Os traballadores/as de Emesa apelan á responsabilidade da Xunta para frear o terceiro ERE na empresa

Persoal da factoría de Coirós realizou unha marcha polas rúas da Coruña en contra dos case 90 despedimentos que pretende executar a dirección
Ducias de traballadores e traballadoras de Elaborados Metálicos, S.L. (Emesa) concentráronse esta mañá diante dos edificios administrativos da Xunta na Coruña, onde fixeron entrega de varios escritos dirixidos á Consellaría de Industria e Traballo para que impidan que a empresa leve a cabo o terceiro ERE na planta de Coirós, que ademais, desta volta inclúe o despedimento de 89 traballadores/as.
Tras rexistrar os escritos, nos que o Comité solicita unha xuntanza cos responsábeis políticos de ambas Consellarías para exporlles a súa complicada situación e deixa constancia das irregularidades na documentación presentada pola empresa para este terceiro ERE (de suspensión e extinción), o persoal partiu en manifestación até as dependencias que a Xunta de Galiza ten en Matogrande. Dende alí, a marcha continuou até o edificio de sindicatos, onde mantiveron unha asemblea.

Durante a marcha, que estivo custodiada por un forte dispositivo policial, puidéronse escoitar consignas como “ERE de extinción para a dirección” ou “sen paro e sen traballo imos para o carallo”, en referencia ao feito de que varios traballadores/as perderon xa o dereito a prestación por desemprego por mor das discriminatorias rotacións no tempo de traballo durante a execución das dúas regulacións temporais que padeceu a fábrica de Coirós e que en total sumarán 16 meses.

Agora, a empresa pretende sacar adiante un ERE de extinción, que, de ser autorizado pola Consellaría de Traballo, suporía o despedimento de 89 persoas, máis os/as 140 traballadores/as que se verían afectados por unha nova regulación temporal. Alén do persoal de Emesa, na factoría hai traballadores/as destinado aos servizos e cociña, limpeza, pintura, etc., que tamén se verían prexudicados/as. “En total, case uns 300 empregados/as, e as súas familias, estarían afectados/as polo expediente”, matizaba o Presidente do Comité, Andrés Rodríguez.

“Este ERE significa o continuación do desmantelamento da factoría de Coirós”, denunciaba Rodríguez ao inicio da mobilización, quen subliñou que xa antes da execución da primeira regulación temporal, a dirección de Emesa levara a cabo máis de cen despedimentos.

“Dirixímonos hoxe á Xunta porque é a máxima responsábel, xa que a administración é a encargada de autorizar ou rexeitar os EREs”, apuntaba o Secretario do Comité, Alberte Muíño, ao tempo que rexeitaba os argumentos esgrimidos pola empresa para xustificar a súa decisión.

Traballos subcontrados

O Presidente do Comité lamentou a falta de interese que tanto Emesa, como o grupo ao que pertence, Isolux Corsán, teñen amosado pola continuidade da actividade nas instalacións de Coirós. De feito, dende o Comité tense denunciado que a dirección está subcontratando traballados que até hai meses se viñan realizando na factoría. Así aconteceu con tarefas para as obras de ampliación do aeroporto de Lavacolla e nestes intres sucede o mesmo coas obras da ponte a Pocomaco (na terceira ronda da Coruña), que Isolux pasou a outra empresa.

Iniciativa parlamentar

O vindeiro 23 de febreiro a situación do persoal de Emesa chegará ao Parlamento Galego, a través dunha iniciativa que vén de presentar o BNG interesándose polas medidas que o goberno galego vai adoptar diante da presentación deste novo ERE.

Así mesmo, dende o Comité advertiuse que as mobilizacións na defensa dos postos de traballo continuarán nas vindeiras semanas.

Nenhum comentário: