesa pretende despedir a 86 traballadores/as e aplicar unha nova regulación temporal a 140 empregados/as da planta de Coirós.
Na xuntanza que mantiveron onte o Comité e a dirección de Emesa, esta continuou sen entregar o Plan Social, a pesar de que ten a obriga legal de presentalo xunto co resto da documentación do ERE. A falta deste Plan supón a desestimación do expediente por parte da administración competente, neste caso, a Consellaría de Traballo e Benestar. Do mesmo xeito, a representación social pediu á dirección a retirada dos dous expedientes co obxecto de abrir un período de negociacións para elaborar un Plano de Emprego e Viabilidade que garanta o mantemento de todos os postos de traballo.A este respecto, o Presidente do Comité, Andrés Rodríguez, lembra que nos últimos tempos Isolux Corsán, propietaria de Emesa, estivo subcontratando e desviando traballos que até entón se realizaban en Coirós a outras empresas. Así aconteceu nas obras de ampliación do aeroporto de Lavacolla ou neste momento nas obras da terceira ronda da Coruña. “É a propia dirección de Isolux quen está a estrangular o futuro de Emesa e de todos os postos de traballo”, sinala.

Ademais, mesmo existindo carga de traballo, a dirección de Emesa dedicouse a presionar aos traballadores/as para que realizasen o máximo de horas extraordinarias, en lugar de chamar ao persoal afectado pola regulación temporal.

Pola súa banda, a única proposta que saíu da empresa para reducir os efectos dos despedimentos foi unha “posíbel” incorporación dos empregados/as afectados polo ERE de extinción (86 persoas), sempre e cando haxa traballo na factoría.

Tendo en conta a crítica situación e falta de vontade negociadora de Emesa, o Comité apelou novamente á responsabilidade da Xunta, “pois dende o primeiro ERE está facendo oídos xordos ás denuncias dos traballadores/as” e nin sequera se ten pronunciado a respecto da falta de documentación do último expediente.

Así mesmo, o Comité de Empresa ten solicitada desde o pasado venres reunión co Conselleiro de Economía e Industria e coa Conselleira de Traballo, sen que a día de hoxe teñan dado resposta algunha, a pesar do gravidade da situación e do número de despedimentos que a Empresa pretende levar adiante.

“A Xunta volve calar igual que fixo con todas as demandas que presentamos contra Emesa polos reiterados incumprimentos dos acordos acadados para a execución dos EREs temporais”, critica Rodríguez, quen lembra que teñen presentado nos xulgados da Coruña demanda de conflito colectivo contra a empresa polas discriminacións nas rotacións do tempo de traballo.

Mañá xoves está convocada unha asemblea de traballadores/as en Coirós na que o Comité explicará os resultados da xuntanza coa dirección e se avaliará a convocatoria dun novo calendario de mobilizacións en defensa dos empregos.

Nenhum comentário: